Foi no 2019, ano no que se bateu a marca de peregrinos chegados a Compostela, cando O Camiño Portugués da Costa acabou de consolidarse coma unha das rutas favoritas para os amantes do Camiño de Santiago. Unha data na que esta fermosa vía costeira converteuse na opción escollida por máis de 22.000 peregrinos, o que supuxo o 6% do total de camiñantes do ano e o que, a súa vez, a afianzou como a terceira máis transitada do ano. 

No que vai de 2021, pola súa banda, xa son máis de 7.400 os peregrinos que elixiron esta opción en auxe, coa urbe máis grande de Galicia coma unha das paradas clave e en cuxo centro urbano, por certo, non falta unha igrexa adicada ao apóstolo. 

Hoxe damos unha volta pola etapa Vigo-Redondela para descubrir as súas xoias agochadas, onde a vía enlaza co Camiño de Santiago Portugués interior e unha boa opción para gozar dunha pracenteira xornada. 

Vistas da Ponte de Rande e a Illa de San Simón, ao seu paso polo Camiño Portugués da Costa, polo que teñen pasado máis de 7.400 peregrinos no que vai de ano. Marta G.Brea

A etapa Vigo - Redondela

A vía comeza no paseo fluvial do río Lagares ata ás Travesas. Desde aquí diríxese á rúa de Tomás A. Alonso, enlaza con Pi i Margall e co paseo de Afonso XII, xunto á oliveira.Neste lugar, nas inmediacións do antigo castelo de San Sebastián, aínda resiste un tramo xenuíno da antiga entrada ao desaparecido recinto amurallado de Vigo, a que se facía a través da porta de Falperra, veciña da rúa de Santiago.

Desde o paseo de Afonso XII baixa cara a San Francisco e cara ao barrio do Berbés. Moi preto está A Pedra, coñecida pola degustación de ostras da ría.Na rúa Rosalía de Castro pode viaxarse ata o Vigo romano. O xacemento arqueolóxico Salinae expón os restos dunhas salinas mariñas únicas. Este museo subterráneo completa a oferta arqueolóxica romana de Vigo, na que tamén se atopan a Vila Romana de Toralla ou o Castro.

Sae de Vigo polo barrio de Teis, pasa polos lugares de Paradela, Parada e Trasmañó e alcanza Rande e Portela ata chegar a Redondela, onde conflúe co Camiño Portugués interior.

O Camiño da costa

Cunha lonxitude de 162,8 quilómetros, esta ruta costeira que entra en Galicia pola vila da Guarda, discorre en dirección oeste e camiña en paralelo ao río Miño ata chegar ao seu amplo esteiro. Dominando a paisaxe atópase o monte de Santa Trega, gran miradoiro cara ao Atlántico e Portugal. 

Despois, chégase a Oia, localidade portuaria célebre polo seu mosteiro cisterciense, e dobra o Cabo Silleiro para penetrar nun territorio máis resgardado, a preciosa ría de Vigo. En primeiro lugar chégase a Baiona, vila histórica de encantadoras rúas e prazas.

Tras pasar a ponte medieval da Ramallosa, a ruta diríxese cara a Panxón, coñecida polo Templo Votivo do Mar. Algo máis cara ao norte, o camiño atópase coa beleza da enseada de Samil e, pouco despois, chega xa a etapa Vigo - Redondela, onde enlaza co Camiño Portugués interior.

Alfonso Rueda asinou o protocolo cos hostaleiros de Vigo. Cedida

Xunta, hostalería e comercio sinalizan o Camiño en Vigo 

» A través de diversos acordos, o goberno autonómico facilita aos locais   da cidade guiar aos peregrinos a través de vinilos coa cuncha e coa frecha 


Os locais da hostalería da cidade de Vigo situados na ruta do Camiño Portugués da Costa, de importancia estratéxica para o Camiño Portugués, xa contan cunha sinalización homologada do Camiño tras o acordo de protocolo asinado polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra, César Ballesteros.

A Xunta asegura que ofrece así unha alternativa ao tramo da ruta na cidade, o único sen sinais oficiais ao non contar con autorización municipal e agradece a colaboración do sector para pór en marcha esta iniciativa de cara á posta en valor desta fermosa ruta costeira de 162,8 quilómetros e dificultade media - baixa, que entra en Galicia pola vila mariñeira da Guarda. 


Sinais oficiais para unha etapa estratéxica da ruta do Camiño da Costa 

 Segundo destacan dende o propio executivo autonómico, a aposta permite aos locais exhibir uns vinilos cedidos pola Xunta para guiar aos peregrinos no seu percorrido cara Compostela, un deles coa cunha que representa precisamente aos camiñantes e outro coa mítica frecha que indica que se trata dun itinerario oficial do Camiño de Santiago. 

Neste caso, o trazado do Camiño Portugués da Costa foi recoñecido de forma oficial no ano 2009 e foi un dos que máis medrou en afluencia nos últimos anos, converténdose no 2019 na terceira vía máis transitada do camiño, con máis de 22.000 peregrinos, o que supuxo o 6% do total de camiñantes nestas datas. 


140 establecementos do comercio vigués súmanse á iniciativa do goberno

Pola súa banda, o comercio da cidade uniuse tamén ao sector da hostalería na sinalización do Camiño Portugués pola Costa tras o convenio asinado este ano pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o presidente de Vigo Comercio, Roberto Giráldez. 

Un acordo mediante o que se instalou a sinalización oficial tamén nos nosos comercios, cos xa referidos vinilos coa cuncha do peregrino ou con frecha do camiño, con 140 empresas adheridas á iniciativa dende o primeiro momento. 


A Xunta aposta por un Camiño seguro en sentido amplo

Galicia traballa nun Camiño Seguro, mellorando os trazados, a señalización e a rede de albergues e servizos no Camiño. Un Camiño seguro no máis amplo sentido, seguro no seu trazado (mellor sinalizado, eliminando puntos negros, con máis reforzo das forzas e corpos de seguridade) pero tamén sanitariamente máis seguro. 

Conta cun programa de peregrinación adaptado á actual situación sanitaria a través dun protocolo integral de actuación nos itinerarios xacobeos en Galicia.

Ao abeiro deste programa, establécense unha serie de medidas tanto para os peregrinos como para os profesionais, entidades xestoras ou voluntarios que traballan na Ruta Xacobea.

Deste xeito, o programa Camiño Seguro inclúe medidas como: limitacións de aforo de entre o 50 e o 75%; elaboración de guías e manuais de apoio, formación para máis de 300 albergueiros, axudas para a adaptación dos establecementos ás medidas hixiénico sanitarias e un servizo de asesoramento aos negocios.


Seguro de viaxeiros  fronte á Covid-19 

Ademais, Galicia conta cun Seguro de viaxeiros fronte á Covid-19 coma protección extra. 

A iniciativa é de balde para os visitantes e peregrinos nacionais e internacionais que non residan en Galicia. 

Non teñen que facer ningunha solicitude, soamente estar aloxado nun establecemento regrado dentro da Comunidade galega. O seguro activase automáticamente.

A medida, de carácter pioneiro e que comezou a funcionar no mes de xuño, estará vixente polo menos durante un ano.

Este seguro complementario axuda a cubrir gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización pola covid-19; repatriación sanitaria e repatriación por falecemento por covid-19; e prolongación da estadía por corentena por causa da covid-19.

O afectado terá que notificar a enfermidade a través do teléfono +34 915149959, agardando a autorización correspondente para beneficiarse do seguro.