Tres grandes espectáculos reunirán sobre o escenario a case 200 artistas estradenses, exactamente a un total de 186, durante a xornada do sábado 25 de xuño, dentro da programación oficial das festas patronais do San Paio 2022: trátase do Festival de Música Tradicional, a gala Tequexetéldere 30 Aniversario e o Start of Summer Festival. Durante a presentación do certame, o edil de Eventos, Gonzalo Louzao, destacou a “aposta pola cultura local” do Concello da Estrada, ofrecendo durante a celebración das festas patronais grandes formatos para todos os públicos compostos por “ADN local”, cunha programación que “reserva o espazo central para as agrupacións máis senlleiras da Estrada”. Louzao engadiu que, ante a probabilidade de chuvia, os dous escenarios nos que se desenvolverán estos eventos estarán cubertos. 

Público asistente á primeira edición do Summer Festival. BERNABE/CRIS M.V.

En primeiro lugar celebrarase o Festival de Música Tradicional, ás 19.30 horas na Alameda Municipal, que se retoma despois de dous anos de parón pola pandemia. Contará coa participación de máis de 90 compoñentes da escola e da Banda de Gaitas de Barbude, que estará acompañada da Asociación Cultural Malante de Malpica e da Orquestra de Foles de Portugal. O presidente da Asociación Cultural Escola de Música Tradicional de Barbude, José Ramón Brea, asegurou que “haberá sorpresas durante a actuación” e engadiu que o obxectivo é darlle continuidade a este espectáculo durante os vindeiros anos para “manter viva a música tradicional na Estrada”. 

Ás 22.30 horas, a Praza do Concello acollerá o concerto especial polo 30 aniversario da Agrupación Folclórica Estradense Tequexetéldere, que tivo que ser cancelado no 2020 por mor da pandemia. A intención da agrupación é repetir o formato empregado para celebrar o seu 25 aniversario, hai sete anos no Teatro Principal, que contou cunha gran acollida entre o público. Entre músicos e bailadores xuntaranse arredor de 85 persoas sobre o escenario e os integrantes de Tequexetéldere contarán co acompañamento da Banda de Música Municipal da Estrada, que interpretará nove pezas da agrupación de baile tradicional adaptadas polo compositor estradense Simón Couceiro. 

Ás 00.00 horas pechará a programación do sábado a terceira edición do Start of Summer Festival na Alameda Municipal, no que acompañarán a Henry Méndez e a Groove Amigos os DJ estradenses de todos os locais de ocio nocturno do municipio. Actuarán Carlos López, Zana, Pedro Rivis, Álex Brea, Xabi Villar e Iván Campos ata o remate do festival, arredor das 4.00 horas da madrugada. 

Durante a presentación deste triple evento, o edil de Eventos estivo acompañado do presidente e a secretaria da Asociación Cultural Escola de Música Tradicional de Barbude, José Ramón Brea e Andrea Arias; do xerente da Agrupación Folclórica Estradense Tequexetéldere, Kike Vázquez; do vicepresidente da Banda de Música Municipal da Estrada, Rubén Calviño; e do DJ estradense Carlos López.