Cambiaron as datas, as circunstancias e os modelos de exame, pero non os nervios; eses non, eses son os mesmos de sempre, os de todos os anos. Menos dun mes queda para a celebración da que é unha das citas cruciais na traxectoria de todo estudante universitario.

Como o resto de galegos, os xóvenes do Morrazo prepáranse estes días para someterse aos exames de selectivade, coñecidos hoxe en día polas siglas EBAU e que finalmente terán lugar os próximos 7, 8 e 9 de xulio. Fanno nas que quizais sexan as circunstancias máis excepcionais da historia da proba, tras máis de dous meses sen clases presenciais impostas polo confinamento derivado da crise sanitaria con motivo da pandemia Covid-19.

Como consecuencia directa desta situación, os modelos dos exames de selectividade serán este ano distintos a anos anteriores en todo o país para aumentar a opcionalidade das probas, sen preguntas obrigatorias e deseñados de tal maneira que os alumnos e alumnas con parte do temario previsto sen dar poidan optar igualmente á unha calificaciòn de 10.

Un cambio que, lonxe de aumentar os nervios, foi ben recibido polo alumnado da comarca: “Creo que entenderon ben as modificacións, que saben que esa maior opcionalidade pode favorecerlles. En xeral, están contentos”, explica así Xurxo Pereira Morata, profesor de grego e vicedirector do IES A Paralaia de Moaña.

“Houbo que facer axustes, pero conseguíronse unhas probas que se adecúan a situación, con maior opcionalidade, permítenlles responder a bastantes preguntas sen estudar todo o temario”, apunta na mesma liña o mestre que, malia todo, sí recoñece que este ano os alumnos tiveron que facer un esforzo extra: “Foron dous meses sen clase, non estás ao pé deles, pero aínda así traballaron moi ben. No meu caso concreto, rendimos incluso máis que outros anos anteriores, deunos tempo a dar o temario completo, e fixemos mais traducións e textos. Foi grazas ao seu esforzo, que a verdade é que é de recoñecer e avalar”.

Tempo sen clase que finou coa reapertura das aulas para o alumnado de Bacharelato durante o proceso de desescalada, con medidas extraordinarias de hixiene e seguridade para garantir a protección e traquilidade de todos os alumnos e o profesorado así como do resto de persoal do centro e que contou coa implicación de todo o claustro así como dos equipos de limpeza e conserxería aos que, dende o centro, insisten en transmitirlles o seu agradecemento: “A volta fixémola escalonada para evitar aglomeracións: cada alumno asistía só as clases que realmente tiña; e durante toda a semana previa estivemos prepatrando o material, con indicacións para manter a distancia de seguridade, etc.”, comenta así o profesor, que describe unha situación de normalidade durante a volta, agora xa só coas clases de reforzo para preparación da Selectividade.

“Vexo que están concienciados, que teñen moi claro cómo van ser as probas e eu diría que non están máis nerviosos que outros anos. Sí os noto máis cansados, este curso fíxose moi longo. Noutros cursos escolares, xa terían rematadas as probas e agora estarían de vacacións”. Xa queda menos.