Situado no lugar de Torneiros, Concello de O Porriño, á beira do río que leva o mesmo nome, O IES Ribeira do Louro traballa para contribuír á educación e formación dos máis de 600 alumnos e alumnas que estudan no centro. Precisamente con este obxectivo, o vindeiro curso engadirá á súa oferta educativa dous ensinos, que queren desenvolver "con toda a ilusión do mundo".

"Fomos seleccionados para impartir o Bacharelato Xeral, modalidade nova que foi concedida a moi poucos centros da provincia, e tamén temos concedido o Ciclo medio de Pedra Natural, ensino que se impartirá na modalidade de FP Dual", contan deste xeito desde o centro, referente cultural e educativo no Porriño.

Ademais das materias lectivas, a formación do seu alumnado complétase coa realización de diferentes proxectos nos cales o alumnado participa, usualmente de forma voluntaria e que se manifesta, entre outros xeitos, coa participación en diferentes eventos, obtendo uns resultados excelentes.

Este curso teñen participado na XIII Olimpíada de Xeoloxía (1º e 2º premios en Galicia, 6º premio a nivel estatal), na XVII Olimpíada de Bioloxía, no Desafío Científico de Galicia sobre Economía Circular (1º premio na categoría de Bacharelato), no Concurso Internacional Careforest (2º premio nacional e 3º internacional) e na XII Olimpíada Galega de Economía, e tamén no XII Concurso da Incubadora de Sondaxes e Experimentos (finalistas e mención especial, alumnado 4º da ESO). Sen esquecer a mención para unha das alumnas de 3º da ESO, que gañou o 1º premio no concurso de carteis con motivo do 8M (Día Internacional da Muller), que foi recibido da man da conselleira de Igualdade nun emotivo acto en Santiago de Compostela. 

Ademais das materias lectivas, a formación do seu alumnado complétase coa realización de diferentes proxectos. Cedida

Coñece a súa oferta

  • ESO
  • Bacharelato Humanístico e Social  
  • Bacharelato Científico e tecnolóxico
  • Bacharelato Xeral (exclusiva no Porriño)

Adultos

  • Ensinanzas Básicas Iniciais
  • Educación Secundaria Persoas Adultas

 Ciclos formativos

  • FP básica: Electricidade e Electrónica e Comercio
  • C.M. Xestión Administrativa 
  • C.M. Instalacións de Comunicacións
  • C.S. Administración e Finanzas (bilingüe)
  • C.S. Comercio Internacional (bilingüe)
  • C.M. de Pedra Natural FP dual (inicio 2022-2023)


Ademais, o seu alumnado pode escoller entre unha ampla variedade de actividades complementarias: grupos de teatro, club de ciencias, club de lectura e radio escolar.

"No IES Ribeira do Louro dámoslle moita importancia ao coñecemento de diferentes linguas estranxeiras, ademais do inglés e francés, os nosos estudantes poden aprender portugués no seu horario lectivo. No proxecto CUALE para inglés e francés, prepáranse para as probas de nivel da Escola Oficial de Idiomas. Isto vén emparellado coa formación profesional plurilingüe, con algunhas materias impartidas en lingua estranxeira, nos ciclos superior de Administración e Finanzas e superior de Comercio Internacional", engaden desde o IES Ribeira do Louro, onde a formación complétase coas Mobilidades Erasmus de alumnado dos ciclos superiores con países coma Albania, Ucraína, Bosnia, Montenegro, e países da Comunidade Europea.

Esta mobilidade vai nas dúas direccións, acollendo no centro a estudantes procedentes de diferentes países. Neste momento, teñen nas súas aulas un grupo de xoves procedentes de Albania e Ucraína.  

Unha comunidade que procura contribuír á educación e formación de máis de 600 alumnos e alumnas. Cedida

Proxectos europeos:

Por outra banda, o IES Ribeira do Louro sobresae pola súa participación en importantes proxectos europeos coma os que siguen:

  • BKSTONE - "PLATAFORMA EDUCACIÓN SUPERIOR-EMPRESA PARA FOMENTAR, MODERNIZAR E LOGRAR UN CRECEMENTO SOSTIBLE NA INDUSTRIA DA PEDRA NATURAL NOS BALCÁNS OCCIDENTAIS"

O proxecto BKStone ten como obxectivo principal fomentar a modernización e desenvolvemento do sector da pedra nos Balcáns occidentais mediante o fortalecemento da relación entre as institucións de educación superior e as empresas. Para alcanzar o seu desenvolvemento segundo a norma e requisitos da UE e para satisfacer as necesidades e requisitos da demanda internacional actual de produtos de pedra natural, a industria dos Balcáns occidentais ten que realizar importantes cambios en distintos aspectos: xestión, métodos de canteira, métodos de procesamento, controis de calidade, seguindo estándares internacionais, métodos de colocación, estratexias de mercadotecnia, etc. Estes cambios requiren a participación de todos os axentes locais, concretamente as organizacións de educación superior (HEI) e as organizacións de formación e formación profesional (FP). Sen a contribución das organizacións de educación, a modernización da industria da pedra é imposible.

  • CAREFOREST- COIDAR O BOSQUE PARA PROTEXER OS ECOSISTEMAS LOCAIS E GLOBAIS E A VIDA HUMANA

Sensibilizar sobre o coidado e protección dos bosques, hoxe en día ameazados non só pola contaminación ambiental e da auga, senón tamén, polos incendios importantes, nomeadamente frecuentes en toda Europa, especialmente na conca do Mediterráneo.

Europa está cada vez máis comprometida coa protección dos cidadáns e este é o principal obxectivo no caso das catástrofes de incendios forestais. 

  • ECOBUILD - XOGANDO Á ECO-CONSTRUCCION PARA APRENDER A PROTEXER AMBIENTE

O obxectivo principal do proxecto e concienciar e ofrecer novos coñecementos a estudantes de entre 12 e 16 anos sobre novos conceptos como a pegada do carbono, a reciclaxe dos materiais de construción e de todos os materiais en xeral, o consumo de auga ou a acidificación do terreo, etc. 

  • GEGAME - UN VIDEOXOGO PARA USAR NAS ESCOLAS E PARA PROMOVER A IGUALDADE DE XÉNERO

En xeral, o principal obxectivo deste proxecto será a creación de dúas ferramentas educativas, un videoxogo e un manual multimedia, que favorezan a igualdade de xénero, como principio básico para desenvolver unha convivencia de calidade. Ademais, a través deste proxecto crearase un sitio web onde se colgarán as ferramentas desenvolvidas, tamén de axuda didáctica, e actuais informacións relacionadas coa igualdade de xénero.

  • EYFEC

Ten como obxectivo xeral empoderar a sociedade, en especial a xuventude e as institucións públicas, empresas, ONG etc., co fin de que actúen como axentes de cambio para o desenvolvemento ambiental e sostible, o cal cobra unha forza especial neste momento de profunda crise económica que estamos a sufrir provocada pola pandemia. Dentro deste proxecto, unha representación do noso alumnado viaxará o próximo mes a Mozambique para colaborar con estudantes deste país. 

Para saber máis: https://www.edu.xunta.gal/centros/iesribeiralouro/

IES Ribeira do Louro. Cedida