A de 2020 foi a derradeira edición da Feira do Cocido que se celebraba con total normalidade, un mes antes da declaración do estado de alarma provocado pola chegada da pandemia da COVID-19. Pouco despois de coñecerse a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, no mes de xaneiro de 2020, o Concello de Lalín xa se preparaba para organizar a de 2021 con todos os honores que merece tal recoñecemento.

Este domingo, milleiros de persoas voltarán a encher as rúas da capital do Cocido con gañas de disfrutar da súa oferta turística e gastronómica

Sen embargo, houbo que agardar. O ano pasado decidiuse celebrar en setembro, condicionada aínda pola situación sanitaria que vivía o país. Neste 2022, a 54 edición da cita gastgronómica tería que terse celebrado, seguindo a tradición, o pasado mes de febreiro, o domingo anterior ao Entroido, pero decidiuse adiantala para esta fin de semana de abril para, ademáis de gañar tempo e que a situación sanitaria se normalizase, ter a posibilidade de manter unha programación continuada de eventos deportivos e culturais durante case un semestre. O Mes do Cocido, a Carreira do Cocido, o Motococido, o Rally do Cocido, Campionato Mundial de Enduro, a Matanza Tradicional do Porco ou a novidosa Feira Apícola Internacional de Lalín , entre outras moitas, son celebracións que repercuten positivamente no dinamismo socioeconómico do pobo.

Dende o goberno local, encabezado polo alcalde Xosé Crespo, confían en que a edición deste ano “marque un paso importante para que a súa proxección siga acadando novos cumios en canto ao seu alcance e repercusión turística e gastronómica, co que isto supón para a hostalería e o comercio locais, ao tempo que nos permitirá continuar coa súa internacionalización”.

Lalín recupera para a súa Feira do Cocido o desfile de Carrozas, Charangas, Comparsas, Agrupacións musicais e Entroidos tradicionais galegos. Este domingo, milleiros de persoas voltarán a encher as rúas da capital do Cocido con gañas de disfrutar da súa oferta turística e gastronómica, unha oferta que se espalla no tempo ata ben entrado o verán, dentro da programación oficial do Concello de Lalín no marco da LIV Feira do Cocido.