Nun gran espazo natural, de case 100.000 metros cadrados dos cales unha terceira parte son de bosque, á vez que dispón de boas comunicacións por estrada, sitúase o Centro Residencial Docente (CRD) de Vigo, no Meixoeiro. O CRD é un centro educativo para que os estudantes de ensino secundario ou ciclos formativos (excepcionalmente para o alumnado universitario) que teñan a súa residencia habitual lonxe da cidade olívica poidan cursar os seus estudos. 

Vive no Centro Residencial Docente de Vigo mentres cursas os teus estudos Cedida

Todo o conxunto arquitectónico ten una grande orixinalidade debido á integración da construción na paisaxe: espazos verdes que semellan prados, dotados con posterioridade de diversas variedades de árbores. Ámbolos dous centros comparten recinto, instalacións e servizos

O CRD ten as súas orixes na rede de Universidades Laborais, creado na etapa do franquismo, no que se impartía unha especialización técnica nun oficio ou na industria. Na actualidade desenvolve un proxecto complementario nas súas instalacións de servizos docentes, para a realización da formación do profesorado, inmersións lingüísticas e outras actividades que poden ser realizadas por organismos vencellados ao ensino, fóra do horario lectivo e en períodos de vacacións. Atende tamén ofertas educativas e sociais que poidan demandar grupos de traballo, institucións, organizacións e entidades, así como encontros, viaxes de estudos, cursos, intercambios, xornadas, etc.

Vive no Centro Residencial Docente de Vigo mentres cursas os teus estudos Cedida

Capacidade para 192 residentes

O centro dispón de tres residencias independentes e comunicadas entre si. O Colexio Vagalume ten capacidade para 92 estudantes e as residencias Bolboreta e Anduriña son para 50 alumnas cada unha delas. As prazas de residente outórganse mediante convocatoria específica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Hai cuartos individuais e dobres, os aseos e as duchas son de uso común e cada un dos centros dispón dun despacho para o persoal educativo e de distintas salas (de TV, xogos, reunións, de informática, biblioteca, ximnasio, lavandaría, prancha, secadoiros...) para uso dos residentes. O centro tamén conta con cafetería, cociña-comedor, enfermaría e un edificio de servizos administrativos.

Vive no Centro Residencial Docente de Vigo mentres cursas os teus estudos Cedida

Valores para a convivencia

Ademais de manutención e aloxamento, no CRD de Vigo favorecen as relacións entre o alumnado de distinta idade e procedencia, así como a adquisición e/ou o reforzo de valores esenciais para a convivencia, potenciando a tolerancia e a cooperación, educando na igualdade e no respecto ao medio ambiente e fomentando a autonomía persoal e a autoestima.

Co fin de estimular e motivar o uso adecuado do tempo libre e de lecer, o centro programa cada curso distintas actividades como charlas, competicións deportivas, exposicións temáticas, entre outras.