Folclore, cultura e diversión únense cada ano no Entroido de Cobres, que este 2021 suspende toda a súa programación presencial debido as restricións sanitarias con motivo da pandemia Covid-19. Con todo, a Asociación Cultural Cobres quere manter o espírito da gran cita cos tradicionais bailes de Madamas e Galáns, orixinaria do século XVIII e declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. 

Deste xeito, a entidade ven de por en marcha unha serie de accións seguras deseñadas para recordar o Entroido de Cobres ata que os bailes, os disfraces, e os xogos populares poidan estar de volta nas rúas. O Concello vestirase así con lonas relacionadas con estas datas para que os amantes da celebración sigan tendo o Entroido moi presente nos seus corazóns. 

O Concello vestirá as súas rúas con lonas relacionadas coa celebración. Cedida

Ademais, este 2021 celebrarase tamén o II Concurso de Plumas do Galo, un certame no que os máis cativos dos centros escolares (Dos 3 ós 12 anos) de Vilaboa (C.P.I O Toural, C.E.P. Plurilingüe de Riomaior e os C.R.A. de Vilaboa) encargaranse de dar forma e decorar cada unha das plumas que conforman o tradicional galo. 

Os máis cativos do concello serán os encargados de dar forma ás plumas do tradicional galo. Cedida

A directiva da asociación será a encargada de premiar ás mellores plumas de cada curso nunha cita que quere manter moi presente a un dos indispensables do Entroido de Cobres e que cada ano protagoniza antigos xogos populares como ‘o galo no río’ ou o ‘galo na vara’. 

A Asociación Cultural Cobres sacará partido asemade das redes sociais para rememorar ó mundo que o espírito do Entroido de Cobres segue moi vivo. Convoca deste xeito o I Concurso de Vídeo do Entroido de Cobres a través da conta en Facebook e Instagram da @asociacionculturalcobres

Considerada Festa de Interese Turístico de Galicia e avalada por décadas de tradición, O Entroido de Cobres voltará a inundar as rúas cos bailes das Madamas e Galáns, a queima do galo e os xogos populares en canto sexa posible. Mentres tanto, a Asociación Cultural Cobres chama á responsabilidade cidadá e ao cumprimento de todas as restricións sanitarias para garantir a seguridade fronte a pandemia.  

Para saber máis: https://www.facebook.com/asociacionculturalcobres/