A cidade na que más difícil é pórse a dieta e, ao mesmo tempo, máis doado ser feliz? Se non o sabedes, podédesllo preguntar a Paco porque el teno ben claro: Pontevedra suma talenos gastronómicos, riqueza medioambiental e patrimonial e beleza dabondo coma para ser considerada o lugar onde mellor se vive e come do mundo.

Así o deixou claro o noso particular sibarita na Feira Internacional do Turismo Interior (Intur), a cita referente en turismo de proximidade que estes días está a desenvolverse en Valladolid con máis dun milleiro de destinos expostos e onde unha vez máis non faltaron os atractivos da cidade da Peregrina.

Así é: tras converterse nun auténtico embaixador do estilo de vida pontevedrés na pasada edición de Fitur, as peripecias do xa célebre Paco volveron ser protagonistas do panorama turísico nacional e internacional da man dunha nova peza audiovisual realizada por Fernando Portela para posicionar Pontevedra como capital española do turismo gastronómico e das infraestructuras verdes e azuis a través da marca Pontevedra Capital Gastro e a estratexia Pontevedra Flúe.

O xa célebre Paco, protagonista da nova campaña. Cedida

Xoias locais do talle do parque das Palmeiras, o Mercado de Abastos, Santa María, Ruínas de Santo Domingo ou as prazas da Peregrina, A Ferrería, Méndez Núñez e A Leña foron só algúns dos escenarios elixidos para o vídeo, no que Paco volveu sacar o chándal do armario e saír decidido a coidar a súa saúde e facer exercicio, pero acabou por sucumbir unha vez máis ás inxentes e irresistibles tentacións culinarias dos restaurantes da cidade, rematando apoltronado nunha hamaca tomando un aperitivo mentres gozaba da praia fluvial do Lérez.

É difícil resistir a tentación de Pontevedra. Cedida

"Que xeito de sufrir!", exclamou con retranca coma broche de ouro da divertida peza, un dos materiais centrais da campaña que Turismo de Pontevedra presentou no salón da Feira Internacional do Turismo de Interior (Intur) celebrada estes días na capital pucelana.

A edil socialista Yoya Blanco deixou ben claro por que estamos ante a cidade na que máis difícil é pórse a dieta

Como non podía ser doutro xeito, ata alí desprazouse unha delegación pontevedresa encabezada pola concelleira delegada de Turismo, Yoya Blanco, e mailo concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, co obxectivo de pór en valor todo o potencial gastronómico e medioambiental de Pontevedra.

Ambos representantes amosaron deste xeito xoias da cidade e eventos do talle da Festa das Cunchas, o Pontedetapas, o Campionato de Tatas de Galicia, o Pontealmorzo ou o Mestizaxes para demostrar por que Pontevedra é, con razón, a cidade na que máis difícil é pórse a dieta no mundo.

Na gran cita co turismo de proximidade en España tampouco faltaron os principais proxectos de loita contra o cambio climático do destino pontevedrés, ademais dos plans para a renaturalización de ríos e os espazos naturais, un lugar deseñado para ser feliz.

Por que a ti tamén che vai ser ben difícil resistir á tentación?

"Que xeito de sufrir!" Ironiza Paco no vídeo central da estratexia de promoción pontevedresa na Feira Internacional do Turismo de Interior (Intur), pero o certo é que, en Pontevedra, a mellor cidade do mundo para publicacións de recoñecido prestixio internacional do talle de The Guardian, o verdadeiramente difícil é resistirse a gozar do seu turismo verde, patrimonial, activo, e, por suposto, gastronómico.

Un destino que - sábeo ben o noso sibarita, pero tamén todo aquel que xa o visitou - suma todos os ingredientes precisos ara presumiri como referente da boa cociña nacional, capital de gastroeventos de notable éxito entre o público, como a Festa das Cunchas, o Avoa Fest (co Desafío Filloa), a feira 'Mestizaxes, cociñas de ida e volta', ou iniciativas como Capital Gastrolab, Mesa de Gastronomía, Premio Loureiro de Ouro, Banda Cociñas de Pontevedra... Citas que xunto aos locais e restaurantes de cidade explican moi ben todo o que pode ofrecer Pontevedra no segmento da cociña de calidade.

Pero a cousa non remata aquí, porque estamos ante un lugar que presume de sabores, pero tamén de sendas, para ofercernos espectaculares paseos ao pé dos seus ríos emblemáticos coma o Lérez, o Gafos, o Xeve ou o Pontesampaio, e parques forestais coma os de A Fracha e A Tomba.

Visitas guiadas diúrnas e nocturnas, con parada na pasarela peonil de Pontevedra ou a ponte de O Burgo, o mercado de abastos, a zona vella, Santa María, Ruínas de Santo Domingo ou as prazas da Peregrina, A Ferrería, Méndez Núñez e A Leña son só outros dos motivos polos que, coma Paco, ti tampouco vas poder resistir á tentación de exclamar mentres gozas coma nunca: "Que xeito de sufrir!"