A Secretaría Xeral para o Deporte adxudicou á empresa Mondo Ibérica SAU o contrato para a construcción dun módulo cuberto de atletismo no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI).

Como xa indicou a principios deste ano o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na presentación da obra, a segunda gran ampliación do IFEVI servirá de impulso para todos os atletas vigueses, aumentando o espazo e as posibilidades da área metropolitana.

As novas infraestruturas deportivas, das que se verán beneficiados preto de 1.000 atletas repartidos entre os 15 clubs da contorna de Vigo, contarán cunha recta de atletismo de 60 metros de lonxitude e seis rúas, ademais de catro zonas diferenciadas para a práctica do salto de lonxitude e triplo salto, lanzamento de peso, salto con pértega e salto de altura. 

Ademais contará co certificado de homologación do módulo completo, emitido pola Real Federación Española de Atletismo, no que consta expresamente a verificación das diferentes zonas e a súa adecuación ás esixencias regulamentarias segundo esta federación deportiva.

A obra implica tanto dimensións físicas, cun pavimento deportivo de superficie de máis de 2.100 m², como equipamento específico para as distintas modalidades do atletismo. Un exemplo, o pintado e sinalización da recta de 60 metros, tacos de saída e valos nas rúas de velocidade.

O salto de lonxitude e triplo salto contarán con materiais como batidas de aceiro inoxidable e nivelador de area, así como o tapado do foso de preto de 40 m².

As novidades para lanzamento de peso e salto con pértega están compostas, respectivamente, por unha zona de lanzamento e pesas, e un kit para salto con pértega de aceiro inoxidable e zona de caída, que tamén atopamos para o salto de altura, ademáis dun saltómetro específico para a modalidade.

Por último, o contrato tamén se encargará de prover outros útiles, como marcadores individuais, carros de transporte xeral e de valos e 18 bandeiras de xuíz-árbitro. 

Tamén atopamos novidades respecto á electrónica deportiva e cronometraxe, xa que contrato tamén contempla a incorporación de artiluxios máis novedosos. Por exemplo, a provisión de marcadores videofinish, un dispositivo para comunicación da cámara e o marcador final de meta, unha pistola electrónica de saídas, un posicionador remoto e sistemas inalámbricos de videocronometraxe.

Esta actuación ratifica a aposta da Xunta pola busca de solucións que sirvan para reforzar os recintos feriais de toda a Comunidade, co obxectivo de impulsar unha polivalencia e variedade de usos, incluíndo, neste caso, os deportivos.

Neste sentido destaca a pista de atletismo cuberta de Expourense e o rocódromo do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Do mesmo xeito, continúa a liña de apoio ás instalacións de atletismo, como demostran tamén o convenio para a renovación e o acondicionamento da pista do Estadio de atletismo situada no Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela; a pista cuberta de Expourense, a licitación do módulo cuberto de atletismo en Ribeira e o compromiso da primeira pista homologada da Mariña, en Cervo, para o ano 2022.

Proxectos que acompañan e completan o acordado no IFEVI, así como outras obras xa realizadas nas pistas de atletismo de A Estrada e Cangas.

Recreación do novo módulo de atletismo do IFEVI Xunta de Galicia

IFEVI e Balaídos

O módulo de atletismo no IFEVI vén a paliar a situación de parálise que vive o atletismo vigués e que suporá unha unha solución para que os atletas da cidade poidan adestrar todos os dias do ano nunha pista cuberta, sen límite de capacidade, con independencia da situación meteorolóxica e quedando instalada para sempre dentro do patrimonio do deporte de Vigo.

Cómpre lembrar que o Goberno galego traballa co compromiso da reforma das pistas de Balaídos, obra que quedou bloqueada polos problemas urbanísticos derivados da anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Así, o módulo de atletismo no IFEVI busca desatascar o problema de xeito inminente, xa que, unha vez rematada a obra de ampliación do Instituto Feiral de Vigo, o prazo de execución da instalación será de 40 días. 

Non obstante, a Xunta de Galicia ratifica a total vixencia do seu compromiso coas pistas de Balaídos e amosa a súa absoluta colaboración co Concello de Vigo, tras anunciar este que levará a cabo as obras, anos despois do pacto acordado acordado respecto as pistas.

Neste pacto, acadado en 2014, establécese que a Xunta achegaría 2,3 millóns de euros e o Concello 400.000, que servirán para reformar as pistas de atletismo de Balaídos.

Do mesmo xeito, a Xunta ofrece ao Concello de Vigo o proxecto de reforma do complexo de atletismo de Balaídos, encargado e sufragado polo ente público en 2015. Ademáis, afirma estar a disposición do Concello para acadar unha proposta definitiva.