Nestes días, aínda que dun xeito diferente a como de costume por mor da COVID-19, Tomiño prepárase para celebrar as festas patronais da Virxe do Alivio. Como toda a programación cultural organizada en pandemia, nesta ocasión haberá tamén que cumprir un protocolo sanitario e de seguridade, e a partir de aí todos os veciños poderán desfrutar dunha semana de lecer, cunha oferta cultural e lúdica dirixida tanto a maiores como a pequenos.

“Conversas con Tana”, un espectáculo teatral baseado na ventriloquía, con esencia educativa, espírito festivo, divertido e altamente participativo, abrirá o programa o vindeiro luns, 6 de setembro. Será na Praza do Seixo, a carón do Concello, ás 19.00 horas e dirixido a un público de entre 5 e 12 anos.

O martes haberá música, no mesmo lugar e hora. Lara Villaverde, unha moza tomiñesa de 19 anos, que canta e toca a guitarra eléctrica, ofrecerá un concerto coa colaboración dos artistas locais Logan (vocalista de Heissel) e Rebeca Vázquez (tenda La reina caracola).

Operación Plancton, unha obra con afán divulgativo e mensaxe ecoloxista, dirixida á educación e concienciación infantil sobre a problemática da contaminación de plásticos no océano, é a oferta para o mércores 8. Dirixida a público infantil e familiar, tamén ás 19.00 horas na Praza do Seixo.

“Contos da lúa”, de Trécola Producións, un espectáculo de marionetas que fomenta, sempre dende o divertimento, valores coma a igualdade, o respecto e o apoio mutuo, chegará o día 9.

E o venres Concerto Eder tributo a Sabina, co dúo acústico Calle Melancolía formado por Eder González e Manu Abalo no que renden homenaxe a Joaquín Sabina, con temas en directo. Será na mesma praza que as actuacións anteriores pero ás 22.00 horas.

A entrada aos diferentes eventos é de balde pero é preciso reservar praza por cuestións de capacidade, chamando ao teléfono 986 622 001 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@tomino.gal

A comisión de festas tamén se involucrou na organización de actos. Así, o mesmo venres, día 10, ás 20.30 horas, actuará Treboada Baixo Miño no recinto da festa en honra á Virxe do Alivio; agrupación que na xornada seguinte percorrerá os barrios e rúas da vila como de costume.

Xa para a fin de semana, celebrase o sábado 11 o acto cívico que dende o Concello se vén organizando cada ano dende 2007 coincidindo con estas festas, no que se distingue a unha persoa ou personalidade que dende distintos lugares ou profesións teñan contribuído a agrandar o nome de Tomiño. Nesta ocasión o homenaxeado será Jesús “Suso” Montero Villar. O acto será ás 20.30 horas, previamente terá lugar o encontro dos bombos e a continuación actuación da Banda de Música de Goián, a cal ás 22.00 horas ofrecerá un concerto e de novo volverá a tocar na xornada do domingo logo de rematar a misa solemne, cantada pola Coral de Tomiño, ás 12.30 horas.

E como broche de ouro á programación, o luns 13, festividade local en Tomiño, a comisión de festas ten programada, para ás 19.30 horas, a actuación do grupo de baile Virxe do Alivio co festival espectáculo “Imos de festa, imos ó Alivio” no recinto da festa. Antes, ás 19.00 horas oficiarase unha misa cantada na honra a San Cristóbal, patrón dos condutores, coa tradicional procesión cos coches.

Veciños nas Fetas do Alivio, no ano 1962. Veciños nas Fetas do Alivio, no ano 1962. // D. P.

O Alivio, unha festa labrega

O Alivio, como todas as festas no rural, estivo vencellado ao calendario labrego. Segundo lembran as persoas maiores da vila, a festividade remóntase a, cando menos, uns 200 anos atrás, pois os seus pais e nais foran xa mordomos. Naquel entón a festa duraba dous días, sábado e domingo despois da novena, coincidindo coa segunda semana de setembro. O pobo dividíase en cinco cuarteis (Vilar, Vilachán, Barro, Cotro e Seixo) e había que saír a pedir esmola polas casas; o diñeiro era moi escaso e moitos veciños doaban só o que tiñan: millo, centeo, ovos e trigo.

Cos fondos facíanse as roscas que o domingo, día grande das festas, levaría na cabeza ata o torreiro, xunto á capela da virxe, un grupo de mozas escollidas. Misa e procesión cos tradicionais anxiños. Despois de comer, o baile ata a tardiña, con bandas e charangas, e logo as poxas cas doazóns e roscas elaboradas. A continuación volvía o baile ata ben entrada a madrugada.