Segunda fin de semana das Festas do Cristo no Porriño e os concursos cobran protagonismo. Dun deles, Improvisdados, é a segunda edición e do outro, Trivium, é o estreo.

Na tarde do pasado sábado Praza do Cristo foi o escenario no que competiron os seis finalistas da batalla de debuxantes. Nesta segunda fase o certame é presencial e os participantes tiveron 90 minutos para realizar a súa obra con liberdade para utilizar o utensilio de pintura que desexen (rotulador, esprai, pincel, brocha ou rodillo), pero a técnica reducirase a man alzada dispoñendo só de pintura de cor negra e branca. Nesta edición o espazo a intervir recreou un taller mecánico. O xurado outorgou o primeiro premio ao artista madrileño Makioneta, en segunda posición rematou Sedo, de Vigo, e o terceiro posto foi para Dusem, de Ourense, e foron galardoados con 350, 200 e 100 euros, respectivamente; os tres finalistas restantes do concurso foron Tremze (Francia), Tamara Baz (A Guarda) e BTO (Madrid), que recibiron unha aportación económica de 50 euros cada un.

Gañadores e finalistas II Batalla de Debuxantes Improvisado. D.P.

E o domingo proseguiu a competición, e a gran escala. Nun taboleiro xigante, na mesma Praza do Cristo, celebráronse as dúas primeiras quendas clasificatorias do concurso de preguntas Trivium. Son un total de 16 parellas as que participan deste xogo similar ao Trivial pero personalizado con preguntadas relacionadas con Porriño. Destas dúas quendas sairon dúas das catro parellas que participarán na final do 2 de outubro; as outras dúas determinaranse nas clasificatorias do días 24 e 25 de setembro.

Quedan por varias xornadas cheas de programación cultural. Concertos, teatro, cinema e moito máis que se clausurará o domingo 3 de outubro coa tradicional Festa dos Callos nos establecementos hostaleiros da vila, nos que se servirán as racións ao prezo de 7 euros. 

Gañadores de Trivium Porriño. D.P.

Cabezudos e pregón

Volven este ano os cabezudos de honra do Porriño. Estes personaxes abrirán, o venres, os días grandes do Cristo. Nesa mesma xornada chegará o espectáculo Mitic e o sábado 25 será a lectura do pregón a cargo de Antonio Palacios e Corona Gónzalez, encarnados polos actores que interpretan a ambos personaxes nas visitas guiadas dedicadas ao arquitecto porriñés durante este ano 2021.

A concelleira de Cultura e Festas, Camila Moreira, sinala que “necesitamos festas, con serenidade, e socialización, dentro dos límites dos protocolos sanitarios”. Nesta liña, dixo que “neste segundo ano de celebración en pandemia, coa experiencia adquirida, todos necesitamos vivir unha normalidade, particularmente que os nenos tamén vexan esa normalidade”.

O acceso a tódolos eventos é libre con prazas limitadas ata completar a capacidade establecida atendendo ao protocolo COVID vixente. Pode consultarse toda a información máis polo miúdo na páxina web www.ecultura.net, onde tamén se anunciarán posibles modificacións no programa.

Programación

XOVES, 23 SETEMBRO

Danza “Canela” 20.00 h exterior centro cultural

VENRES, 24 SETEMBRO

Concurso “Trivium” 18.00 - 20.30 h Praza do Cristo

Cabezudos de honra do Porriño 19.00 h Praza Cristo 

Concerto Mitic clásico 21.00 h Praza San Sebastián

SÁBADO, 25 SETEMBRO

Pregón Festas do Cristo 13.00 h Praza Arquitecto A. Palacios

Concerto Banda de Música Tui 13.30 h Praza do Cristo

Concurso “Trivium” 18.00 - 20.30 h Praza do Cristo

VII Montando Cristo Festival 22.00 h Carpa Roxy

DOMINGO, 26 SETEMBRO

Teatro “A tropa do doutor Milagre” 12.00 h Praza Arquitecto Antonio Palacios

Concerto Agrupación Musical do Porriño 13.30 h Praza do Cristo

Novo Circo: Ikigai de SU.MA 19.30 h exterior centro cultural

Concerto Tanxugueiras 21.00 h Praza Arquitecto Antonio Palacios

LUNS, 27 SETEMBRO, FESTIVO LOCAL

Animación de rúa “Velocíclopes” 12.00 h 

Concerto Nahual 13.00 h Praza Arquitecto Antonio Palacios

Teatro “Animal sagrado” 19.00 h Carpa Roxy

VENRES, 1 OUTUBRO 

Proxección “Cesteiros Mondariz” 21.30 h exterior centro cultural

Cinema familiar 22.00 h exterior centro cultural

SÁBADO, 2 OUTUBRO

Concurso “Trivium” 18.00 - 20.30 h Praza do Cristo

Novo Circo: Sue Moreno 19.30 h exterior centro cultural

Concerto folk Oima 22.00 h Praza Arquitecto Antonio Palacios

DOMINGO, 3 OUTUBRO

XXVIII Festa dos Callos A partir das 12.00 h establecementos hostaleiros

Concerto Bregadiers 13.00 h Praza Arquitecto A. Palacios

Títeres “Cómicos da Legua” 18.30 h rúas da vila

Concerto Víctor Coyote 20.30 h Praza Arquitecto Antonio Palacios