O Real Club Náutico Rodeira celebra este ano o corenta aniversario da súa fundación. 

E como vive o club este fito? Pois achegando, como cada verán, o deporte náutico máis divertido e seguro a tódolos cativos da comarca do Morrazo.Como xa é tradición, o periodo estival é sinónimo de Campamento Náutico e cursos de verán. 

O Campamento Náutico volta á normalidade trala pandemia. Os cativos, de 6 a 15 anos, poderán gozar dun sinfín de actividades cunhas medidas sanitarias moito máis relaxadas que lles permitirán aproveitar ao máximo e iniciarse a diversos deportes náuticos.

Manualidades, navegación, excursións, obradoiros, actividades en inglés… e moitas outras aventuras agardan durante os meses de xullo e agosto.

A tarefa para participar será de 120 euros por quincena, comezando o 27 de xuño, para unha xornada que arranca ás 10 horas e remata ás 13:30 h con posibilidade de deixar aos participantes 30 minutos antes cada mañá (pagando un suplemento).

Actividades Rodeira Cedida

Deporte lúdico

Por outra banda, o Rodeira continúa firme no seu propósito de achegar o deporte náutico e modalidades de competición que tantas ledicias dan ao club a tódolos públicos.

Tanto cativos como adultos poderán iniciarse no piragüismo, na vela, no windsurf ou no kaiak polo. Como? Grazas aos cursos que tamén darán comezo o 27 de xuño. Deste xeito, todos os interesados poderán escoller o deporte que máis lles apeteza, para facer os cursos con horario de mañá de luns a venres.

Os prezos varían para socios e público xeral e nalgúns deportes, como no caso da vela, farase incluso unha diferenciación por nivel dos practicantes.

Outro plan diferente son as rutas guiadas en paddle surf ou kaiak. O requisito primordial para facer calquera actividade no Rodeira é sinxela: saber nadar. 

Para calquera dúbida, o Náutico Rodeira ten a disposición dos interesados a súa oficina do Porto Deportivo de Cangas. Se non podes acudir presencialmente, podes contactar no número de teléfono 671 660 105 ou a través da dirección de correo electrónico cursos@nauticorodeira.com.