A poucos días do remate deste ano 2020-21, que se presentaba tan complicado e que logo resultou ser máis tranquilo e proveitoso do que todos agardabamos, no IES Laxeiro xa se están a sentar as bases do que debe ser o ano 2021-22.

Coas máximas prevencións ante a evolución da crise sanitaria provocada polo COVID-19, xa preparan unha folla de ruta que permitirá unha organización adecuada das actividades lectivas a partir de setembro de 2021.

A intención é repetir a estrutura e horario nas clases que se dispuxeron este ano para lidar coa pandemia. 

Mais no IES Laxeiro sempre hai novidades e o ano próximo non será unha excepción. A falta de confirmación oficial están a preparar a implantación de novas ensinanzas de formación profesional: un novo ciclo formativo de grao superior de Acondicionamento Deportivo e unha dobre titulación de formación profesional dual. “Xunto con estas importantes novidades, o novo ano ten que ser o primeiro que nos permita desenvolver a medio prazo dous ambiciosos proxectos, como son o Plan de Capacitación en Linguas Estranxeiras e a Promoción de vocacións STEM, especialmente entre as nosas mozas”. Finalmente, “propoñémonos consolidar as ensinanzas de adultos no centro (tanto ESA -educación secundaria para adultos-, como Bacharelato), que se seguirán a impartir de xeito presencial no centro un ano máis”, e a consolidación do resto de ensinanzas de formación profesional xa implantadas no centro.

CS Acondicionamento deportivo & Formación Profesional Dual

As persoas que obteñen este título exercen a súa actividade tanto no ámbito público, xa sexa Administración Xeneral do Estado ou en administracións autonómicas e locais, como en entidades de carácter privado, en ximnasios, empresas de servizos deportivos, padroados deportivos ou entidades deportivas municipais, clubs ou asociacións deportivas, clubs o asociacións de carácter social, empresas turísticas (hoteis, camping e balnearios, entre outros), grandes empresas con servizos deportivos para os seus empregados, centros xeriátricos ou de carácter social, federacións deportivas ou organismos públicos de deportes. Pola súa banda, o CS de FP dual incluirá as titulacións de Técnico Superior en construccións metálicas e Técnico Superior en proxectos de obra civil.

O IES Laxeiro contará cun novo ciclo formativo de grao superior de Acondicionamento Deportivo. Cedida

CS Mecatrónica & CM Instalacións Eléctricas e automáticas 

A mecatrónica trata de dar resposta á crecente necesidade de integración de distintas disciplinas tecnolóxicas na industria. Cunha alta porcentaxe de inseción laboral, este ciclo dá saída a profesionais operativos, capaces de organizar, dirixir, controlar, executar o mantemento de equipos e instalacións dunha empresa industrial e/ou de servizos, utilizando para iso modernas técnicas de control, e tendo como obxectivo a continuidade dos procesos industriais e a optimización na calidade dos produtos e/ou servizos.

Instalaciones en las que se imparte el Ciclo superior de Mecatrónica. Cedida

Plan de Capacitación en Linguas Estranxeiras & Promoción das vocacións STEM

No centro xa funcionan seccións bilingües desde 2º ESO a 4º ESO e grupos CUALE francés e inglés de A1, A2 e B1 respectivamente. Unido a isto mantéñense os contactos e vínculos con centros doutros países (desde Finlandia ata Portugal) para volver a celebrar cando as circunstancias sanitarias o permitan novos intercambios de alumnado e profesorado. Asimesmo, o centro é posuídor da Carta ECHE de Ensinanza Superior e teñen en marcha ou solicitados varios proxectos encadrados no Eramus+. Todos estes elementos funcionan de xeito coordinado para aumentar a capacitación tanto do alumnado como do noso profesorado, para complementar a formación que ofrecen nun ámbito tan vital para as expectativas laborais e profesionais como son as linguas estranxeiras.

Ademais, mediante a participación nos programas convocados pola CCEE (Consellería de Educación) e MEFP (Ministerio de Educación) “pretendemos promover no futuro o fomento das vocacións STEM, especialmente entre as nosas mozas e rapazas, por resultar estas ensinanzas e ramas do saber esenciais na actualidade, xa que vivimos nun mundo e nunha sociedade onde a ciencia e a tecnoloxía ten unha presenza activa e imposíbel de obviar”.

Dende o IES Laxeiro teñen en marcha ou solicitados varios proxectos encadrados no Eramus+. Cedida

Ensinanzas de Adultos

En quenda de tarde funcionarán novamente tres grupos de alumnado. O primeiro de 19:15 a 22:30 de luns a venres, e pertencente aos niveis equivalentes a 3º ESO (setembro - febreiro) e 4º ESO (febreiro - xuño) cuxa superación outorga o título de Graduado en ESO, que permite tanto continuar estudos de ciclos de grao medio de formación profesional ou bacharelato como acceder ao mercado laboral.

O bacharelato impártese tamén presencialmente e de 16:50 a 22:30 de luns a venres nas modalidades de Ciencias e Ciencias Sociais e Humanidades. Estas ensinanzas teñen unha duración mínima de dous anos, ainda que se poden fraccionar dependendo de estudos previos e cunha limitación de seis anos académicos dende que se ingresa nelas.

O ciclo medio de Electricidade, o superior de Administración e Finanzas, Automoción, Xestión Administrativa e FP básica, completan a oferta educativa do IES Laxeiro, en Lalín.

Máis info: 

http://www.edu.xunta.gal/centros/ieslaxeiro/

Av. Buenos Aires, 71 - Lalín

Teléfono: 886 15 19 40

Email: ies.laxeiro@edu.xunta.gal