Turismo cerca

“Camariñas está de moda”

A proba? Na súa XXXII Mostra do Encaixe, que reunirá a ata 13 grandes firmas e máis de media ducia de desfiles do 5 ao 9 de abril coas súas paisaxes como marco incomparable

Un momento do   ‘ArtEncaixe'.

Un momento do ‘ArtEncaixe'. / Cedida

A XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña volverá do mércores 5 ao domingo 9 de abril co lema ‘Camariñas está de moda’. Unha edición que vai redoblar a aposta por destacar a tradición milenaria do encaixe de Camariñas como un elemento de moda á vangarda e que o fará nun marco incomparable como son as paisaxes do municipio.

A apertura da trixésimo segunda edición da Mostra terá lugar o mércores 5 ás 15 horas co tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte, que deixará paso ao acto de inauguración coas autoridades. Xa a partir das 18 horas comezarán os primeiros desfiles: os máis pequenos do ‘PequEncaixe’ serán os encargados de pisar por primeira vez a pasarela e a clausura correrá a cargo dos Grandes Deseñadores. 

Durante os cinco días un total de 13 firmas da categoría de ‘Grandes Deseñadores’ subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe. Neste desfile participan firmas e deseñadoras e deseñadores de alto prestixio a nivel nacional como: Modesto Lomba, Dolores Cortés, Esteban Freiría, Edith del Valle, Claudina Mata, Franco Quintáns, Andion, Ana Cabranes, Miquel Suay, Jorge de Álvarez, K-Kou, José Matteos e Sara Lage.

 O desfile de ‘ArtEncaixe’ estrearase o xoves, 6 de abril, ás 12:45 horas. Este ano son 11 os artesáns que chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais. 

O deseñador Esteban Freiría durante o desfile de Grandes Firmas.

O deseñador Esteban Freiría durante o desfile de Grandes Firmas. / Cedida

Ese mesmo xoves, 6 de abril, tamén debutarán as persoas participantes no XXIX Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios. O venres 7 ás 20:30 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 9, a partir das 19:30, horas darase a coñecer o fallo do xurado. 

Outra das novidades desta edición é o desfile ‘ReEncaixando’ no que volverán á Mostra as coleccións dalgúns dos participantes do concurso de Noveis Deseñadores da anterior edición, do ano 2022. Terá lugar o domingo ás 12:45 horas. 

O xoves 6 de abril tamén foi o día escollido para facer un desfile de homenaxe ás palilleiras (19:15 horas), encargadas de preservar coas súas mans a tradición do municipio, no que participarán o ArtEncaixe, os Grandes Deseñadores e o PequEncaixe.

Outro ano máis volverán á Mostra as delegacións internacionais. O sábado 8 ás 19:15 horas terá lugar o primeiro desfile das ‘Delegacións de encaixeiras internacionais’. Repetirán o domingo 9 ás 12:45 horas.

Música e humor sumaranse á moda durante a mostra coas actuacións de touriñán e o camariñán Lopes

Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do ‘Pequeencaixe’. As 50 nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos. O mesmo ocorre no desfile de ‘Encaixeiras Senior de Camariñas’ que terá lugar o domingo 17 ás 19:30 horas durante o acto de clausura do evento. 

Este ano os asistentes poderán gozar da música do camariñán Lopes (o domingo 9 ás 21 horas como clausura da Mostra) e rirse a esgalla con Touriñán nun monólogo que terá lugar o sábado ás 20:30 horas na propia pasarela.

Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén o VI Encontro de Corais que terá lugar o domingo 9 ás 11:45 horas.

Aproveitarase o evento para a presentación de libros e durante toda a Mostra tamén haberá stands gastronómicos e demostracións artesanais, ademais de Parque Infantil.