Dende as orixes do cristianismo, a figura de San Xoán Bautista foi unha das máis relevantes desta relixión. Pero con todo, xa anteriormente se celebraba a chegada do verán con rituais que hoxe se mesturan coa nosa tradición.

As cacharelas, queimar os malos recordos, renovar a lista de desexos e vontades, espantar os meigallos saltando as fogueiras, as sardiñadas populares, a música e a troula... Orixinariamente, en case toda Europa occidental e costeira, levábanse a cabo unha serie de rituais xa en civilizacións anteriores á era cristiá nestas datas próximas ao solsticio de verán, o día máis longo do ano, e que recibe a tempada de colleitas e a chegada do bo tempo.

Xa os celtas soían acender grandes fogueiras coincidindo co solsticio de verán para honrar ao deus Sol no seu momento de maior plenitude.

Dentro de todas as tradicións, a máis significativa é o prendido das cacharelas. No seu lume percibíase o poder de purificar e dar forza ao sol. Simbólicamente o lume tamén ten unha función "purificadora" nas persoas que o contemplan.

Deste xeito, en moitos lugares de Europa, especialmente en España, Portugal, Noruega Dinamarca, Suecia e outros países nórdicos e Reino Unido, estos ritos pagáns foron cristianizándose. No caso particular de Poio, foi a fundación do Mosteiro de San Xoán o fito que marcou un antes e un despois nesta celebración.

Deste xeito, a superstición e a maxia deron paso á posibilidade dunha intermediación de San Xoán Bautista para seguir pedindo máis ou menos o mesmo. Salto por riba / do lume de san Xoán / para que non me trabe / cadela nin can. Hoxe en día xa non haberá moitos que crean nestes misterios, pero por se acaso... non vai ser o demo.

Outras das grandes protagonistas desta noite máxica son as sardiñas, que durante esta época do ano están no seu punto óptimo, un peixe dunhas cualidades extraordinarias e que, ademáis, está exquisita.