Vigo despedirá o ano 2021 cunha nova Escoba de Platino, a sétima consecutiva que premia o seu bo facer en limpeza, salubridade e respeto polo medio ambiente, reafirmándose deste xeito como a cidade máis limpa de España dende fai xa 14 anos. 

A Escoba de Platino é o maior galardón que concede a Asociación Técnica de Xestión de Residuos e Medio Ambiente (ATEGRUS®) nos seus prestixiosos premios bianuais. Unha iniciativa que quere recoñecer ás institucións e organismos que destacan na mellora da xestión dos residuos urbanos, limpeza e saneamento das cidades e industrias, distinguindo os esforzos para estimular os avances tecnolóxicos e a concienciación a prol do medio ambiente. 

Áreas nas que Vigo segue a destacar coma líder do panorama nacional grazas á labor da empresa encargada da limpeza do Concello, FCC Medio Ambiente, a quen o alcalde da cidade, Abel Caballero, quixo agradecer o seu traballo tras coñecer a chegada do novo galardón, e con quenes, de feito, reuniuse o pasado mes de xuño para compartilo. 

“Un orgullo para a cidade”, nas propias verbas do rexedor municipal, que serviu unha vez máis para pór en valor “o esforzo de toda a cidadanía, cada vez máis cívica e máis participante”. 

Á vangarda das TIC e a sostibilidade

En concreto e este ano máis que nunca, a Escoba de Platino chega para avalar o esforzo diario do servizo de limpeza do Concello de Vigo á hora de manter a limpeza da cidade á vangarda da redución do efecto invernadoiro e a aposta polas TIC, cun servizo de recollida que crece día a día en eficiencia, sustentabilidade e redución de ruídos a través de medidas como a incorporación de varredoras e lavadoras con cero emisións ou un servizo de limpeza de praias con maquinaria cen por cen eléctrica, entre moitos outros exemplos. 

Destacan neste senso tamén a incorporación e mellora continua de visiÓn, o sistema intelixente co que FCC coñece o que ocorre na cidade en tempo real e fai uso dos datos para crear infraestruturas de servizo máis áxiles.  

En liña cos ODS da ONU para 2030

Tamén no tocante aos datos de recollida xerais, ten Vigo que celebrar boas novas, cunha lixeira baixada na xeración de lixo con respecto ao ano pasado e en liña co número 12 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU, que quere “promover a xestión sostible e o uso eficiente dos recursos naturais, reducir a xeración de residuos e residuos alimentarios e promover a xestión racional dos produtos químicos”.

Menos residuos e mellor xestionados. Goberno municipal, operarios de limpeza e poboación, todos a unha, seguen a traballar para manter a cidade olívica coma líder e exemplo de limpeza e sostibilidade a nivel nacional. 

¡Grazas a ti!

Recorda que é importante cumprir cos horarios de depósito fixados de 21.00 a 23.00 horas e deixar o lixo sempre dentro do colector

Cando a cidade Vigo se prepara para gozar dun merecido descanso, o equipo humano do servizo de limpeza do Concello de Vigo, integrado por máis de 500 persoas, prepárase para comezar unha noite de duro traballo. 

A flota de limpeza, con 17 camións, encárgase de recoller o lixo todos os días do ano coa tecnoloxía máis avanzada: camións de carga lateral, vehículos adaptados para as rúas máis estreitas do Vigo vello, vehículos de carga traseira… O obxectivo é recoller todo o lixo depositado nos colectores. 

Operarios comprometidos que se fan cargo tamén da limpeza minuciosa das rúas e calzadas da cidade empregando un equipamento especial de varredoiras e baldeo, a moi alta presión, para que todos os barrios e rúas da cidade amenzan perfectamente limpos. E, alí onde non chegan as máquinas, son as persoas as que, mangueira en man, rematan o traballo.  

Tecnoloxía, vangarda, sostiblidade e implicación dun completo equipo humano de traballo. 

Tamén e mais que nunca, civismo e participación para seguir mantendo un lugar cada vez máis hixiénico e confortable no que vivir porque Vigo non sería a cidade máis limpa de España sen a túa axuda. 

Por iso, dende a entidade municipal recordan que o servizo de recollida é diario e que é importante cumprir cos horarios de depósito no colector, fixados de 21.00 a 23.00 horas. Do mesmo xeito agradecen que o lixo sexa depositado sempre dentro do seu colector correspondente a prol da estética e a salubridade da nosa cidade.