A Feira do Viño do Rosal regresa tras a pandemia cunha nova data e moita ilusión. A edición XXX desta Festa promete ser multitudinaria, e dende o venres 7 ata o domingo 9, todo tipo de actividades enchen a localidade. Na zona de celebración haberá casetas e postos, onde todos os participantes poderán consumir e degustar os viños das Adegas da subzona do Rosal D.O. Rías Baixas, así como a mellor gastronomía da zona.

Falamos con Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal, para desengranar os detalles desta Festa de Interese Turístico.

Pregunta inevitable, tras as restricións que marcaron os últimos anos, é a edición de 2022 unha volta á normalidade?

Tivemos a capacidade de reinventarnos durante a pandemia e adaptarnos á realidade durante dous anos, onde a Feira gañou moito valor engadido en termos de transformación dixital, mais recuperar a convivencia social sen restriccións énchenos de satisfacción. Poderemos gozar dun evento que, para celebrar os seus 30 anos, contará coa programación máis ampla e diversa da súa historia. Unha maridaxe perfecta dos nosos viños D.O. con música de calidade, divertida, showcooking, actividades infantís, os Xogos da Empatía, exposicións ou unha cata comentada polo Master of Wine Pedro Ballesteros encherán de lecer a nosa Feira.

"Todos temos moitas ganas de reencontrarnos nun dos eventos máis especiais despois destes dous anos de limitacións pandémicas"

De feito a festa trasladouse a outubro, coincidindo co final da vendimia e da obra da Praza do Calvario, cales son as expectativas?

A vendimia é para todos nós sempre una data moi importante pola nosa gran tradición vitivinícola. Este ano teremos a oportunidade de culminar esta época tan especial para nós coa nosa Feira. A transformación da Praza do Calvario supón unha mellora histórica para todos os veciños e veciñas do Rosal. Convertemos a Praza do Calvario no epicentro da nosa actividade económica, social e de convivencia para as persoas. Un novo espazo público de calidade, amable, moito máis verde, sen barreiras, inclusivo, igualitario, democrático e accesible. Unha reforma feita con todo o mimo, cariño e posta en valor da nosa historia e patrimonio que tamén tivo en conta todas as necesidades técnicas que implica a Feira do Viño. Soterráronse todas as redes e subministros precisos para a celebración deste gran evento e proxectouse o espazo con toda a sensibilidade para xerar un espazo atractivo e idóneo para o desfrute da mesma. Ademais, todos temos moitas ganas de reencontrarnos nun dos eventos máis especiais despois destes dous anos de limitacións pandémicas.

"Os Rosaleiros e Rosaleiras agardamos cheos de ilusión poder celebrar o evento máis importante do noso pobo neste espazo totalmente renovado"

A nivel económico e veciñal, como se viven estas festas?

O sector vitivinícola para nós é estratéxico. Non só imprime marca, calidade e emprego ao Rosal, senón que xera riqueza cun tamaño empresarial e de exportación arredor do mundo moi importante. Trátase dun sector que está vencellado ao gran valor climatolóxico e da riqueza do noso territorio no sector primario. Para nós o viño é parte da nosa idiosincrasia e cultura. A Feira é o escaparate no que a veciñanza e os visitantes gozan de xeito lúdico do valor do viño elaborado polas nosas adegas Denominación de Orixe Rías Baixas e no que elas mesmas dan a coñecer o seu traballo. 

Como recibiu a localidade o cambio de data?

Os Rosaleiros e Rosaleiras agardamos cheos de ilusión poder celebrar o evento máis importante do noso pobo neste espazo totalmente renovado. Con perspectiva, coido que foi un gran acerto mudar a data para facer coincidir a Feira coa transformación histórica da nosa praza. Respírase na veciñanza moita ilusión e ganas. Cabe agradecer a todo o colectivo de adegueiros que preferiu esta opción.

¿Para os que visiten O Rosal durante estes días de Festa, que van atopar?

Atoparán a hospitalidade característica dos nosos veciños e veciñas. Poderán gozar da calidade dos nosos viños e desfrutar do atractivo turístico e natural do noso pobo nun entorno de convivencia lúdico cheo de actividades de lecer na nosa renovada Praza do Calvario

"A Feira da transformación histórica para os Rosaleiros e Rosaleiras, do reencontro coa convivencia social e da inclusión"

Como se programaron as actividades nunha edición tan especial?

A Feira nesta XXX edición gaña moito valor engadido converténdose na edición coa programación máis ampla e diversa da súa historia cunha gran variedade de actividades. Unha das claves é entender que xerar novas actividades como concertos de calidade que atraen a públicos diferentes en franxas de idade diversas ou actividades innovadoras coma os xogos da empatía, entre moitas outras, fai que moitas máis persoas teñan a oportunidade de coñecer a calidade dos nosos viños Denominación de Orixe grazas a esas actividades que serven tamén de atractivo adicional e que o viño marida tan ben. Este ano, por primeira vez na historia, imos ter a Feira da Inclusión cos Xogos da Empatía, unha actividade para divertirse en familia rachando barreiras poñéndonos na pel de persoas con diversidade funcional para achegarnos de primeira man á súa realidade.

Para rematar, unha frase coa que definirías esta Feira do Viño

A Feira da transformación histórica para os Rosaleiros e Rosaleiras, do reencontro coa convivencia social e da inclusión.