Juan María aposta por unha realidade máis accesible para persoas con discapacidade
Este centro de apoio, formación e oportunidades nigranés busca reducir a fenda dixital no colectivo a través de actividades propias do xornalismo ou a cociña

Unha das actividades que realizan, as entrevistas. / FADEMGA
O Centro Juan María ven traballando dende fai tempo nun conxunto de proxectos co obxectivo de dar oportunidades ás persoas con discapacidade intelectual de mergullarse no mundo audiovisual e dixital.
Unha das premisas que rexenta para conseguilo é adquirir novas habilidades tecnolóxicas, así como impulsar a participación das persoas do centro en eventos culturais da comunidade galega. Isto acabou propiciando o xurdimento dun dos proxectos que máis transcendencia tivo publicamente, o coñecido como ‘Reporteiros en Rede’.
Reporteiros en Rede
É un proxecto no que un grupo de persoas exerce a labor xornalística entrevistando a artistas en Galicia e explorando os diferentes eventos culturais da contorna.

Reporteiros en Rede / Cedida
O seu obxectivo é que as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento poidan involucrarse activamente no uso das novas tecnoloxías; así, algunhas das prácticas que realizan están vinculadas coa fotografía, vídeo e ferramentas tales como cámaras, tabletas gráficas ou móbiles.
Pero isto non é todo, pois este grupo tamén manexa sistemas de edición, sustenta as súas propias redes sociais e realiza montaxes con trípodes e aparellos de iluminación.
‘Reporteiros en Rede’ explora os diferentes eventos culturais da contorna
Con todo, neste tempo de existencia dos Reporteiros en Rede, o grupo desprazouse por multitude de lugares da xeografía galega como o Festival Vive Nigrán; tamén entrevistaron a artistas e deportistas como Grande Amore, Tanxugueiras, Javier Fesser e actores da película Campeones, María Castro, Desirée Vila ou xogadores do Celta de Vigo entre outras personalidades.
Ademais, os e as reporteiras buscan realizar unha labor informativa de calidade a través de pezas audiovisuais que publican na súa canle de YouTube e redes sociais, como a do pasado 31 de outubro, onde explicaban a lenda do Samaín.
A súa práctica dixital tamén se estende a outros talleres relacionados coa redacción escrita, cuxa finalidade é a de acompañar as reportaxes elaboradas. Trátase da realización de resumos sobre os contidos que se abordaron para publicalos posteriormente na súa páxina web.
Con estas iniciativas, Juan María aspira a incentivar a inclusión a través de textos adaptados, pois cumpren coas pautas definidas en Europa para que se poidan catalogar en Lectura Fácil, un método que aporta accesibilidade cognitiva a través da comprensión sinxela e da validación por parte das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.

O alumnado selecciona o contido do seu interese e redacta as noticias en Lectura Fácil. / Cedida
Así, o procedemento da tarefa consiste na visualización dos contidos de programas dixitais como Sinxelo, un espazo de información destinado a persoas con dificultades de comprensión da CRTVG e a Universidade de Vigo; e a lectura doutros xornais de formato impreso e dixital, coma o Faro da Escola de Faro de Vigo, no que participan.
O alumnado selecciona o contido e as fotografías que resultan do seu interese e logo redactan noticias en Lectura Fácil, ben sexa de maneira individual ou colectiva; a continuación, esas redaccións pasan por un proceso de deseño para imprimilos e compartilos cos demais membros da comunidade educativa.
Blogs e gastronomía
E isto é todo? Pois claro que non. As persoas involucradas neste proxecto buscan sacar o máximo rendemento á dixitalización noutras labores profesionais, como na cociña. A asociación conta cun blog didáctico de gastronomía no que as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento comparten receitas, actividades e xogos relacionados coa alimentación, onde se poden atopar dende multitude de receitas exóticas, coma os Pastizzi malteses, a propostas divertidas coma ovos de Pascua ou outros pratos tradicionais, como o Biscoito de limón.

. A asociación conta cun blog didáctico de gastronomía. / Cedida
O alumnado comparte neste repositorio dixital os seus elaborados de tradición nacional e internacional. A dinámica do traballo consiste en cociñar e compoñer unha presentación animada para compartir no blog.
Ademais, con motivo deste proxecto dixital, tiveron a oportunidade de participar nunha iniciativa chamada Sabores fáciles para compartir durante o curso 2019-2021. Realizaron un intercambio cultural franco-galego co Centro de Estudos Galegos da Universidade Sobornne Nouvelle de París, onde e a actividade serviu para crear unha rede de receitas galegas e francesas escritas en lectura fácil.
Iniciativas dixitais que transcenden o territorio galego: Proxecto Transformación Dixital para a Inclusión
Ademais da colaboración culinaria coa universidade francesa, o Centro Juan María participa nunha iniciativa chamada Experiencias Dixitais en entidades que organiza FADEMGA Plena Inclusión Galicia. Á súa vez, esta actividade forma parte do proxecto Transformación Digital para la Inclusión, desenvolvido pola confederación estatal Plena Inclusión España, coordinado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno, e amparado polos fondos europeos Next Generation.
O proxecto ten como propósito favorecer a autonomía, sociabilidade e o acceso ao traballo das persoas con discapacidade intelectual, derrubando as barreiras que dificultan a súa inclusión como persoas de pleno dereito na sociedade. Transformación Digital para la Inclusión nace coa fin de dar visibilidade e reducir a fenda dixital nas persoas con discapacidade intelectual a través das iniciativas no eido da innovación tecnolóxica.
O Centro Juan María e os seus reporteiros na rede son un bo exemplo a seguir, dando a coñecer as capacidades e valía en materia de competencias dixitais das persoas con discapacidade intelectual, e poñendo en valor o seu traballo.
- El jefe de Las Cinco Jotas crea una nueva empresa tras cumplir su condena
- Adif confirma ahora el cierre de las líneas de ferrocarril a Vigo por dos incidencias en trenes de mercancías
- El yate en alquiler más grande de Galicia evita su hundimiento en Vigo: «El capitán salvó el 'Roma'»
- Renfe alarga el corte del tren a Vigo hasta el martes sin ofrecer alternativas
- La pesca local se apaga en Europa: el 86% del pescado y marisco que comen los europeos procede de terceros países
- La mayor aerolínea del mundo aterriza en Oporto y acerca Galicia a un destino intercontinental inédito
- El tren de borrascas que barre Galicia se alarga: los meteorólogos no ven el final
- Hallan sin vida al vecino de Vilagarcía desaparecido desde este jueves