A XGN R Encounter, a maior lanparty de Galicia, comezou a súa edición número vinte. Nesta ocasión celebrase online debido á situación derivada da COVID-19, a cal supuxo que non sexa aconsellable o seu desenvolvemento de forma presencial.

Aínda que noutro formato, este evento centrado na informática e as novas tecnoloxías non falta así á súa cita anual, contando por cuarto ano consecutivo co patrocinio oficial de R, que tamén proporciona a conectividade, e novamente co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da party.

Nesta 20ª XGN R Encounter habilitáronse 1080 prazas virtuais, dispoñibles de forma gratuíta a través da web www.xgnrencounter.gal e nas que os interesados poden inscribirse tamén durante a party, a cal se clausurará ás 00.00h da madrugada do domingo ao luns.

A XGN R Encounter 2020 contará no seu programa con máis de 30 actividades lúdicas e formativas. Os inscritos contarán cun gran número de competicións. Na modalidade de arte dixital, algunhas delas centraranse en curtametraxe, dobraxe, ilustración e música dixitais ou retoque fotográfico, mentres que en hardware a modificación e personalización de equipos será protagonista. En software libre o desenvolvemento rápido de videoxogos e a programación de robots serán os retos desta edición e en canto a videoxogos, celebraranse catorce torneos. Sumaranse propostas moi divertidas, como o debuxo analóxico, o R karaoke ou o fast comic, no que haberá que contar unha historia en oito viñetas.

Tamén para inscritos, pero xa abertas ademais a todo o público, haberá numerosas charlas e talleres formativos con temas de gran interese, como intelixencia artificial, informática e estatística, programación ou introdución ao deseño 3D, ademais de propostas máis lúdicas como o de tiras led programables.

Actuacións e entrevistas

Moitas destas actividades, tanto dirixidas aos rexistrados como abertas ao público xeral, serán retransmitidas e comentadas nun extenso programa que se emitirá en streaming durante os dous días do evento, a través da plataforma "Twitch".

Este programa, que servirá de fío condutor ao evento, será presentado por dous coñecidos streamers, Mery Soldier e Alexshow. Contará con actuacións musicais, como as de DirectoD2 e Elesky, e con entrevistas, entre as que destacan as que se realizarán ao músico Pablo Novoa (ex "Golpes Bajos" e "La Marabunta"), e ao guionista José Antonio Pérez ("Mi Mesa Cojea", "Órbita Laika"). Tamén haberá espazo para o humor, cos televisivos Grison Beatbox e Jaime Caravaca, e para interesantes entrevistas.

Para saber mais:

Web: https://xgnr20.xgnrencounter.gal/