Visión é o primeiro que se precisa en calquera proxecto que queira obter resultados, e visión é, precisamente, o que aporta este ollo virtual conformado por apps móbiles e sensores intelixentes co que a empresa encargada da limpeza do concello mellora cada día a súa vocación de servizo en Vigo. Porque a cidade olívica é innovadora e intelixente, “unha auténtica smart city”, e FCC Medio Ambiente non se queda atrás nesa senda de innovación constante á hora de ofrecer o mellor servizo na recollida de lixo. Para acadalo, seguen apostando polo uso de tecnoloxía limpa e respectuosa co medio ambiente, achegándose cada vez máis ós cidadáns e realizando unha xestión integral a través de sistemas intelixentes e apps móbiles.

“Estamos empregando as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para crear infraestruturas para os cidadáns, incluíndo a eficiencia e a sustentabilidade en todos os aspectos. Isto é o que habitualmente recibe o nome de smart city. A cidade en xeral, e FCC Medio Ambiente en particular, traballamos desde fai moito tempo con este fin”, apuntan desde o equipo da empresa, que conta para isto coa plataforma VisiOn, un modelo intelixente de xestión e trazado dos servizos ofrecidos que, entre outras funcionalidades, incorpora módulos específicos para a análise da sustentabilidade e diminución da pegada de carbono. 

“VisiOn permítenos controlar as flotas, centralizar as apps ou xestionar toda a documentación”

Unha aposta que ofrece tamén inmediatez nos fluxos de información, permitindo unha visión en tempo real dos servizos e a mellora constante dos mesmos de xeito accesible, áxil e intelixente, e facilitando ademais o traballo de operarios e capataces: “Con visiOn, podemos controlar e administrar as flotas en tempo real, centralizar todas as aplicacións dispoñibles ou xestionar a documentación. Por exemplo, a información engadida nun punto por un capataz é accesible inmediatamente para os equipos. Deste xeito e a través de información precisa e imaxes, evítanse chamadas, papeis, etc.”, describen sobre a plataforma, construída e mantida polo propio departamento TIC de FCC Medio Ambiente, o que permite adaptar a súa evolución en función das diversas continxencias.  

Entre as funcionalidades da plataforma atópanse os dispositivos de control de enchido José Lores

Contedores en clave de big data

“As novas tecnoloxías xa forman parte da nosa vida. No servizo de FCC Medio Ambiente en Vigo desenvolvemos diversas aplicacións móbiles que redundan nunha mellora do servizo e que se converten en grandes aliadas para os nosos traballadores. Grazas a estas ferramentas, o persoal pode consultar os diferentes tipos de recollidas que teñen que realizar, ou resolver as posibles incidencias que se atopan durante a xornada de traballo diario. A isto hai que engadir os dispositivos de control de enchido dos contedores para a recollida selectiva”.  

Así é. Entre as funcionalidades de VisiOn atópanse tamén os dispositivos de control de enchido dos contedores, sensores implementados nos mesmos contedores para recoller e enviar periodicamente os datos de enchido: “No día a día, isto permítenos coñecer o nivel de enchido e actuar de forma anticipada; pero ademais podemos usar esas cifras a longo prazo para levar a cabo estudos de usos e costumes das diversas áreas, algo moi útil á hora de propoñer melloras de eficiencia nas rutas e frecuencias de recollida”. 

Un aspecto para o que FCC Medio Ambiente apoia ás empresas locais, deseñando e fabricando os devanditos dispositivos na cidade olívica, que ademais empregan despois noutras das localidades nas que traballan. 

Con respecto á xestión da flota, visiOn tamén representa unha gran aliada. Ademais de rexistrar a posición de todos os vehículos, permite recoller calquera outro parámetro de interés do servizo: “Esta capacidade ofrécenos a oportunidade de contar cun elevado control da calidade do servizo que, ó fin e unha vez máis, repercute nos cidadáns”. 

O mesmo ocorre no caso da xestión de incidencias, moito mas rápida e eficiente, por un lado; e personalizada, polo outro: “Cando un cidadán nos pregunta pola súa situación, podemos acceder ó historial de accións realizadas, con procesos detallados e imaxes… Deste xeito, é moito máis doado resolver calquera situación”.

Un compromiso coa vangarda e as vantaxes da tecnoloxía ó servizo dos cidadáns e do coidado do medio ambiente que proporciona a FCC Medio Ambiente a base precisa para seguir avanzando na mellora dos sevizos, con alta dispoñibilidade e todas as garantías de seguridade en protección de datos.