“Tan importante como a parte terapéutica do tratamento dunha enfermidade, é saber que non estás só, que hai xente que te entende e que te apoia cando estás desorientado”. 

Unha edición máis, PonteSán desembarcou a fin de semana pasada na praza de España de Pontevedra para homenaxear o labor das entidades socio sanitarias locais sen ánimo de lucro “que axudan a mellorar a rede asistencial e as nosas vidas e saúde dun xeito impagable”, tal e como destacou o propio edil de Deportes e Saúde do concello de Pontevedra, o socialista Tino Fernández, durante a clausura do que xa está considerado como o maior evento socio sanitario que se celebra en toda Galicia.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, visitaron os stands durante a apertura de Pontesán, que bateu a súa propia marca de participación 
con máis de 40 expositores e un intenso e variado programa en torno a saúde mental Cedida

Tino Fernández: 
“Esta feira naceu para Homenaxear o labor impagable das entidades socio sanitarias”

De certo, durante esta terceira edición, Pontesán rematou de consolidarse definitivamente como o escaparate referente nos ámbitos socio sanitario e da saúde autonómicos e fíxoo con marca de participación da man das máis 40 entidades expositoras entre colectivos, colexios profesionais e institucións vencellados ao sector sanitario que se deron cita na praza de Pontevedra para pór en valor, ao longo de tres días, algo tan importante como combater os efectos da pandemia no estado de ánimo e a optimización da saúde mental e o benestar emocional

Urxente abordaxe 

Algúns estudos apuntan a que o 85% da poboación do país segue a sufrir o impacto psicolóxico da pandemia dous anos despois. 

Un contexto no que PonteSán non quería nin podía deixar pasar a oportunidade de tratar a xestión emocional cun intenso programa no que non faltaron os relatorios e mesas redondas con expertos do ámbito nin tampouco orixinais e chamativas actividades coma fútbol a pé, dancehall, papiroflexia, showcookings, campionatos de petanca, e mesmo Tai Chi Qigon, Risoterapia ou unha exhibición e aula de Fit Dance. 

A compañía de bailePlié Dance School protagonizou varias actuacións durante a cita. Cedida

Deste xeito, a gran cita coa saúde de Pontevedra chamou a atención sobre temas de urxente abordaxe nos nosos días como ‘Aprender a quererse e coidarse para mellorar a xestión emocional’ da man da charla do mesmo título impartida pola voluntaria de Cruz Vermella Nieves Fernández. 

Os relatorios participativos ‘Na procura dunha boa saúde mental’, a cargo da psicóloga clínica Montse García; ‘Autocoidado e xestión emocional’, protagonizado polas psicólogas de Adicam Vanesa Parada e Iria Núñez; ou ‘Os beneficios na saúde mental da boa práctica de exercicio físico’, serviron tamén para mostrar como podemos fomentar estilos de vida saudables de cara a unha mellor saúde mental. 

Na mesma liña e se a ‘Importancia do deporte na saúde física e mental’ quedou tamén clara na mesa redonda de tódalas asociacións e federacións deportivas presentes na feira e moderada por Roberto Silva, colexiado do Colef; ‘O benestar emocional nos colectivos sociosanitarios’ foi, pola súa banda, outra das temáticas chave do evento. 

Non en van, e tal e como puxo enriba da mesa a deputada provincial de Cohesión Social Olga García Ballesteros, facíase mais necesario ca nunca “dar visibilidade a tódalas asociacións e federacións que foron das que máis sufriron os danos coa pandemia, ao non poder organizar as súas actividades con normalidade nin ofrecer aos usuarios todo o coidado que precisaban”. 

“Esta feira naceu para iso: para servir de homenaxe ao labor que se fai desde esas asociacións;e para que as persoas que temos problemas de saúde, ou as que os poden ter nun futuro, saiban que, á marxe dunha asistencia sanitaria das mellores do mundo, tamén dispoñen dunha rede complementaria de axuda que é ás veces tan importante como a parte terapéutica”, subliñou no mesmo senso o titular de Deporte e Saúde, o edil socialista Tino Fernández, para despedir o evento, no que tampouco faltou a tradicional Andaina Solidaria PonteSán, na que este ano participaron máis de 180 persoas. 

Finalmente, o gran broche de ouro á III Feira da Saúde e do Benestar PonteSán púxoo Rodrigo Jiménez Juncal, un mozo de 16 anos diagnosticado coa enfermidade de Dent, a cargo da lectura do Manifesto pola Saúde, entre os actos centrais do evento.