Hoxe e mañá, de 12.00 a 15.00 e de 20.00 a 23.00 horas, participarán nas xornadas de tapeo un total de 21 establecementos coa súa respectiva tapa, na que o salmón será o gran protagonista. Concello e hostalaría apostaron por manter o reparto dos locais participantes en dúas xornadas. Deste xeito, hoxe será a primeira quenda cos seguintes restaurantes: Samaná, con Mariñeira de chía con guacamole, salmón marinado na casa, queixo brie e noces; O Lar, un Crocante de pataca con salmón afumado e crema de ceboliño; a Taverna da Feira cun Tartar de salmón con mousse de aguacate e algas wakame, acompañado de croqueta de salmón e salsa Noruega; Amadeus, con salpicón de salmón con aguacate en tosta de pan de sementes; A Bodeguiña, con Primavera de salmón; O Candil de Silvia servirá Salmón marinado á lima e á menta; Taberna Navegación con Ensalada de salmón, tubérculo e fresa; 20 Berzas, tosta de salpicón de salmón en vinagreta de mostaza; Bar Enredo, Salmón á naranxa; La Bombilla ofrecerá unha tosta con queixo, salmón marinado e vinagreta con froitos secos; a Cervexería Eureka, un taco de salmón con ameixa, berberechos e salsa de porro; Velis Nolis Bistró, gilda de salmón. Completarán o roteiro de tapas os participantes na xornada do sábado, coas seguintes propostas: O Xulia presentará un Roliño de salmón; o Ananás, Gazpacho de aguacate con salmón e ceboliño; Gran Vía, vieira de salmón con piña; O Mesón ofrecerá J. Valfresco; O Paseo, Tacos de salmón con gambas e ameixas; Bar Oasis cun pastel de salmón; Malo Será cun Salmón 2.2; O Bodegón, Salmón afumado con compota de mazá; e oAndalucía, Canelón de salmón.

Gastronomía, cultura e lecer, serán os protagonistas durante esta fin de semana en a estrada

O domingo será o día grande da Festa do Salmón. Na Praza do Novo Mercado terá lugar a degustación popular entre as 12.00 e as 15.00 horas. Neste caso, serán dez os locais participantes, e cada un ofertará dúas elaboracións. Grupo Valenciaga con Salmón en ceviche de Guanajato e Taco de salmón con guacamole e cebola roxa encurtida; Asador de Leo con Tortilla de salmón e Salpicón de salmón; Cervela participará con Cañitas de salmón con verduras e cunha Empanadilla de salmón, mexilón e algas shiitake; A Casa do Pan con Empanadas de salmón e verduriñas e Biscoito aromatizado con romero e maldon enrolando un cremoso de salmón; Os Peares, Croquetas de salmón e Ensalada de arroz con salmón afumado; La Bombilla, Ensalada de patata e salmón e Salmón en escabeche de cítricos; o Malo Será participará con Salmón ao Couto de Ximonde e con Pastel de salmón; Velis Nolis Bistró, con Gildas de salmón e Crocante de alga nori e sésamo picante con salmón marinado; Mr. Pizza propón Pizza Bianca de salmón e gambas e un Taco de alga nori con salmón, aguacate, arroz, edamame e sésamo; e o Ananás con Albóndigas de salmón con arroz especiado e Timbal de salmón afumado con frutas tropicais. As bandexas coas dúas racións terán un prezo de 5 euros.

As inmediacións do Novo Mercado e os locais participantes no roteiro de tapas agardan repetir imaxes coma estas durante a fin de semana. BERNABE/LUISMY

Actividades paralelas

Como viña sendo habitual, a fin de semana adicada ao rei do río contará con outras propostas de lecer para todos os públicos. Para os maiores non faltará a música, cun concerto dos integrantes do Obradoiro de Música Moderna de Carlos Barruso na Praza do Novo Mercado o domingo ás 13.30 horas para acompañar á degustación, ou a actuación no Teatro Principal da Coral Polifónica estradense ese mesmo día ás 19.30 horas.

Por outra banda, os máis pequenos tamén gozarán da súa dose de diversión, cun Circo de rúa ao longo do sábado 14 ao longo do día na Praza do Concello, e un contacontos o domingo.

Gastronomía, cultura e lecer, únense na Estrada nunha fin de semana que promete recordar as celebracións prepandemia desta Festa do Salmón.