Porriño atópase nos días grandes das Festas do Cristo. Unha festividade este ano que, coma todo, está marcada pola pandemia da Covid-19, o que supón que se reducisen e se limitasen os actos programados. Aínda así, dende o Concello animan a desfrutar “con sentido e responsabilidade” destes días e para elo confeccionouse unha programación adaptada á normativa de seguridade sanitaria vixente, con aforamento e medidas de prevención fronte a esta nova enfermidade.

Música, cine e espectáculos de rúa. Non faltan eventos dirixidos aos diferentes públicos. O concerto estrela foi, sen dúbida, o que protagonizou onte Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. Foi na Praza Arquitecto Antonio Palacios, onde como o resto de actividades alí celebradas, a capacidade está fixada en 100 cadeiras, ao igual que na Praza do Cristo. Non é preciso a inscrición previa, só ir con tempo para asegurar asento e seguir as indicacións das persoas encargadas de acomodar aos asistentes no seu correspondente lugar.

“Achegádevos para botar uns bailes (na cadeira) e lembrar a vosa tenra, doce e rockanroleira infancia con nós!”, así foi como animou a banda Collón de Lola a asistir ao seu retorno aos escenarios logo do confinamento. Os músicos galegos deleitaron ao público con versións do Xabarín Club, cancións que marcaron toda unha xeración de rapaces.

O domingo actuaron Os Bregadiers, “experimentados músicos galegos nunha formación que leva ás rúas músicas doutras latitudes: ritmos swing, jazz e rock&roll”, e hoxe luns, festividade local, tocará a Agrupación Musical do Porriño en sesión vermú e pola tarde Vella Escola e EmanArte presentan o seu show Ópera Break´s, unha mestura de ópera, breakdance e dj nun único espectáculo de gran calidade artística que brota da conexión da soprano Esperanza Mara (Emanarte) e os artistas urbanos do colectivo Vella Escola, dj Mil e os bailaríns Bboy Serlli e Pol Rock. A xornada pecharase cunha tirada de fogos de luces e proseguirá a vindeira fin de semana coa cita dos Callos como broche de ouro.

Camila Moreira, Concelleira de Cultura

“Non hai verbenas, pero si podemos disfrutar das festas”

“Como case todo o que se fai en cultura, as Festas do Cristo son diferentes”, asegura a concelleira Camila Moreira. “Non hai verbenas con orquestas, pero non por iso deixaremos de gozar delas, farémolo doutra maneira, dun xeito máis pausado e sempre conscientes da seguridade sanitaria necesaria”, engade.

Fogos de luces, iluminación nas rúas e un programa con moita música. “Optouse este ano por concertos de pequeno formato e tamén, como non hai atraccións de feira para a rapazada e crianzas, trouxemos unha zona de xogos de Playmobil que está estes días no auditorio exterior do centro cultural”, explica

Moreira lembra que a programación iniciouse a comezos de mes co Festival de Cans, o cal tamén trouxo ao pobo a exposición Fuera de escena, e pecharase o vindeiro domingo coa degustación de callos nos diferentes establecementos hostaleiros da vila.

CADRO DE AXENDA

Luns 2

  • Zona de xogos Playmobil. No auditorio exterior do centro cultural, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
  • Agrupación Musical do Porriño. Na Praza do Cristo, ás 13.00 horas.
  • Ópera Break’s. Na Praza Arquitecto Antonio Palacios, ás 18.00 horas.
  • Fogos de luces. Na ponte do Valo, ás 23.00 horas.

Sábado 3

  • “Voo” de Ánxela Fernández. Na Praza do Cristo ás 18.00 horas.

Domingo 4

  • XXVII Festa dos Callos ameniza Agrupación Feixoada. Polas rúas da vila a partir dás 12.00 horas.
  • 25 aniversario coral Agarimo. No polideportivo municipal, ás 18.00 horas.