"Son moitos os proxectos, moitas as propostas de transformación e como escola pertencente á Rede de Escolas Asociadas da UNESCO non perdemos a perspectiva de ser laboratorio de ideas, de participar como centro dinamizador de proxectos na nosa contorna, de facer da experiencia de aprendizaxe un pracer para toda a comunidade educativa. Sen perder como meta que a educación debe estar asentada na equidade, a igualdade, a sustentabilidade, a cidadanía, a democracia e os dereitos humanos", contan dende o CPR Eduardo Pondal, situado en Rúa do Seixo, en Cangas.

"Educamos para a xestión das emocións, facendo especial fincapé na frustración como aprendizaxe"

E é que, dende o estival XXXIII Encontro Estatal de escolas UNESCO tras o COVID19 celebrado o pasado mes de xuño, convidouse a participar á escola en novas propostas educativas dos tres ámbitos de traballo clásicos da UNESCO: Patrimonio e diálogo intercultural, Educación para o Desenvolvemento Sostible (EDS) e Cidadanía Global, Paz e Dereitos Humanos.

O CPR Plurilingüe Eduardo Pondal celebra o seu 40º aniversario. Cedida

As apostas do centro este curso

"As conclusións do encontro son motivo de inspiración no noso traballo diario, e entre as máis significativas parécenos relevante destacar aquelas polas que o centro aposta este curso" contan dende a dirección do Eduardo Pondal.

  • Ábrese un debate en redefinir o concepto de cidadán/á mundial, de reconstruír e reimaxinar outro mundo, de ver para o SUR
  • Abordar as novas masculinidades dos colectivos homes pola igualdade
  • Romper barreiras ou silencios cos máis desprotexidos, potenciando a empatía como ferramenta
  • Fomentar o espírito crítico, ante a seria preocupación polo aumento de discursos falaces centrados no odio
  • Analizar a sobreprotección do alumnado por parte das familias, abrindo espazos nos que se permita a expresión da dor ou frustración, en tanto que sentir dor é un proceso natural e compartilo únenos, crea vínculos auténticos e axuda no proceso de aprender a xestionar os sentimentos negativos, mellorando a tolerancia á frustración e a despenalización do erro. "Algúns centros falan da Pedagoxía da confianza como posible axuda e solución para as comunidades educativas", apuntan

XXV ENCUENTRO INTERNACIONAL DE JOVENES CIENTÍFICOS DE ESCUELAS UNESCO Cedida

  • Empoderar as nenas e educar os nenos como aliados necesarios para non perder os dereitos que xa temos
  • Insistir na necesidade de capacitación e formación do profesorado
  • Loitar contra a desinformación, o secuestro do algoritmo e un novo papel das redes sociais
  • Seguir impulsando proxectos de aula vinculados á idea de que o Patrimonio cultural esta en mans dos mozos e mozas. Cúmprese o 50 Aniversario da Convención do Patrimonio Mundial, Cultural e Natural
  • Reivindicar o Decenio INTERNACIONAL pola paz. NELSON MANDELA 2019-2028, e ao Decenio INTERNACIONAL das linguas indíxenas 2022-2032
  • Seguir impulsado o proxecto internacional DESPLASTIFÍCATE. Dende o centro, participan on todo tipo de propostas: crear un Museo do absurdo, utilizando os plásticos resultado dun sobreuso deles e expoñelos nos centros para crear concienciación. Campañas de sensibilización sobre o exceso de consumo de plástico e a importancia de reducilo. Implicar aos concellos e ao municipio a través da creación dun selo de sustentabilidade que se entregará aos comercios e negocios que consigan unha puntuación mínima tras encher un cuestionario sobre o consumo de recursos e enerxía, etc.

O centro ten ferramentas para afrontar todos estes desafíos. Cedida

En definitiva, gaña a présa en educar alumnado con espírito crítico, inconformista e consciente dos seus propios sentimentos como paso previo para entender os dos demais. Incitalos a colaborar na construción dunha ética cívica común da que se sintan partícipes, unha Filosofía para pensar e traballar a conciencia colectiva. "Educando para a xestión das emocións e facendo especial fincapé na frustración como aprendizaxe"

Novas ferramentas e estratexias dixitais 

O centro ten ferramentas para afrontar todos estes desafíos, e confía na súa experiencia, no seu compromiso co seu proxecto educativo, coa sensibilización das familias con todas as propostas antes mencionadas e aposta por unha titorizacion personalizada para cada alumno acompañada de obradoiros de intelixencia emocional e contando  co respaldo de proxectos da Conselleria de Cultura e Educación como catalizadores do proceso, por exemplo:

10FEB DÍA DE LA MUJER Y LA NIÑA EN LA CIENCIA. Cedida

EDIXGAL, que "nos achega unha plataforma dixital desde o ano 2019 con 220 convertibles dixitais desde 5º de Primaria a 4º da ESO, é un gran estímulo para ampliar e manter un Plan dixital de centro ambicioso. O centro escolar está na categoría de “senior” en SEMGAL, cuxa finalidade é conseguir a excelencia académica mediante a detección e a promoción do talento nas aulas, é unha iniciativa fundamental da Conselleria para estruturar os proxectos do noso alumnado e darlles visibilidade exterior.

"Existe na comunidade educativa a forte crenza de que os pequenos cambios levan a grandes transformacións"

"Tamén participamos no novo programa inmersivo DixitalWeek, iniciativa para mellorar as competencias dixitais en linguas", contan, así como en plans PROXECTA, entre os que atopamos o Parlamento Xove, debate dialéctico no que se defende a posición a favor ou en contra  dun tema de carácter actual formulado pola organización; MeteoEscolas, cuxo obxectivo é mellorar as competencias en temas ambientais; CorrespondentesXuvenis 3.0, coa formación de alumnado para liderar iniciativas culturais entre a mocidade, LÓVA (A Ópera, Vehículo de Aprendizaxe), un proxecto que prima o vínculo emocional e o traballo cooperativo.

6-10FEB SEMANA DE LA CIENCIA Cedida

Xunto a isto, a biblioteca, como núcleo dinamizador de proxectos, pertence á Rede de bibliotecas escolares de Galicia.

Proxectos e outras iniciativas

"Tamén se suman ao noso traballo iniciativas privadas como o proxecto de educación ambiental VOZNATURA desde a Fundacion Santiago Rey Fernandez-Latorre, cuxo obxectivo é concienciar e implicar a comunidade educativa na recuperación e defensa da natureza" enumeran dende o Eduardo Pondal, que tamén participa en proxectos xunto a Fundación Barrie da Maza coa liga MAKERDRONE e o Torneo de Debate Académico, que ofrece aos máis novos a oratoria como unha excepcional ferramenta para o seu desenvolvemento académico.

"O obxectivo principal é que os nosos alumnos desenvolvan produtos ou servizos dirixidos á solución de problemas do mundo real"

Participan coa FundacionCVE coa organización de UNESMUN, actividade educativo-cultural que consiste en representar o protocolo e modelo da Nacións Unidas adaptado para escolares, coa Unión de cooperativas galegas co Foro intercomunitario de Investigación xuvenil, co Parque Tecnolóxico de Galicia na maior feira e certame de proxectos científicos que se celebra en Galicia; GALICIENCIA, coa plataforma eTwinnning da Comisión Europea, a plataforma TEACHERSforFUTURE coas súas moitas iniciativas para reciclar e reducir plásticos e, por último, coa campaña da Unión Europea “5 ao dia”, que converte o comedor do centro nunha aula de aprendizaxe.

VIII UNESMUN Cedida

Módulos de enriquecemento

Unha boa parte da súa experiencia parte do traballo cos, Módulos de enriquecemento que se imparten no centro desde o 2013. "O obxectivo principal é que os nosos alumnos desenvolvan produtos ou servizos dirixidos á solución de problemas do mundo real".

Este curso 22-23 e en horario lectivo ofrécense na ESO un total de 16 modulos distintos; Radio naBiblio, Club de lectura, Oradores, Obradorio de Sons, Laboratorio de científicos, Mais de Nós, Desafía a túa mente, Horta, Robótica, Artellando, Teatro, Construíndo a historia, Liñado tempo, Estamos naBiblio, Voilà lle francais!, Alternativ@s. Para INFANTIL ofrécense 3 modulos; Lingua de signos, Minichefs, Pequenos/as investigadores/as e para PRIMARIA un total de 12. Ioga e Mindfulness, MeteoPondal, Pequenos/as oradores/as, Teatring, Scratch, Tecidos, OnFit, Upcycling, PhotoSteam, English Club, Pequenos/as científicos/as e Club de lectura.   

"Existe na comunidade educativa a forte crenza de que os pequenos cambios levan a grandes transformacións" rematan "Un curso máis para crecer xuntos/as, imos por el!"