Galicia está entre as dez primeiras rexións produtoras de leite de Europa e é a única comunidade española presente no listado das 20 rexións coa maior produción na UE, que acumulan, en conxunto, máis do 35% da produción da Unión Europea.

Un sector fundamental para a nosa economía que unha vez máis corre o risco de verse perxudicado polo aumento dos custos de produción.

Luz, combustibles, fertilizantes... Todo sube e faino con especial prexuízo para os máis débiles da cadea de valor alimentaria: os gandeiros, obrigados a facer fronte a vendas a perdas. 

Galicia quere e pode evitalo, pero precisa da axuda do Goberno Central, a quen pide que permita que o prezo do produto do sector primario se constrúa a partir do custo efectivo de produción dos agricultores e gandeiros, coa información obtida a través da aplicación Conta Láctea coma guía e acreditación destes custos nas relacións contractuais cos operadores primarios.

Unha solución a medida que ten que ser implantada dende Madrid na normativa estatal, dado que Galicia non ten competencias para defender a fixación de prezos mínimos para os produtos agrícolas ou gandeiros.

Así se explica dende a Xunta, que acaba de demandar unha vez máis ao Goberno do Estado que actúe de acordo coas súas competencias para garantir uns prezos xustos para os agricultores e gandeiros. Advirte nesta liña que non está tendo en conta as demandas de Galicia para asegurar que se cubran os custos de produción, especialmente no sector lácteo, e se asegure unha marxe de beneficio para os produtores.

De feito, recordan que xa en febreiro do ano pasado a Xunta solicitou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que a cadea de valor construíra o prezo do produto do sector primario a partir do custo de produción dos agricultores e gandeiros, evitando a venda a perdas. 

Tamén lle pediu que fixera unha revisión da normativa para construír un marco lexislativo que conseguira o obxectivo de que calquera produtor agrícola ou gandeiro español obteña un prezo polos seus produtos que cubra os custos de produción máis a marxe de beneficio que se determine. É dicir, apurar a modificación do marco lexislativo estatal para permitir así alcanzar o obxectivo sinalado, que o produtor cubra os custos de produción e obteña unha marxe de beneficio. 

Demandas, denuncian, non atendidas polo goberno central que a Xunta acaba de reiterar agora novamente ao ministro Luis Planas. 

En concreto, solicita que se teña en conta no texto final da Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, actualmente en tramitación no Senado, o recoñecemento dos resultados económicos da Conta Láctea -ou outra aplicación oficial- como forma de acreditación do custo efectivo de produción. Este mecanismo de control de prezos pode garantir que ningún produtor cobre por debaixo dos custos e asegurar unha marxe mínima de beneficios. 

Fai un novo chamamento aos axentes da cadea para que trasladen, canto antes, a suba dos prezos aplicada pola distribución nos lineais ata os gandeiros, co fin de que se faga efectivo o equilibrio entre todos os eles

Cómpre lembrar que Conta Láctea foi impulsada pola Xunta ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego e que os gandeiros da nosa comunidade xa poden usar desde o mes de agosto. Así, este mecanismo permite axudar aos gandeiros a mellorar a súa posición negociadora sobre os prezos do leite, ao coñecer con exactitude os custos de produción. 

Precisamente, o artigo 12 ter da Lei da cadea alimentaria recolle claramente que se deberá evitar a venda a perdas, polo que a Xunta entende que a demanda de incorporar Conta Láctea na propia norma debe ser tida en conta para mellorar a actual situación dun sector tan estratéxico na economía do país. 

Nesta liña, o Goberno galego fai un novo chamamento aos axentes da cadea para que trasladen, canto antes, a suba dos prezos aplicada pola distribución nos lineais ata os gandeiros, co fin de que se faga efectivo o equilibrio entre todos eles.

Eixe principal de negociación na futura PAC

Precisamente esta defensa aos gandeiros e agricultores galegos está sendo o eixe principal na negociación da futura Política Agraria Común. Un eido no que destacan os últimos avances conseguidos polo Goberno galego nesta negociación, poñendo en valor o incremento de 11,8 millóns de euros anuais nas axudas asociadas ao vacún de leite en Galicia.Porén, insiste o executivo autonómico, é preciso seguir traballando para adecuar a PAC ás especificidades da España húmida. Mellorouse substancialmente o deseño dos ecoesquemas, pero é preciso buscar unha maior simplificación na súa execución, co fin de lograr un maior grao de cumprimento por parte dos solicitantes perceptores para facelos máis atractivos e aproveitables. 

Neste senso, a Xunta comprométese con seguir defendendo e apoiando aos produtores galegos a través da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego, que quere fortalecer a profesionalización do sector e a mellora da súa rendibilidade e defender a calidade dos nosos produtos lácteos.

Pola profesionalización e a rendibilidade do sector

Conta entre os seus piares fundamentais: A aposta pola mellora e promoción da calidade do leite galego como liña esencial de traballo;a prioridade dos produtos de alto valor engadido; a formación orientada á mellora da xestión empresarial;o incremento da base territorial das explotacións, con instrumentos como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia; a mellora dos prezos nos contratos;ou a promoción da negociación colectiva, entre outros.

Pódese acceder a App a través de: www.contalactea.gal Faro

Conta Láctea, a ‘App’ que aporta poder negociador aos gandeiros

» Entre outras cousas, a ferramenta permite controlar  os investimentos e os custos de produción;concretar canto custa producir un litro de leite e, sobre todo, a que prezo se pode vender

Posta en marcha este mes de agosto pola Xunta de Galicia, en colaboración coa fundación Juana de Vega, a aplicación informática Conta Láctea quere facilitar a xestión empresarial das explotacións leiteiras e busca coma obxectivo principal aumentar o poder negociador dos gandeiros sobre o prezo do leite. 

Unha ferramenta coa que os produtores non só poden calcular os seus custos de produción e así incrementar a súa rendibilidade, senón que -como empresarios- poden tamén mellorar esa posición nas negociacións dos prezos.

Trátase dunha aplicación posta á enteira disposición do sector para cubrir unha das necesidades detectadas a través da Estratexia de dinamización do lácteo: a mellora da xestión económica das explotacións. É, ademais, un instrumento sinxelo, intuitivo, accesible e manexable por e para todos.

Entre outras cousas, permite controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e, o máis importante, a que prezo se pode vender. 

Ademais, outras vantaxes que ofrece son, por exemplo, o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos resultados obtidos.

Este informe está pensado, precisamente, para empregarse por parte dos gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ao seu custo de produción.

Unha iniciativa que se enmarca tamén na aposta pola innovación e pola aplicación ao sector das novas tecnoloxías. 

Todo isto, co obxectivo prioritario de consensuar e asentar as bases para consolidar a Galicia como principal rexión láctea, con carácter competitivo, perspectiva sustentable e capacidade de resiliencia.

Observatorio lácteo

Noutro orden, A Xunta tamén iniciou a tramitación do decreto específico que regulará o Observatorio do sector lácteo. Deste xeito, será o instrumento que permita acadar unha mellor estrutura sectorial para analizar e avanzar nestas cuestións.O anteproxecto de Decreto que regulará este órgano estivo exposto para consulta pública no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta, co obxecto de que calquera interesado puidera facer chegar as súas aportacións.

Vacas pastando en Rodeiro. Bernabé/ Luismy

Un sector fundamental para a economía galega, en cifras 

A produción de leite é a actividade agraria con maior importancia en Galicia, ao representar o 23,7% do valor da produción agraria da comunidade autónoma

En España

- Galicia é a principal rexión produtora de España, cunhas entregas de 2,8 millóns de toneladas no 2019, o 38,6% do total nacional

- Galicia produce tanto leite como a suma das seguintes catro comunidades españolas cunha maior produción: Castela e León, Cataluña, Andalucía e Asturias

En Europa

- Galicia está entre as dez primeiras rexións produtoras de leite de Europa. É a única CCAA española presente no listado das 20 rexións coa maior produción na UE, que acumulan máis do 35% da produción. 

Evolución no tempo

- Galicia incrementou a produción de leite desde 2001 en máis dun millón de toneladas, cifra que supón o 91% do incremento total de España

- Desde o fin das cotas lácteas (en 2015), a produción das granxas galegas medrou un 37,3%.

Axudas

- O sector lácteo é o máis beneficiado polas axudas da Xunta para apoiar os investimentos nas explotacións agrarias, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións.Na última convocatoria destas achegas aprobáronse un total de 1.206 expedientes destas tres liñas por valor de 43,25 millóns de euros.