A poucos días de rematar o ano académico 2021-22, no IES Laxeiro xa se está a preparar o 2022-23. Xa elaboran unha folla de ruta que permita unha organización adecuada das actividades lectivas a partir do 8 de setembro de 2022, adaptando as ensinanzas de ESO e Bacharelato nos niveis impares á nova normativa LOMLOE.

Horario de xornada única e Bacharelato xeral

Dúas novidades importantes nesta folla de ruta son a implantación definitiva do horario de xornada única e a ampliación de posibilidades formativas coa implantación do Bacharelato xeral.

A primeira supón que, de xeito definitivo, non haberá clases os luns pola tarde. A segunda é unha modalidade de bacharelato nova que permite que o alumnado que tiña dúbidas sobre se cursar ‘ciencias ‘ou ‘letras’ poida elaborar un itinerario formativo mixto que non lle peche portas e lle permita postergar a decisión, sendo válido para cursar posteriormente estudos universitarios máis diversos.

Alén desta novidade, o resto da oferta formativa non varía con respecto á deste curso no que o centro matriculou algo máis de 750 alumnos e alumnas e no que traballou un elenco docente de case 90 profesores e profesoras. Por outra banda, implantarase o segundo ano do CS de Acondicionamento físico e desenvolverase o segundo ano do Convenio que permite as ensinanzas do CS de Construcións Metálicas na modalidade de FP dual, en colaboración con importantes empresas da Comarca do Deza.

CS de Acondicionamento físico & Formación profesional dual

As persoas que obteñen o título de CS Acondicionamento Físico exercen a súa actividade tanto no ámbito público, xa sexa Administración Xeneral do Estado ou en administracións autonómicas e locais, como en entidades de carácter privado, en ximnasios, empresas de servizos deportivos, padroados deportivos ou entidades deportivas municipais, clubs e asociacións de carácter deportivo ou de carácter social, empresas turísticas (hoteis, cámpings e balnearios, entre outros), grandes empresas con servizos deportivos para os seus empregados, centros xeriátricos ou de carácter social, federacións deportivas ou organismos públicos de deportes.

Pola súa banda, o actual convenio CS de FP dual concluirá en agosto de 2023, logo dunha formación nas propias empresas máis prolongada que durante o primeiro ano e coa intención de asinar outro convenio para o bienio 2023-2025.

CS de Mecatrónica. Cedida

CS de Mecatrónica & CM de Instalacións eléctricas e automáticas

O Ciclo Superior de Administración e Finanzas, Automoción, Xestión Administrativa e FP Básica completan a oferta de FP do IES Laxeiro, en Lalín

Ambos ciclos tratan de dar resposta á crecente necesidade de integración de distintas disciplinas tecnolóxicas na industria. Cunha alta porcentaxe de inserción laboral, o CS de Mecatrónica dá saída a profesionais operativos, capaces de organizar, dirixir, controlar, executar o mantemento de equipos e instalacións dunha empresa industrial e/ou de servizos, utilizando para iso modernas técnicas de control, e tendo como obxectivo a continuidade dos procesos industriais e a optimización na calidade dos produtos e/ou servizos.

O CM de Instalacións eléctricas e automáticas formará o alumnado para montar e manter infraestruturas de telecomunicación en edificios, instalacións eléctricas de baixa tensión, máquinas eléctricas e sistemas automatizados, conforme á normativa, á regulamentación e aos protocolos de calidade, seguridade e riscos laborais, asegurando a súa funcionalidade e o respecto polo medio.

CM de Automoción. Cedida

Programas de Erasmus+ e Plan de Capacitación en Linguas  Estranxeiras

No centro xa funcionan seccións bilingües desde 2º ESO a 4º ESO e grupos CUALE de francés (A2 e B1) e inglés  (A1, A2 e B1). Alén disto, mantéñense os contactos e vínculos con centros doutros países (desde Turquía até Portugal) para celebrar novos intercambios de alumnado e profesorado. Así mesmo, o centro é posuidor da Carta ECHE de Ensinanza Superior e foron concedidos ao centro varios proxectos encadrados no Eramus+ que permitirán que tanto alumnado como profesorado do centro se desprace ao estranxeiro, tanto para realizar prácticas como para recibir formación de diferente índole.

Todos estes elementos funcionan de xeito coordinado para aumentar a capacitación tanto do alumnado como do noso profesorado e complementar a súa formación no ámbito da internacionalización do ensino e nas linguas estranxeiras, elementos vitais para as expectativas laborais e profesionais das persoas. Asemade, o Plan de Capacitación en Linguas Estranxeiras contemplará a celebración durante o ano de exames de certificación en linguas estranxeiras para o alumnado, unha opción que se espera que aproveite un número de alumnado sensiblemente superior á trintena de rapaces e rapazas que o fixo o ano pasado.

CM de Electricidade. Cedida

Polos Creativos e Aula de Emprendemento

Ademais dos Contratos-Programa, os Plans Proxecta+ e outros, o IES LAXEIRO ten concedida a posta en marcha da Aula de Emprendemento, unha das 29 que se concederon durante este ano e tamén participará do innovador programa de Polos Creativos.

A Aula de Emprendemento funcionará asociada ao Viveiro de Empresas radicado no centro e, no eido da formación profesional, esta enmárcase no fomento do emprendemento desenvolvido polo Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, eduemprende, constituíndo unha estratexia para impulsar as habilidades persoais e profesionais encamiñadas a potenciar o emprendemento e o autoemprego.

Os Polos Creativos que terán un deseño modular e innovador, estarán dotados de equipamento especializado, ocuparán espazos físicos definidos nos centros educativos, organizaranse didacticamente para fomentar a creatividade a través da superación de retos, a consecución de proxectos, a resolución de problemas, a realización de prototipos e a construción de resultados tanxibles.

Ensinanzas de Persoas Adultas

En quenda de tarde funcionarán novamente tres grupos de alumnado. O primeiro será da ESA (Ensino Secundario para Persoas Adultas), de 19:15 a 22:30 de luns a venres, pertencente aos niveis equivalentes a 3º ESO (setembro-febreiro) e 4º ESO (febreiro-xuño) cuxa superación outorga o título de Graduado en ESO, que permite tanto continuar estudos de ciclos de grao medio de formación profesional ou bacharelato como acceder ao mercado laboral.

O bacharelato impártese tamén presencialmente cun horario de 16:50 a 22:30 de luns a venres, nas modalidades de Ciencias e Ciencias Sociais e Humanidades. Estas ensinanzas teñen unha duración mínima de dous anos, aínda que se poden fraccionar dependendo de estudos previos e cunha limitación de seis anos académicos desde que se ingresa nelas.

O IES Laxeiro prepárase para un novo curso cargado de novidades, entre as que destacan a implantación do ciclo formativo de grao superior de Acondicionamento Físico e o de Mecatrónica, así como varios proxectos encadrados dentro do programa Erasmus+.

IES Laxeiro. Cedida

Máis info: Av. Buenos Aires, 71 – Lalín

Teléfono: 886 15 19 40

ies.laxeiro@edu.xunta.gal

http://www.edu.xunta.gal/centros/ieslaxeiro/