A práctica totalidade dos concellos galegos están a recuperar os formatos tradicionais das súas festas máis sonadas. Logo de dous anos condicionados pola pandemia provocada pola COVID-19, "estamos en disposición de recuperar a programación habitual das Festas de San Xoán".

Así o afirmaba na presentación o concelleiro responsable da área de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez.

O San Xoán de Poio, unha das festas máis importantes e con maior tradición do municipio, volverá contar con algunhas das citas máis importantes da programación habitual. "Tanto en 2020 como en 2021 tivemos que adaptarnos á situación sanitaria e ás restriccións. Pero agora, coa volta á normalidade, o programa de San Xoán volverá a ser un referente na bisbarra", aseguraba Martínez Blanco.

O pasado venres tivo lugar a presentación oficial das festas Cedida

Entre o 22 e o 26 de xuño Poio volverá a acoller acontecementos tan importantes como a sardiñada popular ou o prendido da fogueira, na medianoite do 23 ao 24 (día do patrón), así como a tirada de fogos de artificio do día 25, as alboradas nas distitnas parroquias do concello, as verbenas con algunhas das mellores orquestras de Galicia, a recollida de herbas de San Xoán coas Pandereteiras do Ronsel, ou a lectura do pregón, que desta volta correrá a cargo do actor, director e narrador de Ribeira Quico Cadaval, "un dos grandes persoeiros da nosa cultura e que a bo seguro deleitará á veciñanza coa súa intervención", indicou o titular de Festexos.

A lectura do pregón será un dos grandes reclamos do inicio das festas o mércores 22 de xuño, ás 21.00 horas. Non faltarán as actividades infantís para os máis cativos e os actos litúrxicos na honra de San Xoán Bautista, Santa Trahamunda e San Fructuoso.

O rexidor municipal Luciano Sobral agradeceu a implicación do tecido asociativo local á hora de colaborar na consolidación "dun programa pensado para o goce da veciñanza e das persoas que nos visitan nestas datas. Contamos con citas que a bo seguro atraerán a moita xente doutros municipios".