Dende a aposta pola economía circular na comarca do Baixo Miño ou a valorización da actividade marisqueira no concello de Vilaboa ata a dinamización da Enseada de Cesantes como zona para a práctica de Kitesurf. Son só algúns dos múltiples proxectos que xa están en marcha grazas as axudas do GALP Ría de Vigo - A Guarda. Destinadas ó sector pesqueiro e financiadas a través da xestión do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), poderán solicitarse ata o próximo luns día 1 de marzo. 

“Trátase dunha gran oportunidade para as empresas do sector pesqueiro. Estamos a falar dunhas axudas que financian ata o 100% das iniciativas no caso dos proxectos non produtivos e ata o 80% no caso dos produtivos se están relacionados coa pesca artesanal”, adianta Elena Herbello, xerente do GALP Ría de Vigo-A Guarda, sobre unha orde de axudas coa que as empresas do sector pesqueiro poderán impulsar os seus negocios de múltiples xeitos. 

“Modernizar as súas instalacións, mellorar a trazabilidade dos seus produtos e as súas formas de comercialización ou apostar por novos proxectos que xeren valor engadido…”, exemplifica Herbello para pasar a subliñar que o equipo profesional do GALP acompañará aos negocios en todo o que precisen durante o proceso de solicitude.

“Estamos nas oficinas de Beiramar (Beiramar 49 - 3º,  oficina 5) para solventar as súas dudas e acompañalos en todo momento. Tamén poden escribirnos un correo ó enderezo galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal ou chamarnos a través dos números de teléfono 986 358 109 e 646 873 106”, engade e anima aos interesados a entrar na páxina web do GALP para coñecer todos os detalles. 

Requisitos e fins

Según concretan dende o GALP, a orde de axudas cubrirá ata o 100% dos proxectos de entidades públicas locais e asociacións relacionadas co sector (cofradías de pescadores, asociacións, entidades sen ánimo de lucro) no caso de investimentos non produtivos de interese colectivo; e ata o 50% no caso de outros investimentos non produtivos. 

Ademais, as persoas físicas ou xurídicas empadroadas ou con sede social no territorio que desexen desenvolver o proxecto na zona, recibirán axudas por valor de ata 80% dos proxectos no caso de investimentos produtivos da pesca costeira tradicional; e ata o 50% no caso de outros investimentos produtivos.

Máis en concreto, a orde de axudas está destinada a iniciativas que persigan os seguintes fins: innovar na cadea de produción dos produtos locais do mar, mellorar o posicionamento no mercado dos devaditos produtos, crear novos produtos e/ou servizos turísticos, fomentar a conservación da costa, espertar a conciencia ecolóxica, sensibilizar sobre o patrimonio pesqueiro e crear redes de colaboración no sector. 

GALP Ría de Vigo - A Guarda

“Queremos que as zonas costeiras acaden todo o seu potencial a través dun proceso de desenvolvemento sostible, promovendo a participación social”, definen dende o GALP, formado por distintos axentes - públicos e privados - da área comprendida entre a Ría de Aldán e A Guarda, con especial protagonismo dos relacionados co sector produtivo mariño. Axudan a persoas físicas e xurídicas a financiar os seus proxectos empresariais relacionados co mar a través da xestión do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) segundo os criterios acordados entre todos para o territorio.

Para saber máis:  https://galp.xunta.gal/