O Concello de Agolada decidiu asumir este ano a organización das festas patronais na honra de San Pedro e San Pablo. Debido á situación provocada pola pandemia, ningunha comisión se puxo ao fronte, pero o goberno local quixo redobrar esforzos para poder ofrecer a veciños e veciñas unha proposta de lecer coa que facer máis levadeiros estos dous días festivos locais. “Entendemos que organizar algo con esta situación é complicado, pero dende o Concello somos conscientes de que a xente ten ganas de divertirse despois dun ano tan difícil. Así que decidimos organizar algo e intentamos facelo da mellor forma posible e por suposto, seguiranse todas as medidas anticovid”, incide a concelleira de Cultura, Concepción Carballal. O presuposto para a celebración destes peculiares festexos sitúase entre os 3.500 e os 4.000 euros. 

Agolada recupera as súas festas patronais

Programación

Hoxe darán comezo os actos oficiais destes festexos. Así, a misa solemne será ás 13:00 horas. De seguido terá lugar a procesión dos santos patróns, que estará acompañada pola Banda de Música Municipal de Agolada. Esta formación tamén ofrecerá un pasarrúas e dará un concerto, sobre as 14:00 horas, na Praza do Concello, cumprindo con todas as medidas de seguridade. 

Xa pola tarde, arredor das 20.00 horas, actuará polo casco urbán o grupo de música tradicional Bico da Balouta. 

Para a xornada de mañá está programada a misa solemne tamén para as 13:00 horas. A Tuna de Veteranos de A Coruña serán os protagonistas deste mércores festivo en Agolada. Xa pola tarde, sobre as 20:00 horas, a xornada estará amenizada pola Charanga Leña Verde. 

“Agardamos que os veciños desfruten das festas do pobo. Que pouco a pouco todos volvamos a recuperar a normalidade e sobre todo, logremos coller folgos para continuar despois dunha situación tan dura que nos tocou a vivir a todos”, indica o alcalde do concello, Luis Calvo, quen aproveita a portunidade para desexar a toda a veciñanza unhas Felices Festas e apela á responsabilidade: “porque podemos desfrutar, pero cumprindo todas as medidas para combater o virus”.

Agolada recupera as súas festas patronais