Anuario Ourense

“O concello de Muíños ten moito futuro”

O alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, repasa as actuacións municipais deste 2022» Balance do plan de obras e servizos

A mellora das infraestructuras públicas, un dos principais proxectos do Concello.

A mellora das infraestructuras públicas, un dos principais proxectos do Concello. / Cedida

No peche de 2022, e xa na última fase do mandato da actual Corporación Municipal, o alcalde, Plácido Álvarez fai balance do ano para o concello de Muíños. Onde considera que se lograron avances importantes e unha xestión que contúa a mellorar os servizos e as infraestruturas públicas.

E é que, pouco a pouco, este ano a xente foi recuperando a normalidade nas súas vidas cotiáns. “A principios de ano houbo unha nova onda do virus e afectou aos servizos municipais, pero sempre traballamos para minimizar ese impacto” apunta Plácido Álvarez. “Podemos comprobar como no 2022 se realizaron importantes xestións e proxectos para mellorar as infraestruturas e os servizos públicos, para que ningún cidadán se vise perxudicado polos efectos da pandemia, tanto a nivel físico, laboral ou económico, dentro das posibilidades do propio Concello. Está claro que en 2022 as cousas foron volvendo a onde tiñan que estar e podemos dicir que a normalidade é xa case que total”.

“Os grandes avances do próximo 2023 estarán destinados á mellorar a calidade de vida dos veciños de muíños”

“Os grandes avances do próximo 2023 estarán destinados á mellorar a calidade de vida dos veciños de muíños” / Cedida

Continuando co balance do ano, no momento de destacar as actuacións ou proxectos municipais máis relevantes dos últimos meses, o alcalde inclínase por aqueles que serviron para axudar a veciños e veciñas: “Os Servizos Sociais sempre están activos para axudar ás persoas ou familias máis necesitadas, e temos moitos servizos públicos que queremos mellorar e infraestruturas que hai que renovar. A sinatura do convenio para a construción do Centro de Saúde foi relevante nestes últimos meses, pero tamén a ampliación do persoal no GES-Muíños. Tamén estamos implicados cos colectivos veciñais en mellorar as dotacións dos distintos pobos. Esa é a liña de traballo dos últimos anos e a que debe imperar no futuro próximo”.

E sobre ese futuro, Álvarez remata sinalando as liñas da xestión para o 2023, xa trazadas dende hai tempo e que buscan cumplir os obxectivos: “Hai que continuar mellorando os servizos e as infraestruturas públicas, prestando especial atención a colectivos vulnerables, axudando na medida das nosas posibilidades aos que non teñen emprego, aos nosos maiores e aos máis novos, facendo de Muíños un concello próspero e de futuro, no que poidamos disfrutar dunha boa calidade de vida e frear a despoboación galopante que sofre o noso concello”.

Plan de obras e servizos

O Concello de Muíños levou a cabo nos últimos meses outro importante plan de obras e servizos destinado, precisamente, a esa mellora da calidade de vida dos veciños do municipio. Ao mesmo tempo xestionáronse outras iniciativas que serán realidade nos próximos meses, en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense e a Xunta de Galicia.

“O concello de Muíñosten moito futuro”

“O concello de Muíñosten moito futuro” / Cedida

Un convenio entre Augas de Galicia da Xunta e o Concello de Muíños permitíu mellorar as redes de saneamento en Muíños, Barrio e das depuradoras. As obras, rematadas recentemente, contaron cun orzamento de 225.000 euros, aportados nun 80% pola Administración autonómica e o 20% restante pola Deputación Provincial de Ourense.

O Plan Marco 2022/23 da Consellería de Medio Rural contempla o acondicionamento de camiños de acceso a parcelas agrícolas en Porqueirós, Agrelo, Reguengo e Maus de Salas. O Investimento total aprobado é de 69.141,82 euros, contando cunha axuda da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) por importe de 57.142 euros.

Por outro lado, no mes de decembro de 2022 complétase o proxecto “Fronteira Esquecida”, cunha vintena de iniciativas promovidas pola Deputación para poñer en valor os recursos naturais e culturais do río Limia-Lima.

Este proxecto está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg, cun orzamento de 1.450.887 euros. Entre os proxectos máis importantes cabe destacar a instalación dun soportal no complexo turístico de O Corgo e a dotación de mobiliario nunha ruta peonil a beira do encoro das Conchas.