Xa están en marcha as novas convocatorias dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme, coas que a Xunta de Galicia prevé apoiar ao redor de 90 pemes e microempresas no obxectivo de introducir as vantaxes da innovación en procesos, organización, produtos e servizos. Investiranse 4,3 millóns de euros que permitirán mobilizar 8,6 en sectores tan importantes como as industrias auxiliares conserveiras, as TIC ou o mundo automobilístico, entre moitos outros. 

Desde a posta en marcha de InnovaPeme en 2017, xa se apoiaron 160 proxectos cunha mobilización de 26,6 millóns de euros

Deste xeito, a Administración autonómica mantén o seu compromiso coa mellora da competitividade do tecido empresarial galego a través da innovación, poñendo o foco nas empresas de menor tamaño, con máis dificultades para emprender este camiño.

Así, a través da páxina web da Axencia Galega de Innovación (GAIN), poden solicitarse xa as axudas da quinta edición de InnovaPeme, destinadas a incrementar as capacidades e actividades en plans de innovación das pemes e microempresas galegas con pouca ou nula experiencia neste eido.

Cun orzamento de 2,8 millóns de euros permitirá ás beneficiarias poñer en marcha proxectos innovadores en procesos e organización, identificar tecnoloxías clave do seu negocio, mellorar a comercialización de produtos e servizos, captar financiamento ou protexer industrialmente os seus resultados. 

Rosana Vila, directora de Finanzas de Hermasa Cedida

Unha historia de éxito a través da I+D 

A convocatoria de InnovaPeme, de concorrencia competitiva, prevé outorgar axudas de entre 40.000 a 100.000 euros a preto de 40 empresas e, deste xeito, contribuír a incrementar o número de compañías innovadoras como é o caso da empresa viguesa Hermasa Canning Technology, unha das beneficiarias da ultima edición do programa: “InnovaPeme expón unha visión estratéxica de largo alcance moi necesario, ao traballar para que as pemes se doten dun plan de innovación robusto que logre que a innovación pase a ser unha forma de traballar, un proceso máis, algo habitual e permanente”, valora nesta liña Rosana Vila desde a empresa especializada en produción de máquinas para a industria conserveira, que está a aproveitar estas axudas para seguir marcando fitos no sector a través da implantación de realidade aumentada ou técnicas de simulación fluído dinámica para mellorar o deseño e a eficiencia enerxética das súas máquinas: “A experiencia está a ser moi positiva, o apoio da Xunta estanos servindo para acelerar a execución do “proceso de innovación”, recollido no noso Plan Estratéxico, permitíndonos abrir novas liñas de traballo e xerando novos postos de alta cualificación”, comenta Vila desde Hermasa Canning Technology, unha das máis de 160 pemes que xa se teñen beneficiado de InnovaPeme desde a súa posta en marcha en 2017. A iniciativa suma así un orzamento de 13,3 millóns de euros e unha mobilización de 26,6 millóns de euros, co mantemento de 767 postos de traballo en eidos como as TIC, a enxeñaría ou o sector agroalimentario. 

O deseño como valor estratéxico para mellorar a sustentabilidade empresarial 

A segunda edición de DeseñaPeme chega co reto de seguir avanzando na mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas a través do impulso da xestión do deseño como valor estratéxico.

Nesta ocasión o obxectivo é apoiar 50 proxectos centrados no deseño de produto, de servizos e experiencias, así como de marca e identidade corporativa para favorecer a posición das empresas. 

As axudas, de concorrencia competitiva, contarán cun orzamento de 1,5 millóns de euros, valorarán a xeración de deseños sustentables e outorgarán apoios de entre 5.000 e 100.000 euros.

Tanto esta liña de axudas coma as do programa InnovaPeme, dependentes da Vicepresidencia económica, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), forman parte do conxunto de apoios específicos para o impulso innovador nas pemes, como os préstamos IFI Innova -cuxo prazo está aberto cun orzamento de 2,5 millóns de euros€-; o programa ReAcciona; a aceleradora Galicia Avanza -que promoverá desde a Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense), a comercialización e internacionalización de produtos e servizos innovadores- ou os bonos de innovación que tamén se activarán este ano. 

O programa DeseñaPeme acada a súa segunda edición co fin de apoiar 50 proxectos con preto de 1,5 millóns de euros de orzamento. Outorgarán apoios de entre 5.000 e 100.000 euros. 

O ano pasado investiu 1,5 millóns de euros para apoiar 25 proxectos que mobilizaron 2,95 millóns e fixeron posible a creación e mantemento de 86 contratos.