XXIV FESTA DO LACON CON GRELOS

Cuntis arrecende a Lacón con Grelos

O concerto desta noite de Los Secretos, na rúa Pedro Campos, quenta motores na víspera do día grande da cita gastronómica

Comensais no certame de 2020.

Comensais no certame de 2020. / Noe Parga

M.González

Como cada domingo seguinte ao Entroido, o Concello de Cuntis celebra unha nova edición (e xa van 24) da súa festa gastronómica máis recoñecida, a Festa do Lacón con Grelos, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Desde os seus inicios, alá polo 1998, o certame foi gañando fama, e hoxe en día trátase dunha das citas gastronómicas máis multitudinarias da contorna. A gran carpa da Praza da Constitución volverá encherse no día de mañá de comensais nunha xornada na que non faltará a animación musical e actuacións para os máis pequenos. 

Hoxe, sábado

Mañá terá lugar o día grande.

Mañá terá lugar o día grande. / Noe Parga

"A actriz Eva Iglesias será a encargada de ler o pregón da edición deste ano"

Pero antes, o Concello programa para o día de hoxe numerosas actividades para completar unha variada e completa programación. Así, a partir das 16:00 horas haberá retransmisión en directo do programa da TVG ‘Carballeira’. De seguido, ás 18:00 h. actuarán a Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis e a súa Banda de Acordeóns. Ás 19:30 h. será a quenda da Banda Municipal de Música de Vilaboa e a Escola de Música Municipal de Cuntis.

Xa pola noite chega o prato forte, co Concerto de Los Secretos a partir das 21.00 horas.

Xa pasada a medianoite, haberá Gran festa ‘Guatequelacón’ anos 60/70/80 na carpa do Espadenal a cargo da Disco Móvil Chocolate.

Mañá, domingo

Visitantes da derradeira edición de “A Camelia no Lacón”.

Visitantes da derradeira edición de “A Camelia no Lacón”. / Noe Parga

O día grande arrincará ás 11:00 horas co pasarrúas da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis e desfile da Banda de Música de Lubián (Zamora). A mediodía abrirase a XV edición ‘A Camelia no Lacón con grelos’; a exposición ‘Un baño de mel’, na Praza de Abastos; a do ‘Traxe tradicional de Entroido’, na Casa da Cultura; a de ‘Cerámica de Castrolandín’ e a XIII Mostra de Encaixe das Palilleiras. Ás 12:15 horas presentase a estrea da obra “Augas de Cuntis”, unha rumba composta polo mestre-gaiteiro Xoán Carlos Rilo, adicada á Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis. Ás 13:00 h. haberá novo pasarrúas, desta volta a cargo da charanga “Támega”, e showcooking con meles de Cuntis , a cargo da restauradora técnica de AGA, Noela Torres.

Arredor das 14:00 horas será o momento da apertura da carpa do xantar, e ás 16:00 h. abrirase a carpa das crianzas con inchables e obradoiros. De seguido, a cativada poderá gozar do espectáculo de Peter Punk, “Peor Imposible”. Tamén as 17.00 horas haberá cata comentada de meles de Galicia 5 estrelas de AGA, na praza de Abastos.

Ás 17:30 h. Oos presentes poderán aprender as mellores receita nun obradoiro de filloas para a mocidade, no Espazo Cuntis Xove.

O grupo ‘All Stars’ poñerá a nota musical ás 18.30, previo ao velorio e posterior Enterro do Chapante, un dos momentos máis agardados do entroido cuntiense.

Cabe recordar que haberá autobuses gratuítos desde o campo de fútbol As Canteiras e do Centro de Día, cada 15 minutos, o sábado e o domingo.

O cartaz deste ano, obra da artista natural de Arcos de Furco, Soledad Souto, coñecida profesionalmente como Sou Too, convida a achegarse ata Cuntis para degustar este delicioso prato típico da cociña tradicional galega tan característico desta época do ano.

Los Secretos solidarios

O desta noite será un concerto solidario a prol da Asociación Española Contra o Cáncer, Agadea (que traballa con diagnosticados de diabetes) e Aneria (entidade ligada a enfermos de alzheimer). Os tres colectivos compartirán parte dos beneficios derivados da actuación de Los Secretos e agradeceron ao Concello de Cuntis a sensibilidade amosada polo goberno local co traballo que realizan; parabéns que extenderon á Deputación xa que na presentación estiveron tamén acompañadas polo deputado provincial caldense Manuel González. As derradeiras entradas seguen dispoñibles na plataforma woutick.es, a un prezo de 10 euros.