O futuro de Santa Clara

» Tras sete séculos, o convento é recuperado para a cidade e formará parte do Museo de Pontevedra » O deseño gañador para a súa reconversión foi ‘Verbas da Pedra’ de Nieto Sobejano

Renderizados do deseño gañador ‘Verbas da Pedra’ 
de Nieto Sobejano.

Renderizados do deseño gañador ‘Verbas da Pedra’ 
de Nieto Sobejano. / // Faro

O convento de Santa Clara estivo pechado á cidadanía de Pontevedra durante máis de 700 anos. Agora foi recuperado para a cidade polo Concello de Pontevedra e formará parte do Museo de Pontevedra tras a súa rehabilitación e adecuación como espazo expositivo.

Para realizar a reconversión do recinto nun espazo público abriuse un concurso de anteproxectos no que participaron estudios de talla mundial como Nieto Sobejano, Kengo Kuma, a UTE David Chipperfield-Carlos Seoane, Kaan, e a UTE Snohetta-Alfonso Penela, que suman 78 premios internacionais e obras como o Memorial do 11S en Nova Iorque, o MoMa de San Francisco ou a Biblioteca de Alexandría, entre outros.

O tribunal resolveu que o deseño gañador foi ‘Verbas da Pedra’ de Nieto Sobejano, unha proposta que supón un punto de partida para a reconversión do convento e que agora terá que adaptarse en función dos requerimentos de Patrimonio que sexan precisos. 

Os edificios pasan a ocupar unha nova función.

Os edificios pasan a ocupar unha nova función. / // Faro

Catro grandes retos

O proxecto gañador plantexou como retos facer visible e accesible o conxunto histórico a cidadáns e visitantes; artellar os edificios na súa nova función; facilitar un sistema de circulación que recolla todos os fluxos e espazos; e proxectar un complexo funcional que respecte o pasado e estea conectado coas necesidades sociais do presente.

A unión coa cidade do proxecto resolveuse abrindo un oco no muro sur, que será a nova entrada desde a praza Barcelos e conectará o museo e os seus xardíns coa cidade, establecendo un percorrido peonil a través do recinto. Tamén se mantén a entrada existente dende a rúa Santa Clara pola Porta de Carros e se incorpora unha nova polo espazo inmediato á zona verde municipal.Pola entrada sur pola Praza de Barcelos , un pavillón de acceso de nova construción sitúase no eixo do antigo claustro, anunciando aos visitantes a nova condición pública do conxunto.

Proposta do proxecto para o claustro.

Proposta do proxecto para o claustro. / Cedida

Recupérase a estrutura formal do convento orixinal reconstruíndo as tres pandas que antigamente formaban o claustro. No lado norte e leste proponse eliminar o corredor superior engadido posteriormente, de escasa calidade construtiva e difícil uso expositivo, recuperando a súa escala inicial, con novas cubertas inclinadas que evocan as que tiña o edificio orixinal. Como resultado, a fachada posterior da igrexa faise visible en toda a súa dimensión. No lado oeste, proponse a construción dunha panda que segue as trazas do que, no seu día, probablemente existiu, pechando así un anel de circulación fundamental para o funcionamento do conxunto.

As zonas de exposición localízanse nos edificios coñecidos actualmente como Edificio Oeste, Edificio Barroco e Coro da Igrexa. Para resolver a conexión entre eles, proponse actuar sobre patio interior situado entre o Edificio Barroco e o Edificio Oeste, patio que sufriu moitas transformacións ata a actualidade. A intervención pretende pór en relación continente e contido, de modo que as cociñas, refectorio, adega ou claustro permitirán falar do monumento e da historia da cidade. 

O proxecto busca facilitar un sistema que recolla todos os fluxos.

O proxecto busca facilitar un sistema que recolla todos os fluxos. / Faro

Pola súa banda, o edificio de ampliación para o Centro de Xestión Arqueolóxica proxéctase como unha construción lonxitudinal semisoterrada na zona leste, cuxa cuberta axardinada será de uso público, integrada no xardín do antigo convento. Terá dous niveis completo sótano para depósitos e un terceiro nivel parcial para instalacións na zona leste. No nivel aberto á zona axardinada sitúase un área de terraza e cafetería.

As zonas de paso, o camiño da auga e os muros son as ferramentas que se utilizan e resólvense vinculadas entre si. Para conseguir a comunicación a través do xardín, proponse unha zona de paso que se acompaña dun elemento de pedra de granito, leitmotiv no estado actual. A pedra pode ser recuperada das obras para realizar na execución da rehabilitación.

Na zona oeste do xardín, como remate da fachada sur do edificio barroco, proponse un pequeno escenario no oco actual, espazo que se replica no xardín retranqueando o muro actual, xerando así unha superficie plana que poida soportar as necesidades de eventos ao aire libre en modo anfiteatro. 

Valoración do xurado

Con estas chaves, ‘Verbas da Pedra’ de Nieto Sobejano impúxose con 86 puntos ás outras catro propostas finalistas nun proxecto que o xurado valorou como unha resposta “sobresaínte ao desafío de transformar un recinto con vocación de illamento da escena urbana nun lugar público”. 

Un espazo complexo no que o arquitectónico se une intimamente á construción dunha paisaxe que funde o produtivo co contemplativo: “A proposta pon en valor todo o preexistente a través da restauración, acollendo novos usos para atender as novas necesidades de estudo e conservación da nosa historia facéndoas partícipes da vida da cidade, abríndose e incorporando os espazos de bosque e pomar aos lugares de estudo e traballo”.

Deste xeito, comenta o xurado, “a solución proposta ábrese con rotundidade e claridade á cidade polo sur, desvelando o privado ao público. Cun sutil exercicio pousa o futuro do Museo sobre o espazo claustral, que se converte en centro e punto de partida dun deambular polas pandas do convento para desvelar de modo secuencial ou gradual os diversos espazos e novas áreas de actividade”.

Unha proposta que, para o Tribunal, resolve en resumo “de maneira brillante, os retos existentes de, mantendo a idea icónica de recinto conventual, incorporar as novas necesidades do Museo;e responde dun xeito excelente ao programa requirido polo Museo atendendo a todas as necesidades contempladas no Documento base, aportando unha lúcida reflexión sobre cuestións como a capacidade de almacenamento e crecemento da colección, ou a flexibilidade dos espazos expositivos. Así mesmo aborda cuestións importantes como o tratamento pormenorizado para a igrexa e o tratamento dos bens mobles”.

Valoración do xurado dos proxectos finalistas

En conxunto, os estudos participantes suman 78 premios internacionais e obras como o Memorial do 11S, o MoMa de San Francisco ou a Biblioteca de Alexandría

KAAN ARCHITECTEN BV (80 puntos) - OS INICIOS

KAAN ARCHITECTEN BV (80 puntos) - OS INICIOS

KAAN ARCHITECTEN BV (80 puntos)

OS INICIOS

Os inicios propón outra das posibles vías de actuación ante a necesaria intervención no complexo conventual, completando un conxunto expectante cunha arquitectura contemporánea que restitúe a súa percepción pechada. A pegada do complexo museal proposto péchase sobre si mesmo nunha coherencia compacta que integra de xeito harmonizado o existente e o novo. 

O xurado valora moi positivamente a capacidade desta arquitectura contemporánea para aportar unha solución de convivencia equilibrada a través dun volume rotundo e monomatérico de gran plasticidade que dialoga co convento medieval. Desta maneira consigue aportar o que, seguramente, nunca chegou a ser, propondo espazos interiores de enorme calidade que dialogan sutilmente. A súa proposta programática, aínda que clara e funcional, conleva o sacrifico dalgún espazo de significancia patrimonial dentro do complexo e dunha parte considerable do espazo expositivo contemplado no programa.

O tratamento dos espazos verdes bebe da inspiración do Pai Sarmiento e amosa un gran coñecemento e sensibilidade cara ao patrimonio natural. 

UTE DAVID CHIPPERFIELD ARCHITECTS SANTIAGO DE COMPOSTELA CARLOS SEOANE (75 puntos) -  ABRENTE

UTE DAVID CHIPPERFIELD ARCHITECTS SANTIAGO DE COMPOSTELA CARLOS SEOANE (75 puntos) - ABRENTE / Cedida

UTE DAVID CHIPPERFIELD ARCHITECTS SANTIAGO DE COMPOSTELA CARLOS SEOANE (75 puntos)

ABRENTE

Abrente dá un valor singular ás preexistencias e á súa acumulación ao longo de oito séculos con actuacións que inciden sobre un tempo detido, que amosan unha especial sensibilidade co tratamento do espazo orixinal. 

Parte dunha lectura detallada da evolución e transformación do territorio no que se empraza o complexo conventual, o que lle invita a reforzar e enfatizar o papel nuclear da rúa Santa Clara na configuración dos accesos e percorridos a través do complexo. 

Este posicionamento, un dos posibles para achegarse á realidade do complexo conventual, prima o carácter e atmosfera do actualmente existente, o que leva a condicionar os usos museísticos en determinados ámbitos das preexistencias ao confinar, por exemplo, a climatización a espazos puntuais do denominado edificio oeste e edificio barroco. A referida postura conduce a implantar a nova edificación no extremo oeste da parcela, limitando a incidencia sobre a paisaxe.

KENGO KUMA & ASSOCIATES  (73 puntos) PIEDRA Y MADERA

KENGO KUMA & ASSOCIATES (73 puntos) PIEDRA Y MADERA / Faro

KENGO KUMA & ASSOCIATES (73 puntos)

PIEDRA Y MADERA

Piedra y madera parte dunha evidente intención de conectar a rúa de Santa Clara coa Praza de Barcelos. Por elo ofrece unha lixeira cuberta de madeira, executada cunha técnica contemporánea que contrasta coa materialidade do granito, un fío condutor que zigzaguea a través da parcela entrelazando diferentes edificios e espazos exteriores. En certa medida, suma, á condición de lugar do complexo a potenciación do transito interno e externo de conexión entre diferentes espazos urbanos que cosen e conectan a cidade vella coa nova. O xurado valora positivamente a proposta de liberar a ábsida da igrexa para facilitar a súa lexibilidade e a súa integración na rúa. Desde o punto de vista programático evidénciase unha significativa redución dos espazos requiridos para as necesidades expositivas do museo. Así mesmo, o xurado considera que a proposta altera sensiblemente a atmosfera do conxunto exterior na área oriental do complexo, xa que as cubertas do espazo arqueolóxico implantan unha paisaxe totalmente allea á existente.

UTE SNøHETTA OSLO AS- ALFONSO PENELA FERNÁNDEZ (69 puntos) - REVELACIÓN

UTE SNøHETTA OSLO AS- ALFONSO PENELA FERNÁNDEZ (69 puntos) - REVELACIÓN

UTE SNøHETTA OSLO AS- ALFONSO PENELA FERNÁNDEZ (69 puntos)

REVELACIÓN

Revelación centra e confía a súa proposta a un volume pechado que restitúe a arquitectura conventual inacabada, que articula todo o seu programa interiormente a partir dunha metáfora que se constrúe sobre o papel do velo conventual. A tectónica desta nova cuberta pretende reunir e valorar a complexidade diversa dun conxunto edificado durante 750 anos. Non obstante, o xurado considera que a solución ofrecida non consigue un diálogo frutífero cos edificios existentes. 

Enténdese que, a diferencia doutras propostas coas que comparte conceptualmente a decisión de pechar un recinto, a solución de facer permeable a fachada acaba por fragmentar un conxunto unitario nunha suma de partes illadas.

Santa Clara, Deputación de Ponte y Museo de Pontevedra.

Santa Clara, Deputación de Ponte y Museo de Pontevedra.