No IES As Barxas levan anos promovendo a adquisición de competencias e coñecementos científicos e humanísticos entre o alumnado, apostando tamén polo fomento de distintas capacidades, como o pensamento crítico, a resolución de problemas, o traballo en equipo, a creatividade ou a capacidade analítica.

Sen descartar a coñecida tradición artística e creativa do seu centro, destaca na súa oferta educativa a polivalencia do novo Bacharelato Xeral, recollido na nova Lei de Educación (LOMLOE).

Este bacharelato permite ao alumnado deseñar o seu itinerario académico cursando tanto materias humanísticas como científicas. Trátase dunha oferta exclusiva dentro da comarca do Morrazo, e estará dispoñible para matricularse a partir do curso que vén.

Os estudantes na Semana das Ciencias Cedida

Proxectos innovadores e Clubes para o alumnado

Ademais, no IES As Barxas contan con varias liñas de innovación, nas que traballan as competencias STEAM (Ciencias. Matemáticas, Tecnoloxía e Artes).

Para isto contan con: un Club de Ciencias, que leva a cabo os seus proxectos de Fototrampeo. O STEMBACH, como medio para acadar a excelencia educativa no Bacharelato. O Club Audiovisual, onde destacan a creación de curtas, animacións, booktrailers...; o Club de Escritura, que redacta a súa propia revista; o Obradoiro MúsicasBarxas, que son expertos na edición de videoclips...

Tamén destacan outro tipo de actividades relacionadas con ámbitos sociais, como o Grupo de Igualdade Incómodxs e Rebeldes; a visualización patrimonial en 3D; o equipo de Normalización Lingüística; o equipo da Biblioteca coa súa inclusión nas Bibliotecas solidarias auxiliares e no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.

Noutra nota, e para demostrar que a vida académica tamén pode ser entretida, temos o Club de Manga e a súa participación na COMICON e EXPOTAKU; o Club de Teatro e as súas representacións na Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo; os campionatos nos que participa o Club de Xadrez ou os moitos proxectos en realidade virtual.

Exposición do traballo fotográfico dos alumnos. Cedida

A partir de toda esta voráxine académica e creativa, o IES As Barxas participa en eventos educativos como a Xornada de Polos Creativos, e conta cunha traxectoria de numerosos premios (por citar algúns, o GSD INNOVA, EducaBarrié, SIMO, CREARTE, Proyecta Innovación, Jóvenes Emprendedores,o Festival Audiovisual OlloBoi, o Premio Telefónica de Innovación Educativa, e un longo etcétera).

Así, neste instituto Moaña levan anos demostrando unha gran implicación en innovación educativa, de aí que o centro teña implantados distintos programas educativos, coma o Edixgal, as Seccións Bilingües, a participación de auxiliares de conversa, a Biblioteca Escolar, o Plan Proxecta, Contrato Programa, Mediación escolar... 

Desde o IES As Barxas consideran que “as liñas de traballo prioritarias no centro educativo deben orientarse cara á mellora da aprendizaxe, á detección e desenvolvemento dos talentos do alumnado, a atención á diversidade (a través de utilizar programas de reforzo, desdobres ou Diversificación Curricular), á promoción da igualdade, á promoción das competencias STEAM, ao uso das TIC e á mellora da competencia socioemocional e da convivencia”.