Xa o pasado ano, centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán, FARO de VIGO deixou constancia da estreita vinculación da autora de ‘Os Pazos de Ulloa’ co “País das Rías”, como ela mesma denominou de maneira maxistral á provincia de Pontevedra.  

Isto foi posible a través dun intenso proxecto cultural de amplo percorrido que incluíu exposicións en Vigo, Pontevedra, Mondariz, Lalín e O Grove, así coma un ciclo de conferencias sobre a súa vida e obra, o seu legado feminista e a súa condición de pioneira do Turismo, que permitiu descubrir ese idilio da escritora co sur de Galicia, descoñecido ata ese momento polo gran público. 

Para seguir mantendo viva esa tripla bandeira de Emilia Pardo Bazán como icona do feminismo, precursora do turismo nas Rías Baixas e valor universal das Artes e as Letras, e contribuír dese modo a que a súa figura sexa percibida pola sociedade en todo o seu potencial e á vez como recurso do que sacar proveito para divulgar todos eses valores no noso territorio, FARO de VIGO acaba de lanzar en colaboración coa Deputación de Pontevedra os primeiros Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías, que se concederán en tres categorías a figuras destacadas da nosa provincia. 

Deste xeito, as candidaturas xa poden ser presentadas a través do formulario habilitado na súa páxina web ou do correo pardobazannopaisdasrias@farodevigo.es antes do día 18 de novembro. 

Un xurado de excepción

Serán valoradas polo xurado do Premio, que, nesta primeira edición, está composto pola pintora Menchu Lamas; Chis Oliveira, catedrática de Filosofía e doutora en Educación Afectivo–Sexual; Mar Rodríguez, presidenta da Asociación provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra (AVIPO), vicepresidenta da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA) e vogal no Clúster de Turismo de Galicia; Xulia Santiso, conservadora da Casa Museo de Emilia Pardo Bazán; Lucía Muradas, xefa do servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra; Paula Cabaleiro, directora da área de Cultura da Deputación de Pontevedra; Irene Bascoy, subdirectora de FARO e Alba Chao, responsable da área dixital de FARO. 

A gala será o día 29

Anunciarán o seu fallo o luns 21 de novembro, data na que se darán a coñecer as finalistas de cada categoría; mentres que as galardoadas, pola súa banda, serán reveladas na Gala dos I Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías, que terá lugar o vindeiro día 29 de novembro na Sede de Afundación en presenza de finalistas, autoridades e convidados dos diferentes ámbitos sociais: cultural, feminista, turístico, etc. 

Os galardóns consistirán nunha peza artística, reprodución dunha caricatura de Pardo Bazán. Ao mesmo tempo, tamén se celebrarán con posterioridade tres mesas redondas coas premiadas.

Coa instauración destes premios con vocación de continuidade, FARO pretende servir de guía para mostrar esa Galicia aliñada na consecución dunha comunidade asentada no feminismo, a cultura e o turismo sostible

Inauguración da exposición ‘Emilia Pardo Bazán no País das Rías” 
na rúa Príncipe de Vigo o pasado ano. MARTA G. BREA

Aberto o prazo para candidaturas ata o día 18 

Segundo as bases do Premio, poderá ser candidata aos premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías, calquera persoa ou entidade que reúna os requisitos necesarios en calquera das categorías establecidas e vinculadas ao País das Rias, é dicir, á provincia de Pontevedra, ben sexa por nacemento, residencia ou desenrolo da actividade profesional, ou por facer proxección da provincia en calquera das tres vertentes contempladas: 

Feminismo: o galardón recaería naquela figura merecedora do mesmo pola súa traxectoria, méritos e valores, contribuíndo así a unha sociedade mellor, impulsando co seu exemplo a igualdade entre homes e mulleres, así coma poñendo en valor o liderado feminino. 

Turismo: o premio pretende recoñecer emprendedoras cun papel destacado na proxección turística do País das Rías (empresa, sector hostaleiro, enoturismo, agroturismo, turismo náutico, routeiros de marisqueo, turismo rural, blogueiras e influencers…) tratando de apoiar os novos formatos turísticos, etc.

Cultura: Na categoría de Cultura, o Premio pretende recoñecer as traxectorias culturais máis relevantes do País das Rías, e ao mesmo tempo enxalzar os novos valores literarios e escénicos en todas as súas variantes… literatura, música, pintura, etc.

Deste xeito, as candidaturas poderán ser presentadas tanto polos membros do xurado coma por colectivos ou persoas físicas a través do formulario habilitado na páxina web do periódico ou do correo pardobazannopaisdasrias@farodevigo.es antes do día 18 de novembro. 

Xa podes presentar a túa candidaturas aquí