Máis da metade do lixo que xeramos no noso fogar son residuos orgánicos que se poden reciclar para completar o ciclo da vida. Esta é a premisa coa que xurdiu a experiencia piloto de contedores marróns con apertura Pass Vigo nas zonas de Navia e Castelao. A punto de festexar o seu primeiro aniversario, a experiencia que aposta por dar unha segunda vida ós refugallos xerados durante as comidas segue a sumar coa implantación do quinto contedor marrón con apertura Pass Vigo. Un proxecto co que a que xa é a cidade que máis recicla de Galicia aspira a converterse tamén na primeira 100% selectiva capaz de separar e reciclar todos os residuos.

Máis concretamente, estes contedores están concibidos para que os cidadáns poidan depositar de forma diferenciada restos e sobras como cáscaras de ovo, peles de fruta ou restos de infusións, entre outros moitos. Xorden polo tanto co fin de dar unha segunda vida a estes refugallos a través da creación dun abono natural de calidade, que se poida empregar tanto para agricultura como para xardinería. O compost é, de feito, un abono natural rico en substancias minerais que podemos usar na terra para aumentar a súa fertilidade, o que tamén axuda a reducir a contaminación por fertilizantes químicos e a paliar o quecemento global.

Dado o seu fin, desde o Concello recordan que os contedores marróns non poden usarse para depositar refugallos como os restos xerados ó barrer, as compresas e outros produtos hixiénicos, a cinza ou as feces de animais de compaña, que deberán ser depositados no habitual contedor de cor verde. Do mesmo xeito, os usuarios do devándito contedor teñen que facer uso de bolsas compostables. Isto é así polo seu carácter biodegradable, que as converte en óptimas para facer compost. Para empregar estes contedores é imprescindible a Tarxeta PassVigo. Un novidoso sistema de apertura moi sinxelo para o que só é necesario apoiar a tarxeta sobre o lector. Ós dous segundos, un asubío indicará ó cidadán que pode levantar a tapa, que logo pecharase soa.