O goberno lalinense puxo en marcha diferentes programas nos últimos meses para dinamizar a vida cultural e de ocio na vila. “Se anos atrás a tónica habitual era ver un Lalín coas rúas case baleiras no verán, agora vimos unha situación completamente diferente, xa que foi unha constante observar as prazas e terrazas ateigadas”, destacaron os concelleiros populares. Tamén aseguran que varios empresarios da localidade lle trasladaron “o impacto tan efectivo e directo que supuxo para os seus negocios esta reactivación da vida social, e esta presenza masiva da veciños e visitantes nas rúas”.

XogaLalín, o concerto Xacobeo Clarinet Fest ou a Romaría Interxeracional, foron algunhas das propostas do goberno local neste verán. Bernabé/A.A./J.L.

“A animada, ampla e variada programación de ocio, cultural e deportiva foi un feito determinante para impulsar esta tendencia de fixar o ocio estival na vila”. Desde principios de ano Lalín viña celebrando múltiples eventos vencellados á Feira do Cocido. A finalidade era dar continuidade a estas actividades, sempre coa intención de que participasen as diferentes asociacións e conxuntos musicais do municipio: bandas de música, agrupacións tradicionais, grupos de rock ou charangas. Unha morea de programas relacionados coa oferta cultural, comezando co programa Nin arre nin xo, en colaboración coa Deputación, que brindou oito espectáculos de música, circo e ilusionismo, encheron rúas e prazas desde o pasado mes de xuño.

XogaLalín, o concerto Xacobeo Clarinet Fest ou a Romaría Interxeracional, foron algunhas das propostas do goberno local neste verán. Bernabé/A.A./J.L.

Música

Lalín con Ritmo, con oito actuacións de variados estilos para todos os gustos; Lalín Rock, para dar espazo e apoio ás bandas locais; o concerto de Revólver, dentro do Lalín Marcha; o recital de Heredeiros da Crus, organizado coa AED e a Xunta; Xacobeo Clarinet Fest; a colaboración co Noceda Rock, contribuíndo así a “descentralizar a oferta”.

Outras propostas

Dende o Concello de Lalín non quixeron esquecerse dos maiores –Romaría Interxeracional– nin da cativada, caso do Xoga Lalín, que complementou a proposta de campamentos, sen esquecer o festival Titirideza. O goberno quixo facer fincapé na “variada oferta” de artes escénicas, festivais de danza, exposicións e outras actividades no museo Ramón María Aller Ulloa. No balance das acticidades tamén se cita a asociacións coma O Naranxo ou A Casa do Patrón, con eventos xa senlleiros, como a Algarabía ou a Malla Tradicional, que “contribúen a diversificar as opcións culturais e de entretemento”.

Deportes

No eido deportivo, destacan campionatos como o de kung-fu, o mundial de enduro, o Rally do Cocido, o Lalín Bike Race ou a Gala do Deporte, entre outras ofertas.