O obradoiro de Creación Audiovisual foi unha das novas con mellor acollida durante este curso no IES Monte Carrasco. A iniciativa, que contou incluso co estreo dunha cortometraxe o pasado 19 de xuño, é só un dos exemplos da importancia que cobra a innovación educativa no centro, o único do concello de Cangas que imparte de xeito exclusivo a Educación Secundaria Obrigatoria, deseñando todos os anos unha programación que fai fincapé na atención á diversidade.

Proba deste compromiso é tamén a iniciación no 2019-2020 dun programa de Mediación Escolar, que da continuidade ao programa de Alumnado Axudante xa implantado no IES. Ambos teñen por finalidade formar equipos de alumnos e alumnas especializados na detección precoz, na xestión de conflitos e na mellora da convivencia utilizando estratexias de axuda entre iguais.

Dende o centro lamentan que a situación do confinamento imposto pola crise sanitaria derivada da pandemia Covid-19 impedira o desenvolvemento completo do programa, deixando varios proxectos abertos que se retomarán o vindeiro curso como son a posta en marcha do invernadoiro, o laboratorio de fotografía e o obradoiro de realidade virtual, entre outras iniciativas.

Distinguido tamén pola súa aposta polas ferramentas dixitais e as novas tecnoloxías como aliadas do proceso de ensino, o IES Monte Carrasco está integrado no programa E-Dixgal e, do mesmo xeito, pon a disposición de todos os seus alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO un ordenador portátil para uso individualizado.

Outro dos eidos principais da actividade do IES Monte Carrasco é a formación en idiomas extranxeiros, para o que ofrece seccións bilingües en inglés na materia de Bioloxía e Xeoloxía en todos os cursos da ESO. Atractivos que se completan coas súas instalacións, entre as que se contan as aulas de informática, música e plástica ou o taller de tecnoloxía, ademais do laboratorio de física e química, o pavillón e as aulas de apoio multimedia.

O centro mantén ademais a súa aposta por impulsar as chamadas vocacións STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) co seu Club de Ciencia que, enlazando co tema do cambio climático, organiza roteiros, debates sobre o uso do antibióticos, encontros da literatura científica ou xestiona os residuos no centro, entre outras iniciativas.

Vencellado a este clube está o departamento de Música, que seguiu desenvolvendo a súa ‘Radio Labirinto’, con podcasts e outros contidos propios deste medio de comunicación, tamén durante o período de peche das aulas imposto pola pandemia Covid-19 ao longo destes meses.

Aposta pola literatura e o arte

A biblioteca é outro espazo do centro con moita actividade no que se organizan encontros, roteiros literarios, concursos de relatos... Conta cun Club de lectura de adultos e outro para o alumnado. O Equipo de Biblioteca xunto co Equipo de Dinamización Lingüística organizan diferentes actos ao longo do curso onde son protagonistas valores como a paz ou a loita contra a violencia de xénero. Atenden tamén á recuperación de festas tradicionais. O IES promove ademais o desenvolvemento das aptitudes artísticas ofertando as materias de libre configuración “Obradoiro de Música” e “Obradoiro de Plástica e Audiovisual” en 1º e 2º de ESO. Ademais, a aula de música convértese en aula de ensaios nos recreos e se potencian as actuacións musicais nas diferentes celebracións no centro. Existe tamén un grupo de música tradicional integrado por profesorado e alumnado e organizan un festival no auditorio municipal unha vez o ano.

Vida activa e saudable

O IES Monte Carrasco aposta por un Plan Deportivo destinado a que os seus alumnos e alumnas adquiran a necesidade de levar unha vida activa e saudable, dando a coñecer con esta finalidade os recursos existentes na vila de Cangas e o Plan de Correspondentes Xuvenís 3.0, unha rede de dinamizadores que recompila toda a información xuvenil ao seu alcance, tanto de concellos e outras administracións, como de asociacións, colectivos... etc., para poñela a disposición dos seus compañeiros.