As festas gastronómicas recuperan o seu pulso neste 2022. Despois de dous anos nos que ducias de eventos festivos tiveron que sera adiados, ou directamente cancelados por mor da pandemia da Covid-19, os concellos galegos queren recuperar a normalidade, e qué mellor xeito de facelo que exaltando os seus produtos típicos. A XX Festa do Codillo da Lama agarda para esta fin de semana a chegada de centos de comensais para disfrutar dunha xornada de lecer e bo xantar. A elaboración que se ofrecerá este domingo 22 de maio será estofada e con guarnición de patacas asadas, chícharos e cenorias e. A Alameda da Lama volve ser o epicentro da festa gastronómica máis numerosa de toda a comarca Verdugo-Oitavén.

O prezo da ración será de 10 euros, o cal supón unha rebaixa de 2 euros con respecto a edicións anteriores

Os tenentes de alcalde David Carrera e Jorge Méndez, así como o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, o director do CEIP da Lama, Rafael Sánchez-Agustino, o farmacéutico Miguel Araújo e a traballadora municipal Pilar Gómez, foron o xurado encargado de catar as propostas para a edición deste ano, un codillo estofado que tivo que competir co preparado en salsa de setas, con verduras salteadas e cuscús, e o acompañado con mazá, boliñas de espinacas e arroz en branco. Cátering Arelas, de Vincios (Gondomar), con Rosa María Fragueiro á fronte dos fogóns, será a encargada de servir os pratos durante a xornada gastronómica deste domingo na Alameda da Lama.

Os tíckets dispoñibles para asistir ao evento aínda se poderán retirar este mesmo domingo. A apertura da caseta de servizo de racións do codillo será ás 13:30 e manterase aberto até as 15.00 horas ou esgotar existenciaas. David Carrera explicou que “coa volta á normalidade reforzarase a organización e habilitaranse varios accesos para evitar que se acumule nunha cola soa o servizo de dispensado de racións co fin de axilizar ao máximo a repartición das mil racións que se prevén para este evento gastronómico”.

Un dos aspectos a destacar desta vixésima Festa do Codillo da Lama é a rebaixa do prezo da ración, que pasa de 12 a 10 euros. Carrera lembrou que este ano tan especial, e pese ao aumento do IPC e do custe da vida, o Concello da Lama decidiu rebaixar o prezo habitual coa intención de “facer a festa o máis popular posible e coa intención de favorecer que o maior número de veciños e visitantes se acheguen ata a Alameda a disfrutar dunha xornada gastronómica e festiva”. 

Ademais do codillo estofado, os comensais terán dereito a un anaco de pan, cubertos, bebida e un prato de barro conmemorativo do evento.

Carrera manifestouse ilusionado pola recuperación da festa e da normalidade, e a venda de tíckets destes días pasados fai prever que o público responderá moi positivamente.

O xurado durante 
a cata na que resultou gañadora a proposta de codillo estofado. Cedida

Mostra de produtos da terra

A XX Festa do Codillo estará amenizada pola Banda de Música Municipal da Lama e a Charanga “Os Encerellados” que animarán o epicentro da celebración durante toda a xornada. Outra das novidades máis agardadas desta edición é a celebración dunha Mostra de Produtos da Terra na que estarán presentes stands onde se poderá adquirir mel, queixo, repostería tradicional, horta ecolóxica, etc. Ademais haberá un posto de pulpeiro.

Dende o Concello convidan a todas as persoas que se acheguen a degustar o codillo á Lama, que aproveiten para coñecer os diversos atractivos turísticos do municipio, entre os que destacan as diferentes rutas de sendeirismo, paraxes naturais incomparables e ríos de augas excelentes como son o Verdugo ou o Oitavén.