A compostaxe doméstica supón un importante beneficio medioambiental e económico posto que reduce gastos de recollida e transporte, ademais de eliminar a súa incineración ou vertido, mellorando a recollida separada das outras fraccións para a súa reciclaxe.

Foi precisamente a preocupación ambiental do Concello de Vilaboa a que o levou a comezar, alá polo ano 2016, a súa aposta pola compostaxe como o mellor método de xestión da materia orgánica. A finais do 2017 pasou a formar parte do plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Grazas á compostaxe, nesta localidade redúcense anualmente arredor de 230 Toneladas de CO2, o que equivalería a viaxar en coche ata a lúa 5 veces.

O proxecto en números

A través do programa, ao longo destes catro anos Vilaboa conseguiu implicar a un total de 1200 familias de todo o concello na compostaxe doméstica, o que se traduce en que 3 de cada 4 persoas compostan. Ademais instaláronse un total de 12 centros de compostaxe comunitaria para grandes produtores como son restaurantes, casas rurais, bares, centros de ensino, empresas e xeriátrico. Con estas medidas, Vilaboa ten a capacidade de xestionar mediante compostaxe individual e comunitaria un total de 750 toneladas ao ano de residuos orgánicos. Traducido en números, esto supón un aforro de 63.000 euros anuais fronte ao modelo Sogama; a redución de emisións de Co2 en 230 toneladas; acadar un 30 % de porcentaxe de separación selectiva -antes do Revitaliza as porcentaxes de separación eran dun 10%-. Pola súa banda, o Punto Verde no Monte do Cabalo revaloriza cada ano 3000 m3 de restos leñosos e uns 600 m3 de restos herbáceos obtendo un compost de calidade para a veciñanza. Este Punto Verde é a solución a un problema que doutra maneira encarece e dificulta a xestión dos residuos municipais, posto que permite a xestión ordenada dos restos vexetais, evitando os abandonos en lugares inapropiados, facilita un servizo que demanda a cidadanía, sobre todo ante a dificultade de realizar queimas, máxime en época estival, cando estas non están permitidas, contribuíndo por tanto a evitar os incendios forestais.

Dende o Concello convidan a todos os que faltan por sumarse, a que contacten cos Mestres Composteiros a través do correo composteiros@vilaboa.org ou nos teléfonos 986 708 215 e 986 708 252, onde lles aclararán calquera dúbida sobre compostaxe. Así mesmo, por estas mesmas vías pódense formalizar as solicitudes de composteiros, préstamos de biotrituradoras, reparto de compost, depósito de restos vexetais no Monte do Cabalo, etc.

“Vilaboa, grazas de todo corazón”

É o lema da nova campaña posta en marcha polo Concello de Vilaboa e a Deputación de Pontevedra en colaboración con Amigos da Terra, coa que pretenden poñer en valor o compromiso e o traballo feito pola cidadanía de Vilaboa nos últimos anos en prol da compostaxe, buscando así unha mellora ambiental de todo o municipio. Con esta campaña queren agradecer o esforzo de veciños e veciñas que, dende os seus fogares, os seus negocios, e os centros de ensino traballaron dende o local buscando un beneficio global, e animan aos que faltan a formar parte de este equipo. A campaña está financiada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Revitaliza, e consta dunha serie de vídeos nos que as propias familias, estudantes, hostalería, restauración e empresas, son as auténticas protagonistas. Os vídeos estanse a subir progresivamente na canle en Youtube. Este xoves 22 estrease o terceiro deles, mentres que os vindeiros 26 e 30 de xullo estarán dispoñibles os dous últimos da serie.

Dentro desta mesma acción, tamén se lle fixo chegar a cada recuncho do concello vilaboés un tríptico no que dan a coñecer todos os servizos que ofrece o plan de compostaxe de Vilaboa, así como un calendario de produtos de tempada que serve de guía para coñecer cal é a mellor época para consumir cada alimento no seu estado óptimo de maduración. 

Vilaboa colleita os resultados do seu firme compromiso medioambiental Cedida

Vilaboa, co seu esforzo é o concello de Galicia que máis se achegará aos obxectivos de reciclaxe marcados pola Directiva Europea de residuos e dos poucos de todo o estado”.