As agrupacións locais e un variado elenco de artistas galegos serán os grandes protagonistas de As Dores 2021. Dende onte, o concello lalinense está inmerso nuns festexos que, agardamos, sexan os derradeiros celebrados con restriccións. A pesares das dificultades xeradas pola incertidume da evolución da pandemia, Lalín poderá disfrutar duns días de lecer nos que a música e as actividades infantís serán a nota dominante.

Os actos xa comezaron a pasada noite, coa actuación de Leilía. A xornada de hoxe arrancará co pasarrúas de Os Dezas de Moneixas, que tamén estarán pola tarde xunto á charanga Ardores e a Banda de Música de Valladares. Haberá unha actuación infantil de Pablo Díaz a partir das 18.00 horas na praza da biblioteca para seguir coa charanga Ardores. Para pechar o día terá lugar a actuación da xira dos Cantantes Extraordinarios –programa da TVG-, contará coa participación de Pili Pampín, Lucía Pérez, César Romero, Lito de la orquesta Panorama e Paco Lodeiro. Na xornada dominical actuarán Carballo da Manteiga, a charanga Os Verbeneros, a Banda de Música de Lalín, Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Miguel Ladrón de Guevara. Tamén haberá lugar para a maxia. No comezo da nova semana as rúas encheranse de música coa Carballeira de Cercio e a charanga Leña Verde. Nesta xornada de luns tamén actuarán a Banda de Música de Vilatuxe e haberá actividade infantil e un concerto de Lucía Pérez. Xa para rematar, e mantendo o mesmo formato, o martes farán o pasarrúas Os Trasnos de Doade e a charanga KM 0. Os concertos correrán a cargo da Banda de Música de Muimenta e Garufa Blue Devils. 

Inauguración da Bienal Laxeiro, o paasado 10 de setembro. Bernabé/J.L.

Lalín D´Fest

O Concello de Lalín quere pechar o mes de setembro por todo o alto. Se ben as actividades programadas dentro de As Dores 2021 rematan este martes, durante todo o mes tiveron lugar multitude de espectáculos que terán a súa culme na vindeira fin de semana, coa celebración da LIII Feira do Cocido, unha cita que este ano tivo que ser aprazada ata en dúas ocasións. Un dos principais atractivos do certame deste ano será o Lalín D´Fest, un festival que terá lugar o sábado 25 e que contará con artistas consagrados do panorama musical como Verto, Ale, Delaporte, Delafé y Rapariga DJ. As entradas están á venda en wegow.com.

A XV Bienal Laxeiro completa a oferta cultural

O Museo Municipal Ramón Aller acolle dende o pasado 10 de setembro unha nova edición da Bienal Laxeiro -a decimo quinta-, que desta volta está adicada ao propio artista lalinense. Un total de 69 pezas, 29 delas procedentes de coleccións particulares, forman parte dunha mostra que amosa ao Laxeiro máis persoal e cercano. A doutora en Historia da Arte Cecilia Doporto é a comisaria desta esxposición que estará aberta ao público ata o vindeiro 26 de novembro. Doporto asegura que “queríamos homenaxear a Laxeiro coas 40 obras que temos no museo e coas que se puideran reunir mediante préstamos particulares. Como a xente non acudía nun principio á chamada, presenteime casa por casa, onde sabía que había Laxeiros inéditos e sen catalogar. A xenerosidade e a amabilidade da xente foi de admirar”. Deste xeito, esta exposición servirá de base para a ampliación do catálogo universal do pintor lalinense que levará a cabo a Fundación Laxeiro, con sede en Vigo.

A inauguración desta XV Bienal Pintor Laxeiro de Lalín tamén serviu para que o rexidor municipal, Xosé Crespo, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, adiantaran pequenas pinceladas do que será a programación cultural específica 2022, que rendirá homenaxe á figura universal de Xosé Otero Abeledo, Laxeiro, co gallo do 25 aniversario do seu pasamento.