O Castelo de Soutomaior converteuse na sede do II Encontro Nacional sobre Políticas Públicas, unhas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra e coordinadas por Rosa Cobo, co obxectivo de debatir sobre a igualdade en distintos ámbitos sociais e políticos, co apoio da Escola de Igualdade María Vinyals.
O evento estivo presidido por Carmela Silva, que aproveitou o inicio do acto para dar as grazas “ao equipazo de mulleres que traballan na Deputación. Detrás do que eu conto hai moitas mulleres facendo unha extraordinaria labor”.
A presidenta destacou o compromiso da Deputación coas políticas públicas en materia de xénero, confiando ser un exemplo para outras administracións: “O 52% da poboación mundial somos mulleres, por iso a política de igualdade ten que ser transversal, estar no centro de todas as áreas da provincia de Pontevedra”. Transversalidade que pasa pola organización de iniciativas como a creación da Escola de Igualdade María Vinyals: “pioneira a nivel estatal, que educa en igualdade, que sabe que o relevo xeracional existe e o traballa”.
En palabras de Priscila Retamozo, politóloga e unha das pontentes da sesión: “Que eu estea aquí xunto a miña profesora - Chis Oliveira - é a proba de que as políticas públicas de igualdade, se están, funcionan”.
Coordinadas por Rosa Cobo
“Se Rosa Cobo non existise, habería que inventala”. É a frase que todas as ponentes repetiron ao longo do evento, e é que a doutora en socioloxía da Universidade de A Coruña foi a encargada de coordinar e organizar as sesións deste Encontro Nacional de Políticas Públicas.
Un encontro que contou cuns bloques temáticos claramente definidos: “Este ano tivemos unha estrutura de temas clave que precisaban ser revisados”conta a propia Rosa Cobo. “A violencia, a cultura, e a Universidade, espazos que fortalecen as desigualdades en lugar de desactivalas”.
A primeira xornada estivo dedicada ás violencias que sufren as mulleres e á súa marxinalidade en ámbitos públicos como a Universidade. Durante a sesión matinal tivo lugar un dos platos fortes, a intervención de Luisa Posada Kubissa acompañada da propia Rosa, para falar sobre a violencia sexual: “unha situación presente en todas partes do mundo, unha violencia insertada nas entrañas de todas as culturas”.
Mentres que a segunda, aberta pola delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, afondou na cultura e nas políticas de igualdade propias da axenda feminista, conformadas por “reformas legais, unha perspectiva de xénero transversal a todas as políticas públicas, e a necesidade dun orzamento acorde con esta prioridade: política, presuposto e persoal”.
Porque se algo se repetiu durante este Encontro foi a necesidade de recursos, “de apuntalar”, de concienciar á sociedade a través de actividades sociais.
Guada Guerra foi a encargada de dirixir a recta final, recordando que hai que seguir cambiando as cousas, e que “con estas xornadas é como se consegue”.
Agradecementos á axenda política da Deputación
As relatoras non tiveron reparos en poñer rostro a este movemento. Como destacaba Alba González Sanz: “É necesario recoñecer o avance a todas as feministas no entramado cultural, dende unha aula ata unha librería; ou mesmo ata a presidencia dunha Deputación”.
Un recoñecemento ao que tamén se unía Rosa Cobo durante o peche das Xornadas, onde reflexionou sobre os temas abordados e sinalou que “as cifras actuais poñen en manifesto a importancia de foros como este, para falar as cousas e poñelas sobre a mesa”. Tamén continuou cos agradecementos á Deputación, a Carmela Silva e a todo o seu equipo “por facer do feminismo bandeira”.
En palabras da presidenta: “Que o mundo tome nota, que aquí estamos as mulleres, para seguir loitando polo máis fermoso movemento que se ten creado, o feminismo, que emprega o coñecemento, análise e propostas para transformar o mundo”.
“Hai un renacemento da misoxinia vinculado aos avances das mulleres”
A coordinadora das Xornadas, Rosa Cobo, compartiu mesa con Luisa Posada para falar dunha lacra que invade a sociedade dende sempre, pero que sufriu un pulo nos últimos anos: “A violencia sexual é un tema central nas políticas actuais pola propia brutalidade da explotación da muller, que provocou o estallido da cuarta ola feminista”. Un estallido que fixo renacer “a misoxinia vinculada á presenza da extrema dereita, con discursos negacionistas da violencia e da desigualdade, en contraposición á nosa rabia.”
“As mulleres non logramos ser consideradas humanas ata 1993”
Unha das relatoras máis esperadas foi Alda Facio, académica do Instituto de Dereitos Humanos das Mulleres. Como comentaba a FARO, “A misoxinia contra as mulleres cántase a viva voz e é moi aceptada”, unha situación “naturalizada” e que denunciaba durante a súa intervención xunto a Nuria Varela.
“Hai que traballar en leis e educación. A violencia é causada por moitas razóns. Crear leis dende o estado é unha cousa, pero o difícil é cambiar as mentalidades da xente, que é o importante. Para as Nacións Unidas, as mulleres non logramos ser humanas ata 1993”.
“Necesitamos funcionarias feministas para facer políticas de igualdade”
Nuria Varela adicou a súa intervención a denunciar a falta de instrumentos para políticas de igualdade: “As leis son boas, pero os instrumentos non son os mellores. Faltan inversións, falta persoal”.
Sinala neste sentido a necesidade de máis “funcionarias femenistas, pois sen elas é imposible facer políticas de xénero”, e pon como exemplo a labor do equipo de Carmela Silva.
“Síntome honrada e feliz de estar nesta mesa por segunda vez, porque estar aquí é estar rodeada de mestras, amigas, referentes que traballan tanto pola igualdade. Un orgullo.”
“O que está pasando na mocidade fainos poñer o foco na violencia sexual”
Case indispensable neste tipo de eventos, Chis Oliveira fíxose un nome no ámbito do feminismo e da liberdade sexual da muller en Galicia. Acompañada da súa exalumna Priscila Retamozo, quixo destacar a importancia de educar en igualdade á xuventude.
“Somos persoas sexuadas en todos os momentos da nosa vida, e a liberdade das máis pequenas ven marcada por unhas dinánicas de poder aprendidas que as converten non tanto en suxeitos, senón en obxectos. Detectar esta problemática dende pequenos é o que facilitará unhas relacións seguras”.
A presencia da muller na Universidade segue sendo marxinal”
Águeda Gómez participou en representación da Universidade, un ámbito aparentemente feminizado, “pero onde a muller segue estando nunha posición marxinal. As Unidades de Igualdade temos cada vez máis competencias e menos recursos. As tareas que atender aumentan, pero non os orzamentos”.
A nota positiva a teñen as “feministas que removen as unidades onde se asenta o sistema universitario, un sistema medieval onde as mulleres temos un lugar marxinal nos grandes cargos, a pesar de que as alumnas sexan maioría e, en moitos casos, os mellores currículums”.