No CPR Plurilingüe Sagrada Familia saben a importancia que ten formar parte da nosa sociedade actual de forma activa:”A escola é a ponte entre a familia e a sociedade. A misión educativa que se nos encomenda é preparar ao alumnado para ser profesionais competentes no futuro; cidadáns participativos na sociedade que lles toque vivir. Por iso, dende cativos fomentamos o ámbito social, sen esquecernos das individualidades”, explican desde o centro. 

Deste xeito, adáptanse á realidade actual e aos novos cambios como piar fundamental para dotar ao seu alumnado de ferramentas para que se desenvolvan de xeito integral no mundo que lles rodea. Un proceso no que os recursos manipulativos son unha peza clave na aprendizaxe e na educación do centro.

O CPR Plurilingüe Sagrada Familia aposta por unha ensinanza actualizada e innovadora que potencie o desenvolvemento integral do seu alumnado. Cedida

Lectoescritura

Xa nos primeiros cursos, inician o proceso de lectoescritura a través de xogos, contos, cancións, obradoiros de conciencia fonolóxica… finalizando no primeiro ciclo de Educación Primaria coa mesma dinámica:“Trátase de motivalos, espertando neles a curiosidade e o interese pola lectura, sendo un proceso gradual e adaptado ao ritmo de aprendizaxe individual”.

Matemáticas

No ámbito das Matemáticas, pola súa banda, apostan por unha metodoloxía activa, participativa e manipulativa co método de cálculo ABN, onde traballan con experiencias próximas e da vida cotiá. Este método de ensinanza e aprendizaxe das matemáticas comeza xa en Infantil a través do xogo. A principal finalidade é eliminar os algoritmos pechados e dar máis flexibilidade ao alumnado na resolución de problemas.

Robótica e intelixencia emocional

“Robótica, intelixencia emocional e o uso das TIC son outros aspectos que fomos introducindo ao longo destes últimos cursos para adaptármonos ás demandas actuais e de futuro”, explican desde o CPR Plurilingüe Sagrada Familia, onde a implicación e a formación continua do profesorado é a clave para levar a cabo unha ensinanza actualizada e orientada a potenciar ao alumnado. Así, centran os seus esforzos nunha educación integral que prepare aos seus estudantes para o futuro: “Desexamos que o noso alumnado dende o respecto, o diálogo, o pensamento crítico e os valores humanos e cristiáns, que firmemente traballamos dende hai máis de 75 anos neste colexio, estea capacitado para desenvolverse na sociedade como persoas felices e íntegras”. 

Para saber máis, entra nesta ligazón.

CPR Plurilingüe Sagrada Familia

Rúa Vista Alegre, 2

36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)

Email: cpr.sagrada.familia.vilagarcia@edu.xunta.es

Teléfono: 986 500 375