Cangas festexa por quinto ano consecutivo o seu pasado máis épico. A tradicional cita coa 'Defensa da Vila', que rememora o desembarco dos temidos piratas turcos berberiscos, estase a celebrar esta fin de semana e alongarase ata o luns, aproveitando o festivo, con todas as medidas de hixiene e protección necesarias para garantir a seguridade de artistas, veciños e visitantes.

A nova edición adáptase así para dar continuidade á celebración ao tempo que se mantén o apoio á cultura galega e local. Conta deste xeito con diversas citas musicais e teatrais, ademais dos tradicionais pasarrúas, o mercado de época da Alameda Vella, ou as Xornadas Gastronómicas do Século XVII, entre outros atractivos do programa, no que tampouco faltan as propostas para os máis cativos, con música e bonecos.

O acto central, pola súa banda, terá lugar o domingo á tardiña, coa tradicional escenificación da 'Defensa da Vila' fronte aos piratas berberiscos, unha invasión que cumple xa máis de catro séculos, así como a historia da emblemática canguesa María Soliña fronte a Inquisición. A aposta correrá a cargo da compañía de teatro Ningures e contará tamén coa colaboración de diferentes colectivos de Cangas.

Muda ademais este 2020 de formato para garantir a seguridade fronte á Covid-19. En lugar de tratarse dunha exposición teatral itinerante como viña sendo habitual, terá carácter fixo, enriba dun escenario situado na explanada de Ojea: "A seguridade dos veciños e artistas é a gran prioridade para este 2020, queremos dar continuidade a unha festa que é importante para Cangas. Todo isto, por suposto, de xeito reducido e adaptado a nova situación", explica o alcalde da vila, Xosé Manuel Pazos, dende a corporación municipal, que contratou unha empresa externa especializada para a desinfección de espazos, control de aforos, distancia de seguridade, colocación de cadeiras e dispensadores de xel hidroalcohólico, etc.

Pola mesma razón, para participar nas actividades, nas que é obrigatorio o uso de máscara, este ano é necesario recoller unha invitación previa na Casa da Xuventude de Cangas ou á entrada das actividades.

A gran cita co pasado cangués pode desfrutarse xa coas propostas do mercado de época, ubicado na Alameda Vella e que estará aberto ao público ata o luns as 20.00 horas. Non faltará tampouco a nota musical, con diversos concertos na praza da Constitucion, coma o do grupo de Folk Arxe ou os sons de T.N.T., Tanto nos Ten, que se celebrará hoxe sábado ás 21.00 horas. Haberá tamén pasarrúas a cargo de: Trébede, hoxe; Lembranzas da Ría, mañá; e a Banda de Gaitas María Soliña, xa o luns.

Na mesma liña, o programa conta con dúas visitas guiadas á capela de San Roque. Baixo o título '1617, a defensa da vila', terán lugar tanto hoxe coma o luns a partir das 11.00 horas.

Súmanse a todo isto as propostas do mercado de época así como as xoias culinarias máis sabrosas e históricas, garantizadas grazas a participación de máis dunha ducia de establecementos cangueses nas Xornadas Gastronómicas do Século XVII.