Unha das grandes fortalezas da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia é a dos equipos que respaldan a iniciativa. Por unha banda, o equipo humano de mentores e profesores especializados nas grandes áreas de coñecemento, precisas para as startups que están a moldear as súas ideas innovadoras para saír con garantías aos mercados. Pola outra, as das empresas tractoras dos distintos sectores que apoian este programa de aceleración autonómico e xogan un papel fundamental no desenvolvemento das propias iniciativas.

"Unha mostra do ecosistema innovador galego, con destacadas firmas do sector turismo e grupos hoteleiros"

A rede de capital privado que ten representación dentro da iniciativa autonómica medrou nesta edición con respecto á inicial. Todas as tractoras de 2021 repiten experiencia. A elas hai que engadir outras que teñen xa un espazo propio no programa deste ano. O networking que se produce ao poder contactar os dous extremos da cadea é altamente valorado polas startups e tamén polos propios representantes do ecosistema, xa que esa conexión pode abrir sinerxías de alto valor no presente, pero sobre todo no futuro.

As empresas tractoras supoñen unha mostra representativa do ecosistema innovador galego. Existen destacadas firmas do sector turismo e grupos hoteleiros (Silman, Grupo Hotusa, OCA Hotels, Carrís Hoteles, Caldaria, ALDA Hotels, ATTICA 21 Hotels, Fianteira Turismo, Viajes Viloria), firmas TIC (Pilgrim, Altia, Dos Espacios, Plexus, Dos Valor, ITC Ménsula, Bahía Software, Auren, Imatia Innovation) e alimentación/produtos enogastronómicos (Cash Record – Vegalsa Eroski, San Simón da Costa, Bodegas Granbazán, Terras Gauda, Martín Códax, Altos de Torona), que aportan valor diferencial para os finalistas e para a propia iniciativa. 

Xunto a estas firmas, comparten respaldo á iniciativa da Xunta de Galicia fondos de investimento como Conexo Ventures Capital, K-Fund ou Kibo Ventures. 

Esta figura empresarial é clave dentro da Aceleradora. Tanto é así que o Investor´s Day co que se clausura o programa de aceleración considérase o colofón da edición e a saída real aos mercados das distintas solucións aceleradas.

Entidades colaboradoras

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia é a impulsora da Aceleradora. Nun papel fundamental de apoio aparecen tamén unha serie de organismos e asociacións profesionais que están detrás deste gran proxecto turístico: o Centro Superior de Hostelería de Galicia (onde está a sede da propia Aceleradora), o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Axencia Galega de Innovación (Gain), XesGalicia, o Clúster TIC Galicia e o Clúster Turismo de Galicia, a Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia (AJE), a Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI), a Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (Atrega), o Grupo Nove, a Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

As outras protagonistas que marcarán o seu propio camiño

Ademais das 10 startups seleccionadas, a segunda edición da Aceleradora de startups turísticas de Galicia tivo como co-protagonistas a 5 proxectos que quedaron ás portas do programa completo de aceleración. Son parte importante da historia da iniciativa e agora terán que seguir evolucionando as súas propostas polos seus propios medios. Durante un intenso mes recibiron os módulos básicos para enfocar a súa idea orixinal, entraron en contacto cos mentores e co resto de startups nas dinámicas de grupo e abriron vías de contacto. Son 3 apostas adscritas á categoría de Camiño de Santiago e 2 de Social Tech:

A Leira 116 (Camiño de Santiago): 

É unha finca de 14.000 metros cadrados ubicada no quilómetro 116 do Camiño de Santiago francés. Trátase dun campamento turístico de contacto cero.


Bravo (Camiño de Santiago): 

Aplicación vinculada aos Camiños de Santiago, onde os peregrinos poderán acceder de maneira fácil, cómoda e intuitiva a todos os servizos necesarios durante a súa etapa.

 

Meet Rural (Social Tech):

Plataforma dixital con información sobre os municipios da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Integra un buscador local onde as localidades poden poñer en valor todos os seus recursos e atractivos turísticos de maneira independente ou en conxunto. 


Turismo Inclusivo Ribeira Sacra (Social Tech): 

Turismo accesible para persoas con discapacidade e mobilidade reducida, ofertando itinerarios 100 % personalizados para amosar Galicia e a Ribeira Sacra con experiencias únicas. 


Xacobus (Camiño de Santiago): 

Un albergue móbil instalado nun autobús. En temporada baixa organizará surfaris (viaxes de surf), convertindo o bus nun Surf hostel sobre rodas.