Agolada acollerá os días 11 e 12 de agosto a que será a súa XXV Edición da Mostra de Artesanía, organizada polo Concello. Desta volta daránse cita no entorno dos Pendellos máis dunha trintena de artesáns procedentes de distintos puntos de Galicia e, incluso, dende a veciña Asturias.

Exposicións, obradoiros para os máis cativos, maxia, festa da escuma, unha exposición de gando, música e presentacións de libros completan unha programación que non deixará tempo para o aburrimento.

A xornada de hoxe arrancará ás 11.00 horas coa apertura dos stands e cun pasarrúas con música en directo. Ás 12.30 horas na Praza do Concello terá lugar a inauguración oficial.

Xa pola tarde, arredor das 18.30 horas, a Praza da Randulfa acollerá un espectáculo de maxia a cargo de Manuel y Magic Owwy. Para rematar a xornada, ás 20.00 horas, actuará o grupo De Vacas na Praza do Concello.

Ambos días haberá dous obradoiros infantís gratuitos ao longo de toda a xornada. BERNABE/JAVIER LALIN

Xa o día 12, coincidindo coa feira mensual, a apertura dos postos adiantarase ás dez da mañá. Ademais, o campo da feira volverá a recordar os vellos tempos, cunha feira de gando organizada polo responsable da asociación Agolada Rural , o concelleiro do PP Rafael Méndez.

Ás 18.30 horas terá lugar no entorno da Praza do Concello unha Festa da Escuma para deleite dos máis pequenos.

E o broche final a esta mostra poñerao o ritmo da Asociación Os Coribantes de Buchabade de Ponte Caldelas. Será ás 20.30 horas na Praza do Concello.

De Vacas e Os Coribantes serán os encargados de poñer a nota musical ao certame

Así mesmo ambos días haberá dous obradoiros infantís gratuítos ao longo de toda a xornada. Un estará adicado ao coiro a cargo de Tony Artesanos e outro, de pulseiras e trenzas, estará impartido por Artesanías Mary.

Tamén durante a mostra hai cabida para a literatura. Pablo Otero Barrio, que ten raíces agoladesas, volverá estar nesta cita para dar a coñecer as súas tres obras: Relatos de Ferrol, 2.500 e El pinchadiscos maléfico.

Diferentes exposicións

Así mesmo, as exposicións tamén serán outras das grandes protagonistas desta mostra. Así, os asistentes poderán contemplar unha colección de pintura do agoladés José Ángel Ayude; tamén volta aos Pendellos o silledense Adrían Penido, que xa estivo noutras ocasións, e neste caso amosará as súas obras pictóricas.

Completa a listaxe outra mostra de talla e escultura do melidense Pepe Cabanas. Así mesmo, estará aínda nos Pendellos a mostra de fotografía de Jesús Faílde Oro que se pode ver dende o pasado 12 de xullo. Ademáis, ata o vindeiro 14 de agosto, un dos Pendellos lucirá unha mostra que leva por título Inmarcesibles.

A mostra de artesanía de Agolada en 2017 Noe Parga

Trátase dunha exposición fotográfica sobre a beleza real feminina cuxa autora é María Fernández. Está promovida polo Concello de Sober e é itinerante, polo que o departamento de Servizos Sociais do Concello de Agolada considerou que era unha boa ocasión para poder desfrutar da mesma na localidade durante estes días.

"Estamois moi ledos de volver a desfrutar da nosa mostra, e agardamos que a programación guste a todos os públicos. Ademais, agradecemos a todos os artesáns que cada ano nos elixen e que non queren perder esta cita", sinala o alcalde do municipio, Luis Calvo.