O ritmo de vida actual, con menos tempo para cociñar, xunto coa repercusión da tarifa eléctrica nos fogares, motivou a Embutidos Lalinense a ampliar nos últimos meses a oferta de produtos asados no seu obradoiro: xunto cos tradicionais lacón e xamón, na actualidade tamén se pode desfrutar dos codillos, a costela ou o xarrete asado. “De cara ás festas de Lalín, apostamos por aumentar a variedade dos pratos cociñados. Ofrecen numerosas vantaxes para a persoa que os merca: comodidade, calidade, ganancia de tempo”, sinala Cruz López, responsable de comunicación da empresa. “E podo asegurar que son todo un acerto, tanto para un menú individual como para os días de festa”, engade. 

Cada vez hai máis información sobre o papel fundamental que desenvolve a alimentación na nosa saúde. Por iso, Embutidos Lalinense asegura ter entre os seus obxectivos prioritarios mellorar constantemente o seu catálogo de produtos. “A finalidade é ofrecer alimentos da mellor calidade nutricional posible sen perder un ápice de sabor”, indica López. 

Nos últimos anos, a empresa foi eliminando aditivos, colorantes e conservantes en beneficio de ingredientes naturais que achegan maior proveito funcional. Exemplos disto son o chourizo extra (que leva só carne, pementón, allo e sal) ou as conservas de cocido e lacón con grelos. Tamén se reduciu o contido de sal en todos os produtos, como no caso do xamón Gran Reserva Amancio. 

Conscientes do aumento das intolerancias e alerxias alimentarias, a maioría dos produtos que oferta Embutidos Lalinense son sen glute nin lactosa. Un bo exemplo disto é a panceta rechea asada, que aínda que leva queixo entre os seus ingredientes, é sen lactosa. Para evitar calquera malentendido á hora da compra, a etiquetaxe é fundamental. Por iso, as etiquetas dos seus produtos destacan pola súa información detallada, transparencia e claridade. 

Lalinense é unha empresa familiar comprometida coa calidade en todo o proceso produtivo, respectando o medio ambiente e asegurando os máis altos estándares de seguridade alimentaria. “Todo o equipo humano da empresa traballa pola mellora constante dos nosos procesos, da xestión ambiental e da calidade dos nosos produtos”, sinala López. 

Outro dos aspectos nos que Lalinense fai especial fincapé é na imaxe da marca: deseños modernos, embalaxes atractivas e a rotulación gráfica de vehículos en sintonía coa identidade da empresa. Xunto con isto, outro dos seus compromisos é velar polo benestar animal. Para iso, garanten que o trato cos animais de granxa se adhira á regulación nesta materia, incluíndo un aloxamento axeitado, unha nutrición controlada, prevención de enfermidades, transporte con mínimo estrés e redución do sufrimento. 

Embutidos Lalinense conta con dúas tendas físicas no concello de Lalín, unha na Avenida Luis González Taboada e outra en Agruchave. A maiores, dispón de tenda online cun amplo catálogo de produtos e cun servizo de envío a nivel nacional e internacional (toda a información correspondente está na súa páxina web). Tamén están presentes en Facebook e Instagram coa conta de @embutidoslalinense e actualizan un blogue propio onde comparten receitas.