A noite do 23 de xuño é unha noite máxica que conta cunha morea de rituais asociados non somentes ao lume, senon tamén a auga. As ondas do mar, as fontes e as prantas son protagonistas principais nestas xornadas.

Unhas das tradicións que se está a recuperar, e cada ano con máis éxito de público, é a recollida de herbas de San Xoán, que completando o rito acadan propiedades curadoras.

A Asociación Cultural Ronsel propuxo hai anos esta actividade que hoxe en día é un imprescindible das festas patronais de Poio. Os interesados en participar percorrerán o Monte Castrove para recoller as herbas e flores necesarios para preparar o cacho. A pesares de estar documentadas, máis de 40 variedades distintas, todas elas con propiedades curadoras, as máis habituais soen ser artemisa, estalotes, fento, fiuncho, herbiña de San Xoán, malva, romeu e silva.

Para poder acceder ás súas propiedades curadoras, hai que deixalas en auga - a poder ser auga de sete fontes distintas - durante toda a noite ao aire libre, á luz da lúa e deixar que se empapen do orballo.

Nas primeiras horas do día seguinte debemos lavar a cara con esa auga, e con elo estaremos protexidos durante todo o ano e tamén axudará a curar enfermidades da pel e mesmo a rexuvenecela.

A cita organizada polo colectivo cultural está programada para este xoves ás 18.00 horas, e partirán dende o local social Sartal.