O IES Ramón Mª Aller Ulloa é un centro público de educación secundaria que conta cunha plantilla de 67 profesoras e profesores que posúe unha sólida experiencia educativa. O noso obxectivo máis importante é que o noso alumnado reciba a ensinanza que necesita para poder integrarse nunha sociedade cada vez máis complexa e cambiante, pero tamén máis aberta e internacional; nunha sociedade que, se a nivel xeral está marcada polo fenómeno imparable da globalización e a difusión das novas tecnoloxías, a nivel europeo caracterízase pola paulatina ampliación da Unión Europea. Isto brinda á cidadanía a posibilidade de organizar a súa vida nun marco moito máis amplo que as antigas fronteiras nacionais, e en convivencia con linguas e culturas que hai pouco nos resultaban moito menos próximas. Este é o reto ao que pretende dar resposta o IES Ramón Mª Aller Ulloa, ofrecendo ao alumnado sólidos coñecementos científicos, pero tamén unha profunda formación humanística, cultural e lingüística. E todo sen esquecer os valores da liberdade, responsabilidade e solidariedade que están presentes nas sociedades plenamente democráticas.

Ensinanza moderna

Para dar resposta a este reto, o alumnado ten á súa disposición os instrumentos necesarios que a ensinanza moderna demanda: numerosos medios informáticos, todas as aulas con encerado dixital, laboratorio de Física e Química, laboratorio de Bioloxía, aula de Artes, biblioteca adecuada ás idades do alumnado, salón de actos, aulas de medios audiovisuais, aula de Debuxo, taller de Tecnoloxía, aula de música, aulas específicas para ciclos formativos, etc. Tamén ofrece o servizo de transporte e comedor escolar para o alumnado que así o precisa. A proximidade do Auditorio Municipal e dos pavillóns permite o uso destas instalacións cando as actividades programadas polo centro así o requiren. Pero, sobre todo, conta co máis valioso dos medios educativos: un profesorado ben preparado, de recoñecida experiencia, no que á súa preparación científica únese un afán innovador na práctica didáctica que o leva a participar en programas educativos incluso internacionais (intercambios lingüísticos e viaxes de estudos a países europeos), a reciclarse continuamente por medio da formación orientada á aplicación das novas tecnoloxías e á busca de melloras no traballo cotiá dentro da aula.

O obxectivo máis importante do centro é que o seu alumnado reciba a ensinanza que necesita para poder integrarse nunha sociedade cada vez máis complexa e cambiante Cedida

Ampla oferta educativa

En canto á oferta educativa, esta é ampla e variada: educación secundaria obrigatoria, programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento, bacharelato de Ciencias, de Artes e de Humanidades e Ciencias Sociais, ciclo formativo de grao medio de Sistemas microinformáticos e redes, ciclo formativo de grao superior  de Desenvolvemento de aplicacións informáticas, ciclo formativo de grao superior de Administración de sistemas informáticos en rede e Formación profesional básica-Informática de oficina. Ademais, conta cunha Sección da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, que neste curso impartiu inglés e francés, esperando ampliar a oferta de idiomas nos vindeiros cursos. Así mesmo, contamos cunha Aula Mentor de formación aberta, libre e a distancia a través de Internet, promovida polo Centro Nacional de Información e Comunicación Educativa do Ministerio de Educación en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e que ofrece máis de 100 cursos en liña con matrícula aberta permanente e atención titorial para o alumnado.

Desde o curso 2018-2019 impártese o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach), encamiñado a promover a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria, e tendo en conta a perspectiva de xénero.

O centro participa no Programa E-Dixgal, implantado en 1º e 2ºESO e a partir do próximo curso tamén en 3º e 4ºESO. Isto implica que o alumnado traballa con libros dixitais e conta cun ordenador para desenvolver a súa actividade educativa, tanto no centro como nos seus fogares.

O centro oferta o Programa CUALE de cursos para a formación complementaria da aprendizaxe de linguas estranxeiras, concretamente, o inglés, destinado a alumnado de 3º e 4º ESO, así como Seccións Bilingües en 3ºESO na materia de Educación Plástica, en inglés. Desde o curso 2011-2012 o centro desenvolve o Contrato-programa, seleccionando como liñas de actuación: mellora das competencias lingüística, matemática e en ciencias e tecnoloxía, Iguála-T, Con-Vive, Inclúe-T e mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia. Este programa terá continuidade no vindeiro curso.

O IES Aller Ulloa está incluído na Rede de Bibliotecas Escolares desde o curso 2005-2006 ao participar no Plan de mellora de bibliotecas escolares e solicitar a continuidade no mesmo para o próximo curso. Todo este esforzo converteu a biblioteca nun dos motores de innovación e dinamización da vida escolar, feito do que toda a comunidade educativa se sente moi orgullosa. Dentro desta liña de traballo o centro tamén participa na convocatoria dos Clubs de Lectura e dos Clubs de Ciencia da Consellería de Educación. 

http://www.edu.xunta.gal/centros/iesallerulloa/