Aprazada o pasado mes de xuño por cuestións de seguridade sanitaria, a feira ‘Moaña Antiqua, Festa Medieval de San Martiño’, organizada polo Concello e a Asociación Cultural Moaña Antiqua, celebrarase finalmente a próxima fin de semana do 2 ao 4 de outubro con todas as medidas de protección e hixiene necesarias. Unha cita na que poderá desfrutarse dun amplo programa de ocio responsable, con espectáculos culturais, concertos de agrupacións locais ou obradoiros para os máis cativos, e na que tampouco faltará o tradicional pregón a modo de monólogo no adro da igrexa de San Martiño, que este 2020 estará protagonizado polo coñecido actor Sergio Pazos, coa actuación ‘Afiando con Humor’.

En liña coa aposta pola seguridade fronte á Covid-19 como gran prioridade, a feira reduce este ano a trinta o número de postos, cunha rigorosa selección de produtores de artesanía e alimentos con Denominación de Orixe e Indicación Xeográfica Protexida.

Outra das principais novidades para a presente edición ven motivada polas novas datas da cita: deste xeito e co fin de evitar que o tempo poida ‘aguar a festa’, colocarase unha carpa que cubra todo o adro, polo que lamentablemente este ano houbo que prescindir do espectáculo con lume.

A cita co Medievo de Moaña empezará xa o venres, día 2, ás 19.00 horas coa apertura de postos. Deixará paso, xa ás 21.00 horas, ao pregón-monólogo de Sergio Pazos, ao que seguirá unha divertida actuación de ‘Fanfarria Taquikardia’.

O sábado, pola súa parte, a programación empezará cedo, coa tradicional charla a cargo do historiador Manuel Uxío, ás 12.30 horas na Escola de Música. Xa a tardiña, haberá varios obradoiros infantís para os máis pequenos e poderá desfrutarse ademais dos sons do grupo ‘Moañesa de Música e Danza’. A partir das 20.30 horas, tamén o sabado, chegará unha das actividades máis especiais da fin de semana, na que, aproveitando a feira, a banda de música Airiños do Morrazo de Moaña festexará cun cálido concerto o seu 140 Aniversario.

O domingo, finalmente, moañeses e visitantes poderán participar a partir das 10.30 horas dun roteiro por San Martiño. Dende o Concello pregan aos interesados inscribirse previamente no correo electrónico: info@ailladosratos.com. As 17.00 horas, está previsto o concerto de ‘Çé Orquesta Pantasma’ para a rapazada, e haberá tamén un obradoiro de peiteados medievais.

Ademais dos postos e as actividades mencionadas, os tres días da feira contarán coa intervención imprescindible da Pitonisa Felisa e a animación das rúas por parte das actrices moañesas Codia e Miolo.

Unha feira distinta este 2020, que se adapta para ter continuidade ao tempo que reduce os riscos fronte a pandemia. Obxectivo para o que o Concello contratou os servizos dunha empresa externa, que garantizará o cumprimento ao cento por cento dos protocolos compartidos polas autoridades competentes, con controis de acceso en entradas e saídas, cadeiras distribuidas con distancia de seguridade, uso obrigatorio de máscara, etc. Contará tamén coa colaboración de Proteccion Civil.